A CIG suspende a folga xeral que tiña convocada para o vindeiro martes 19 de xuño. Faino pola "caída do PP" do Goberno central, logo do triunfo da moción de censura impulsada polo PSOE, e á espera de se o novo executivo é quen de activar un calendario que cumpra coas reivindicacións fundamentais coas que o sindicato nacionalista chamara ao paro.
A CIG suspende a folga "uns meses" á espera de se o novo goberno activa un calendario para cumprir coas súas reivindicacións
En rolda de prensa, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, anunciou a decisión de "suspender uns meses" a convocatoria da folga até "comprobar" se "o novo goberno do PSOE e a nova correlación de forzas" no Parlamento "son quen de elaborar un calendario" para derrogar todas as reformas que a central considera lesivas para a clase traballadora e para o pobo galego e de "levar adiante as reivindicacións presentes" na devandita folga, agora en suspenso.
Refírese Carril, entre outras medidas, á derrogación das reformas laborais, á consecución de "avances" para as mulleres, á defensa das pensións públicas, a "rematar cos abusos da patronal, os ataques contra as liberdades e a privatización de servizos", así como a consecueción de "empregos e salarios dignos".
A folga xeral será substituída por "unha xornada nacional de mobilización" pola "recuperación dos dereitos laborais e sociais"
De non levarse a cabo "ese cambio", a CIG advirte de que volverá fixar unha data para esa folga xeral que, no caso do vindeiro 19 de xuño, será substituída por "unha xornada nacional de mobilización para esixir a recuperación dos nosos dereitos laborais e sociais" e que se levará a cabo en todas as comarcas onde estaban previstos actos polo paro agora suspendido.
Carril asegurou que "a caída do PP" tras a moción de censura é "un primeiro paso" que, ademais, "confirma" as súas análises sobre as "alternativas" que existían ao PP na gobernanza do Estado. "Estabamos no certo cando chamabamos á folga xeral como resposta necesaria e inevitable, cando demandabamos así a fin dun goberno que, con minoría parlamentaria e cheo de corrupción, mantiña a man de ferro que empobrecía a clase traballadora e o pobo galego", dixo.
A CIG di ser "consciente" de que o PSOE "é culpable e responsable" por "ter iniciado as políticas que nos levaron á situación actual
Con todo, Carril advertiu de que a CIG "é consciente" de que o PSOE tamén "é culpable e responsable" por "ter iniciado as políticas que nos levaron á situación actual, a que hoxe ter traballo e unha pensión non garanta vivir en condicións dignas". "Temos a satisfacción de poder afirmar que, coa nosa loita, contribuímos a que o PP caera mentres outros sindicatos estiveron calados, desmobilizados e pasivos, cando non sendo colaboradores", criticou o secretario xeral da central nacionalista.
Carril criticou a actitude do resto de sindicatos, que non apoiaron a folga xeral. "Quedan en evidencia vista a realidade que temos", finalizou.