0 Gardados para despois

Mónica Rodríguez (UGT): "Non interesa cuantificar o traballo non remunerado que fan as mulleres"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A UGT rexistrou rexistrou paros de dúas horas por quenda para este 8 de marzo (de 0:00 a 2:00 horas na quenda de noite, de 12:00 a 14:00 na quenda de mañá e de 19:30 a 21:30 na quenda de tarde). Ademais, o sindicato convocará concentracións pola mañá e animará a participar nas mobilizacións da tarde convocadas polo movemento feminista. A central asina, así mesmo, un manifesto conxunto con CCOO e vén de dar a coñecer un informe sobre a brecha salarial entre mulleres e homes en Galicia. Falamos con Mónica Rodríguez, secretaria de Igualdade do sindicato en Galicia. 

"A nosa denuncia diríxese á fenda salarial, á precariedade xeneralizada do emprego feminino e, finalmente, á existencia de violencias machistas tamén nos centros de traballo"

Hai moitas razóns para a folga do 8 de marzo. Que tres ou catro grandes cuestións destacarías? 

Nós centramos as razóns da folga en tres cuestións principais, que agochan detrás moitísimos factores e unha situación estrutural de discriminación. A nosa denuncia diríxese en primeiro lugar á fenda salarial, en segundo lugar á precariedade xeneralizada do emprego feminino e, finalmente, á existencia de violencias machistas, tamén nos centros de traballo. O acoso sexual é unha violencia que está moi invisibilizada e as mulleres que o sofren están moitas veces moi desprotexidas.

Está convocada tamén unha folga de coidados, que está moi ligada tamén ao ámbito laboral, porque a maioría das mulleres cun emprego remunerado deben ocuparse tamén dos labores de coidados, o que se traduce en notables obstáculos para o seu emprego... 

Si, porque o tema da fenda salarial é só a punta do iceberg. A fenda agocha detrás o carácter involuntario, moitas veces, da contratación a tempo parcial de moitas mulleres, que optan por un traballo a media xornada pola asunción de responsabilidades e coidados familiares. Nós consideramos, ademais, que o traballo das mulleres está totalmente infravalorado. A estruturación horizontal que temos no noso mercado laboral amosa, ademais, que as mulleres estamos maioritariamente empregadas en sectores que están peor remunerados. E a todo isto hai que sumar o traballo non remunerado que fan as mulleres, que non interesa cuantificar. Estariamos falando de moitos millóns de euros que están a perder, ou teríamos que falar de que as mulleres están a suplir moitos servizos básicos que tería que dar o Estado.

"Non interesa cuantificar o traballo non remunerado que fan as mulleres, moitos millóns de euros que están a perder. Teríamos que falar de que as mulleres están a suplir moitos servizos básicos que tería que dar o Estado"

Que expectativas ten o sindicato para a folga do 8M?

É unha folga diferente a outros formatos que se teñen convocado nos últimos anos. O que temos claro é que ten que ser unha folga que se debe visibilizar na rúa e as tres organizacións sindicais máis representativas en Galicia puxémonos de acordo para fixar os horarios desta convocatoria de folga de dúas horas por quenda para facilitar que a mobilización se visibilice. Dende UGT entendemos que con este paro de dúas horas podemos facilitar a participación de todas as traballadoras en todas a mobilizacións que se convoquen.

"Que se estea falando do tema, que se considere como algo prioritario, para nós xa é un éxito. E, despois, o día 8 queremos ver as rúas cheas"

O seu éxito ou fracaso deberá ser valorado en termos distintos ao doutras folgas?

Dende UGT estamos convencidas da importancia de poñer no centro do debate público durante varias semanas cuestións coma a fenda salarial, que tratamos moito no interior dos sindicatos, pero da que non se fala tan habitualmente. A información e a sensibilización é fundamental, porque a actual vontade política é a que é. Que se estea falando do tema, que se considere como algo prioritario, para nós xa é un éxito. E, despois, o día 8 queremos ver as rúas cheas.

"As políticas aplicadas nos últimos anos, modificacións lexislativas e recortes orzamentarios provocaron retrocesos. É o momento de dar un golpe na mesa e dicir 'ata aquí'"

Como cualificas as críticas que nas últimas semanas varios dirixentes de PP e Ciudadanos expresaron contra a folga?

Eu case nin me atrevo a cualificar eses comentarios. É certo que están tendo moitas incoherencias internas, porque hai moitas cuestións que están xa moi asumidas, que son prioritarias e ás que lles é difícil poñerse de costas totalmente. Creo que é moi importante o apoio masivo que a folga está a ter por parte do resto de partidos, sindicatos, entidades sociais e da cidadanía en xeral. Non hai razóns para non apoiar o paro, porque os datos son os que son e todos e todas vemos nos nosos ámbitos as discriminacións que as mulleres estamos a sufrir. As políticas aplicadas nos últimos anos, modificacións lexislativas e recortes orzamentarios, lonxe de traballar pola consecución dunha igualdade real, provocaron retrocesos. Non esquezamos que hai uns meses o Tribunal de Xustiza da UE declarou discriminatoria por razón de xénero a normativa española para calcular as prestacións por desemprego para os contratos a tempo parcial. É o momento de dar un golpe na mesa e dicir 'ata aquí'.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.