CC.OO. denuncia que a industria cárnica galega fai uso de 1.500 falsos autónomos

Rolda de prensa, na que participaron Víctor Ledo, Lola Santillana, Ramón Sarmiento e Vicente Canet © CCOO-Galicia

CC.OO. denuncia que máis que a industria cárnica galega opera con 1.500 falsos autónomos a través de Servicarne, unha falsa cooperativa que recibe encargos de matadoiros e empresas de procesado de carne de todo o país. Segundo os datos do sindicato, o groso da fraude estaría na provincia de Ourense, con case a metade dos casos, situándose a continuación Lugo e Pontevedra. A central informa que, a partir dunha reclamación inicial de CC.OO., Inspección de Traballo está a levar a cabo unha investigación contra Servicarne para confirmar en primeiro lugar que se trata dunha falsa cooperativa e, segundo, se existe relación laboral entre as persoas socias da cooperativa e a empresa cárnica, o que convertería estes traballadores en falsos autónomos.

Segundo os datos do sindicato, o groso da fraude estaría na provincia de Ourense, con case a metade dos casos

A denuncia de CC.OO. contra Servicarne forma parte dunha campaña de alcance estatal que o sindicato emprendeu o pasado mes de decembro contra diferentes cooperativas de traballo autónomo que Comisións Obreiras considera que cometen fraude e competencia desleal, especialmente no sector cárnico.

A partir dunha reclamación inicial de CC.OO., Inspección de Traballo está a levar a cabo unha investigación contra Servicarne

Segundo o sindicato, Servicarne traballa na actualidade para nove empresas, centros de produción ou procesamento cárnico de Galicia. En Lugo capital operaría con Suavi (na parroquia de Carballido), Novafrigsa e Frigolouro (parroquia de Coeses), e no resto da provincia con Sada P. A. Castilla Galicia (concello de Castro de Rei). En Ourense prestaría servizos a COREN, tanto no centro de produción da capital como no de Santa Cruz de Arrabaldo, así como á cooperativa Unimiño (concello de Baltar). Por último, na provincia de Pontevedra traballaría con Cogal (concello de Rodeiro) e novamente Frigolouro (O Porriño). Segundo datos do sindicato, uns 800 falsos autónomos de Servicarne traballarían coas cooperativas de Coren. En Lugo, unhas 200 persoas estarían subcontratadas por Novafrigsa e un cento polo grupo Sada. Na provincia de Pontevedra destacaría o caso de Frigolouro, que contaría cuns 260 falsos autónomos. Estas grandes empresas concentrarían case o 90 % dos 1.500 casos denunciados por CC.OO.

Na comparecencia perante os medios de comunicación tomaron a palabra Ramón Sarmiento, secretario xeral de CC.OO. de Galicia, Víctor Ledo, secretario xeral de CC.OO.-Industria de Galicia, Lola Santillana, secretaria confederal de Emprego de CC.OO. e Vicente Canet, responsable estatal de CC.OO. no sector agroalimentario.

CC.OO. subliña a explotación laboral que implica esta práctica e o recorte na cotización á Seguridade Social que supón

O secretario xeral de CC.OO. denunciou que "parte da clase empresarial crea ter dereito de explotación sobre a clase traballadora galega" e demandou a que a "calidade" non só se refira aos produtos, senón tamén ás condicións laborais. O sindicato lembrou o prexuízo que estas prácticas implican para os traballadores e traballadoras, con cotizacións moi inferiores aos e ás asalariadas, sinalando que a base mínima para os autónomos é de case 920 euros mensuais, dos que deben restar a cota da Seguridade Social de 275 euros mensuais, un pagamento que deste xeito aforran as empresas. Ademais, esta fórmula supón unha infracotización á Seguridade Social que prexudica ao conxunto da sociedade. Así mesmo, estes traballadores e traballadoras sofren outros prexuízos: "sen dereito á sindicación" pois teoricamente non son asalariados, "sen dereito á negociación colectiva", pois non se rexen por un convenio, senón por contratos mercantís, e "habitualmente sen información nin formación axeitada canto á prevención de riscos laborais".

Neste senso Ramón Sarmiento subliñou que Galicia é unha "comunidade punteira cando falamos de fraude na contratación", pois os e as falsas autónomas neste sector chegan ao 40%, catro veces máis que o habitual no conxunto do Estado. En total, dos 4.000 traballadores, 1.500 están en situación de autoemprego. "Destacamos pola precariedade e pola temporalidade", dixo, instando ás empresas "que son bandeira no sector" a que tomen as medidas axeitadas para "desterrar do mercado de traballo esta figura fraudulenta".

Lola Santillana destacou que en moitas empresas do sector en Galicia o 90 % do cadro de persoal está formado por persoas en réxime de autoemprego, é dicir, falsos autónomos. "Son traballadoras e traballadores totalmente desprotexidos", dixo, e salientou que CC.OO. traballará da man "coas verdadeiras cooperativas e os e as cooperativistas".

Denuncia que nos últimos anos se está a producir no sector cárnico galego "a substitución de persoas con contratos indefinidos por outras subcontratadas mediante estas figuras fraudulentas"

Pola súa banda, Vitor Ledo denunciou que nos últimos anos se está a producir no sector cárnico galego "a substitución de persoas con contratos indefinidos por outras subcontratadas mediante estas figuras fraudulentas". Ademais, engadiu que "traballadoras e traballadores con postos estables vense relegados e relegadas a ocupacións secundarias que poderían ser facilmente amortizables". Puxo como exemplo a factoría de Frigolouro no Porriño, que tiña uns seiscentos empregos estables e hoxe case a metade -uns 260- serían falsos autónomos de Servicarne.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.