0 Gardados para despois

O Defensor do Pobo critica a falta de control da Xunta sobre os danos causados polas canteiras de lousa

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"O informado pola Consellería de Economía non acredita o correcto exercicio das potestades que ten atribuídas para garantir que a minaría se desenvolva de forma sustentable e con respecto ao medio ambiente". Con esta rotundidade maniféstase o Defensor do Pobo sobre a falta de control da Xunta sobre a actividade e os efectos das numerosas canteiras de lousa existentes na comarca de Valdeorras, un dos asuntos que o órgano investigou nos últimos meses e que recolle no seu informe anual, entregado esta semana ao Congreso dos Deputados.

"Da información recibida dedúcese que as administracións non coñecen con precisión o estado das explotacións mineiras nunha zona onde foron desecadas canles, contaminados ríos, e realizáronse depósitos de residuos incontrolados"

A oficina dirixida dende xullo de 2017 por Francisco Fernández Marugán e antes por Soledad Becerril (que asina as comunicacións), dirixiuse ás consellerías de Economía e Industria e de Medio Ambiente e tamén á Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) para coñecer o impacto medioambiental provocado pola industria extractiva nesta comarca, especialmente do referido á rede hidráulica e á paisaxe, afondar no estado dos procesos de restauración naquelas explotacións xa abandonadas e comprobar que as dúas administracións levaban a cabo as funcións de inspección e control ás que están obrigadas. Porén, segundo conclúe no seu informe, as respostas facilitadas por Xunta e CHMS foron insatisfactorias. "Da información recibida dedúcese que as administracións non coñecen con precisión o estado das explotacións mineiras nunha zona onde foron desecadas canles, foron contaminados ríos, e realizáronse depósitos de residuos incontrolados", sinala.

O Defensor do Pobo critica que a Consellería de Industria "non informa con suficiente detalle sobre os resultados das inspeccións practicadas en relación co dano ambiental causado, nin do cumprimento polos operadores das obrigacións ambientais impostas; nin tampouco sobre a suficiencia das garantías prestadas para acometer a restauración ambiental, nin sobre as actuacións realizadas ou en curso para reparar o devandito dano, nin das explotacións abandonadas". Lémbralle ademais á Consellería que debe realizar "as comprobacións necesarias e pedir a documentación e información precisa para o seguimento e vixilancia das declaracións ambientais, así como comprobar o cumprimento da normativa mineira", o que inclúe "a comprobación de que a entidade explotadora adoptou todas as medidas necesarias para previr ou reducir no posible calquera efecto negativo sobre o medio ambiente e sobre a saúde das persoas".

Sobre a Consellería de Medio Ambiente, o Defensor do Pobo afirma que "non coñece con precisión o estado das explotacións mineiras na zona obxecto de queixa e a súa afección ao medio ambiente, a pesar das facultades que a Lei de protección do medio ambiente de Galicia lle atribúe". "A Consellería de Medio Ambiente debe actuar para corrixir a situación descrita, solicitando información e mesmo denunciando actos e esixindo o cumprimento das leis, tanto se existe pronunciamento ambiental previo formalizado ou non", conclúe.

Sobre a Consellería de Medio Ambiente, afirma que "non coñece con precisión o estado das explotacións mineiras na zona obxecto de queixa e a súa afección ao medio"

Con respecto aos xestores da Confederación Hidrográfica, o Ombudsman estatal alerta dun atraso "en ocasións de máis de catro anos" na comprobación "do cumprimento das obrigas de restauración dos danos e prexuízos producidos ao dominio público hidráulico na zona explotada polas louseiras". E subliña o "mal estado" do río Casaio "debido a unha concentración relativamente elevada de metais pesados procedentes da actividade extractiva", segundo recoñece a propia CHMS.

"Unha vez producido o dano ambiental a Administración adoita atopar graves dificultades para reparalo: a imposibilidade de localizar aos responsables, ou a insolvencia destes; a prescrición das infraccións ou a caducidade dos procedementos sancionadores"

O Defensor do Pobo pide unha actuación conxunta das administracións mineira (a Consellería de Industria), ambiental e hidráulica para "avaliar conxuntamente o alcance do problema ambiental existente e ordenar as actuacións que deban acometerse para a reparación do dano". Lembra ademais que "unha vez producido o dano ambiental a Administración adoita atopar graves dificultades para reparalo: a imposibilidade de localizar aos responsables, ou a insolvencia destes; a prescrición das infraccións ou a caducidade dos procedementos sancionadores". E conclúe que "o exercicio sustentable da actividade mineira non consiste exclusivamente en reparar o dano ambiental causado, senón sobre todo lograr que a actividade extractiva se desenvolva de forma compatible coa contorna, o cal non ocorre se se desecan canles, se contaminan ríos, se dana o hábitat e se realizan depósitos de residuos incontrolados".

Hai tres anos a Oficina do Defensor do Pobo xa criticou a pasividade da Xunta ante as empresas mineiras, facendo xa referencia á explotacións de Carballeda de Valdeorras e á mina de cobre e ouro de Touro. Este tema foi tamén analizado pola Oficina do Valedor do Pobo no seu informe de hai dous anos, no que recollía a súa investigación sobre a restauración dos danos provocados ao dominio público hidráulico polas canteiras da comarca de Valdeorras. Aínda que as súas conclusións eran bastante benevolentes coa actuación do Goberno galego e Confederación Hidrográfica, a Valedora sinalaba que varias das explotacións carecían de plans de restauración e garantías financeiras.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.