O banco malo tenta desfacerse de 41 parcelas da ruinosa urbanización de Fadesa en Miño

Vista da urbanización Costa Miño, á beira da autoestrada, nunha imaxe de Google Maps © Google

A urbanización Costa Anácara, despois renomeada como Costa Miño Golf, estaba chamada a ser o emblema galego da expansión inmobiliaria de comezos de século e acabou séndoo da burbulla. Promovida en 2002 pola daquela exitosa inmobiliaria coruñesa Fadesa, estaba previsto que acollese unhas 1.200 vivendas a apenas un cuarto de hora da Coruña en coche, con campo de golf de 18 buracos e diversas instalacións deportivas. No ano 2006 o propietario de Fadesa, Manuel Jove, colocoulle a empresa a Fernando Martín, propietario de Martinsa, e apenas dous anos despois o conglomerado presentaba a maior suspensión de pagamentos da historia de España. Martinsa-Fadesa quebraba e deixaba en Miño unha urbanización a medio facer con parcelas das que unha década despois aínda tenta desfacerse a Sociedad de Gestión de Activos Procedentes de la Reestructuración Bancaria (Sareb), o banco malo.

Mentres no concello de Miño aínda ecoan os efectos da ruinosa operación -apoiada con entusiasmo polo goberno municipal do PP na altura-, a entidade creada co impulso do Estado para absorber o 'ladrillo tóxico' das entidades financeiras rescatadas con diñeiro público durante a crise vén de lanzar unha nova promoción de terreos para construír chalés. Tenemos la parcela perfecta para tu chalet, di a acción comercial na que se inclúen ata 41 terreos en Miño, todos eles da fracasada urbanización e comercializados por Servihabitat, a división inmobiliaria de CaixaBank.

Fadesa proxectara 1.200 vivendas na urbanización Costa Miño con apoio entusiasta do goberno municipal da vila

O que Sareb presenta como toda "unha oportunidade para aqueles interesados en construír unha casa á súa medida" son, no caso de Miño, parcelas que chegan a roldar o quilómetro cadrado e que oscilan entre os 37.000 e os 75.000 euros de prezo. As fotografías do propio banco malo amosan unha contorna de construcións dispersas, na área onde Costa Miño Golf nin sequera chegou a ser un conxunto de esqueletes de edificios.

Opacidade sobre o 'ladrillo tóxico' das entidades rescatadas

Esta nova promoción da Sareb engádese a outras ofertas da entidade semipública de propiedades inmobiliarias en Galicia. Todas elas proceden do rescate bancario, pero resulta practicamente imposible coñecer de que entidades en concreto, porque o banco malo non o revela. No caso de Fadesa, por exemplo, a inmobiliaria contraera débedas con Caixa Galicia, pero tamén con Caja Madrid, La Caixa, Caixa Catalunya, Bancaja, Unicaja ou Caja Castilla-La Mancha, así como con diversos bancos.

En 2017 o 'banco malo' negouse a informar o Parlamento sobre os activos inmobiliarios tóxicos que absorbeu no rescate de Novacaixagalicia

Esa opacidade nas súas promocións é estendida pola Sareb tamén á súa relación coas institucións públicas. Así, como avanzou Praza.gal, o banco malo negouse o pasado 2017 a facilitar ao Parlamento de Galicia un listado dos activos tóxicos -vivendas, terreos ou préstamos ao sector da construción- que recibira tras o rescate de Novacaixagalicia. Naquela operación Novagalicia Banco transferira á Sareb activos tóxicos por un importe superior aos 5.000 millóns de euros, pero o banco malo evitou ofrecer ao Parlamento a información que pedía abeirándose na lei de protección de datos. Fíxoo aínda que a comisión de investigación sobre a fusión e quebra de Novacaixagalicia contempla a posibilidade de declarar como reservada a documentación que así o requira.

Así, por exemplo, o Parlamento galego quedou sen coñecer os detalles de operacións como o financiamento por parte de Caixa Galicia da construción dun rañaceos na localidade levantina de Benidorm, o Edificio Intempo. O crédito de 108 millóns que sufragou a posta en marcha desa emblemática torre, considerada un dos símbolos da burbulla inmobiliaria española, foi colocado o pasado novembro pola Sareb ao fondo de investimento internacional SVP Global.

Parcelas en Miño no catálogo promocional da Sareb © Sareb

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.