O paro rexistrado achégase en Galicia a niveis previos á crise, pero con 70.000 persoas menos a traballar

Participantes nun obradoiro de emprego © Xunta

Un total de 241.218 persoas estaban o pasado mes de abril rexistradas nas Oficinas de Emprego de Galicia. Delas, 194.301 non tiñan traballo e, dentro deste grupo, 182.291 non estaban seguindo cursos de formación ou otras actividades, o que os converte na cifra oficial de paro rexistrado. Este valor supón un descenso de 2.812 inscricións no paro rexistrado con relación ao mes anterior e unha caída de 22.338 a respecto de abril do ano previo, un descenso interanual do 10,92% que é o maior entre as comunidades autónomas -só Cantabria e Navarra superaron tamén o 10%- e que confirma a aceleración do descenso en Galicia neste indicador do desemprego. O paro rexistrado volve así aos poucos a niveis previos á crise nun mercado laboral que, non obstante, presenta unha diferenza fundamental ao de hai unha década: faltan máis de 70.000 postos de traballo.

Malia á intensidade do descenso das persoas inscritas nas oficinas de emprego o mercado laboral galego segue sen dar recuperado todos os postos de traballo perdidos nun contexto marcado polo envellecemento e a perda de poboación non compensada con inmigración

Os datos de afiliación á Seguridade Social coñecidos xunto aos do paro rexistrado do mes de abril son tamén positivos, pero menos que os das oficinas de emprego vistos en perspectiva. A afiliación media avanzou en 4.532 persoas (un 0,46%) nun mes e en 24.948 nun ano (2,59%). Este aumento interanual da afiliación é moi semellante ao do descenso de persoas demandantes de emprego non ocupadas -as incluídas no paro rexistrado e as que non o están-, 24.204 no último ano e indica creación de emprego neto -maior avance da afiliación que caída do paro-. Son en total, 989.416 persoas afiliadas ou, o que é o mesmo, 71.830 menos que en abril de 2007, ano considerado o previo ao estourido da crise.

Non obstante, a evolución do indicador nos últimos anos constata que o mercado laboral galego segue sen dar recuperado todo o emprego perdido nun panorama no que o envellecemento e a perda de poboación non compensada con inmigración seguen a ser elementos cruciais. Concorda así co que veñen amosando tamén as sucesivas vagas da Enquisa de Poboación Activa (EPA), indicador laboral homologado a nivel europeo.

Todo isto sucede nun contexto no que, como vén sucedendo nos últimos anos, o aumento interanual dos contratos laborais asinados cuadriplica á do propio emprego. En abril, segundo os datos difundidos polo Ministerio de Emprego, mentres o emprego aumentaba nas devanditas 24.948 afiliacións asinábanse un total de 81.844 contratos laborais, un 10,46% máis que no mesmo mes do ano pasado. Dese total de contratos 8.217 foron indefinidos (un 32,43% máis que doce meses antes) e 73.627, temporais, o que supón un crecemento interanual do 8,46%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.