0 Gardados para despois

A madeira cortada o pasado ano en Galicia encheu 300.000 camións, seis de cada dez con eucalipto

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


7,3 millóns de metros cúbicos de madeira. Foi a cantidade total cortada en Galicia o pasado ano, segundo os datos facilitados pola propia Xunta á comisión parlamentaria que estuda os incendios do pasado mes de outubro. Uns aproveitamentos forestais equivalentes a un 300.000 camións, calculando uns 25 metros cúbicos por camión. O volume total mantense dende o ano 2013 en niveis máximos, que duplican os que se rexistraban entre o ano 2006 e 2010.

A inmensa maioría desta madeira procede de cortas privadas, representando as cortas públicas apenas o 7% do total, unha porcentaxe que se reduciu notablemente nos últimos anos. Mentres que na última década o volume de cortas públicas se mantivo estable ou mesmo descendeu, o das cortas privadas multiplicouse por tres, de xeito que as cortas privadas pasaron de moverse entre o 70-75% do total a representar máis do 90%.

A madeira recóllese fundamentalmente nas provincias da Coruña (2,4 millóns de metros cúbicos) e Lugo (3,4 millóns), moito menos en Pontevedra (1,1 millóns) e moi escasamente en Ourense (0,5 millóns). Ourense é, ademais, a única provincia na que as cortas públicas superan ás privadas. Nos restantes territorios o peso das cortas públicas é testemuñal.

Medio Rural recoñece "a escasa relevancia da renda forestal na economía doméstica do propietario medio galego"

En canto á importancia económica destes aproveitamentos madeireiros, na súa resposta Medio Rural apunta un dato publicado en 2015 pola Federación Empresarial de Aserradores y Rematantes de Maderas de Galicia (Fearmaga), que calculaba un pagamento de 300 millóns de euros por un total de 80.000 curtas de madeira. O Goberno galego sinala que "supoñendo que todos eles fosen propietarios particulares, os ingresos medios anuais poderíanse estimar entón en algo máis de 400 €/ano/propietario".

"Sen restar os gastos para calcular o beneficio, e comparando esta cifra cunha pensión media de xubilación (12.000 €/ano) ou un salario medio (18.000 €/ano) en Galicia, pódese obter unha idea bastante cabal da escasa relevancia da renda forestal na economía doméstica do propietario medio galego", conclúe o documento entregado á comisión de estudo dos incendios forestais. Isto contrasta co argumento que habitualmente vén empregando a Xunta para defender a expansión do eucalipto en Galicia e que repetiu hai unhas semanas o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, na propia comisión parlamentaria. Fernández-Couto pediu "non demonizar" o eucalipto, porque xera "un volume de rendas importantes para un sector relevante da poboación galega".

Por especies, domina claramente o eucalipto (presentados os seus datos na categoría de frondosas non caducifolias, que practicamente só se refire a esta especie) cun 58% das cortas totais. Importante é tamén o peso das coníferas (fundamentalmente piñeiro), sumando o 38% do volume total. As cortas de frondosas caducifolias (carballo, castiñeiro, cerdeira, faia...) representan apenas o 3% do volume total.

Na Coruña o eucalipto supón o 76% do volume total de madeira tallada, moi por riba das coníferas (23%). En Lugo as dúas especies están máis equilibradas (50% o eucalipto, 47% as coníferas)

Con todo, hai grandes diferenzas entre unhas e outras provincias. Na Coruña o eucalipto supón o 76% do volume total de madeira tallada, moi por riba das coníferas (23%). En Lugo as dúas especies están máis equilibradas (50% o eucalipto, 47% as coníferas). E en Pontevedra domina xa o piñeiro e demais coníferas (53%) sobre o eucalipto (43%). En Ourense novamente atopamos unha paisaxe forestal ben distinta, sendo o único territorio no que as cortas de frondosas caducifolias acadan unha porcentaxe significativa (máis do 20%); con todo, tamén dominan as coníferas (64%) e mesmo aquí o eucalipto ten un certo peso (15%).

En certas comarcas o dominio do eucalipto é abafante. Na Mariña lucense representa o 86% da madeira cortada, en Ferrolterra, Ortegal e Eume o 89% e en Bergantiños e as Mariñas coruñesas o 79%. Só en Valdeorras e Trives as cortas de frondosas caducifolias son maioritarias, co 83% do total.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.