0 Gardados para despois

As traballadoras de estilismo da TVG levan catro meses sen cobrar

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A empresa New Model's vén sendo dende hai media década a adxudicataria do servizo de estilismo da Televisión de Galicia. O último contrato logrouno en xullo de 2016 por un importe de 156.600 euros e un prazo de execución dun ano. No entanto, a compañía comezou a acumular problemas económico e en novembro do pasado ano un xulgado de Pontevedra certificou a súa declaración voluntaria en concurso de acredores, dando lugar a unha espiral na que quedaron atrapadas as súas traballadoras, que acumulan xa catro meses sen cobrar e preparan mobilizacións e unha folga indefinida.

Segundo informa a CIG, a declaración concursal de New Model's produciuse dous meses despois de que a Axencia Tributaria embargase as súas contas para cobrar débedas pendentes coa Facenda pública. Así, a CRTVG pagaba con normalidade o servizo, pero o diñeiro ía parar directamente a Facenda ata sumar unha contía de 70.000 euros. Así e todo, sempre segundo a central sindical, débeda da empresa co fisco é moi superior a eses 70.000 euros, polo que continúa sen poder obter a necesaria certificación da Axencia Tributaria segundo a cal xa non ten pagamentos pendentes, condición imprescindible para poder volver cobrar da canle pública.

A empresa que xestiona o servizo entrou en concurso de acredores e as súas débedas con Facenda bloquearon os pagamentos ao persoal

Neste crebacabezas hai aínda unha peza máis. O pasado marzo, cando as traballadoras levaban xa tres meses sen soldo, a administración concursal de New Model's pediu que a CRTVG lle pagase "as cantidades retidas". Facíao "achegando un criterio interpretativo" da propia AEAT segundo o cal "cando un debedor concursal efectúe pagamentos aos que está obrigado por contrato" se existe un requirimento xudicial ou da administración concursal -como é o caso-, non haberá problemas legais para el.

Esta é a situación de parálise que que levou as traballadoras a mobilizarse. "O pasado 16 de marzo -explica o sindicato- a CRTVG trasladou ás traballadoras" a "decisión de enviar un escrito á administración concursal" para "comunicar a intención de abonar a New Model's as cantidades pendentes" pero non facelo ata o 1 de abril. "Alarga absurdamente o prazo e prolonga innecesariamente o sufrimento das traballadoras", sinala a CIG, que agrega ademais que o movemento da compañía pública "non contribúe a disipar o temor" da empresa que dende os primeiros días de marzo ten adxudicado o servizo, Acicala Estilismo, gañadora dun novo proceso de contratación, tamén por un ano, por 142.200 euros.

A compañía pública admite a posibilidade de que a nova empresa adxudicataria do servizo poida renunciar ao contrato para evitar ter que asumir débedas de New Model's

Existe a posibilidade, di o sindicato, de que Acicala Estilismo "teña que asumir débedas que New Model's puidese ter contraídas con Facenda, a Seguridade Social" ou as propias traballadoras, que serán subrogadas -continuarán traballando coa nova compañía-". Non en van, "como así lles comunicou a CRTVG ás traballadoras", podería "resultar finalmente" que a nova empresa decida renunciar ao contrato. Se iso sucedese, explican, o criterio dos responsables de contratación do ente público é que "habería que tramitar un novo expediente de contratación" para adaptarse á nova lei de contratos. Ese novo expediente "xa non podería incluír a obriga de subrogar as traballadoras" e os seus postos de traballo ficarían "no aire".

Petición de rescate e mobilizacións

As traballadoras preparan unha folga indefinida e a CIG reclama o rescate do servizo

Dadas as circunstancias nas que se viron atrapadas as traballadoras, a CIG considera que o acontecido é boa mostra de que "as privatizacións, baseadas en criterios mercantilistas de lucro, non garanten o emprego e os dereitos laborais" do persoal "e comprometen a calidade e continuidade do servizo público". Cómpre, daquela, que a CRTVG "rescate" o servizo de estilismo e pase a prestalo directamente. O mesmo, agrega, debería suceder con "calquera outro servizo da actividade principal" da Corporación Radio Televisión de Galicia "que teña carácter estrutural".

Este é o pano de fondo co que as traballadoras porán en marcha o seu calendario de mobilizacións. A primeira será este xoves, cunha concentración nas instalacións da canle pública en San Marcos, e se nada muda comezarán unha folga indefinida en defensa dos seus postos de traballo o día 30 deste mes. Tras transcender a súa situación as traballadoras están a recibir numerosas mostras de solidariedade de persoal da propia compañía, cunha campaña de recollida de sinaturas que xa rolda as 600 adhesións e a difusión de pronunciamentos públicos de apoio, como o vídeo que encabeza estas liñas, no que os xornalistas de informativos Tati Moyano, Lorena Pose e Alfonso Hermida reclaman unha solución para o conflito laboral e a fin da "humillación" laboral das súas compañeiras.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.