0 Gardados para despois

A letra máis pequena da reforma laboral de Rajoy

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


Documentos relacionados

A reforma laboral, publicada hai case unha semana no Boletín Oficial do Estado (BOE), é un regulamento denso e complexo. Por iso seguen aparecendo detalles na letra pequena dunha norma que provocou xa a convocatoria, por parte de UGT e CCOO, de mobilizacións para o día 19. A CIG non agardou a coñecer o documento e, como explicou a Praza o seu secretario xeral, Suso Seixo, xa convocaron unha folga xeral por "responsabilidade". A patronal CEOE xa bendeciu esta reforma, malia que apuntou que deberá ser modificada no futuro. O presidente dos empresarios, Joan Rosell, non especifiou que puntos queren modificar dunha norma que aínda acaba de entrar en vigor. O que si reclamou xa é a modificación da Lei de Folga, de 1979.

Precisamente a central nacionalista vén de elaborar un completo documento comparativo entre a nova reforma laboral e o marco normativo anterior, no que se aprecia os grandes cambios aprobados polo Executivo de Mariano Rajoy, ademais dos xa recollidos por Praza Pública durante os últimos días.

Formación profesional para o emprego

O límite destes contratos de formación eran, até o de agora, os 25 anos. Mais, tal e como apunta o estudo da CIG, persoas de ata 30 anos (inclusive) poderán traballar baixo estas condicións ata que o desemprego non baixe ata o 15%. Isto é, oito puntos por debaixo da taxa actual. Este tipo de contratos poderán ter unha duración de tres anos (un ano máis que coa pasada lexislación) e poderán encadearse un tras outro. Agora só se podía asinar un contrato deste tipo por parte do mesmo traballador.

Para o sindicato nacionalista un dos feitos máis graves é que a formación poderá impartirse na propia empresa, o que provocará unha "falta de control". "No segundo e terceiro ano de contrato, a xornada máxima de traballo efectivo poderá chegar até o 85%", polo 75% estipulado anteriormente.

Privatización da formación

Ao entender da CIG, outro dos aspectos que se modificaron substancialmente coa nova reforma é o relativo aos plans de formación. "Mantense a exclusión a sindicatos cuxo ámbito de actuación se circunscribe a unha comunidade autónoma, e porén, permítese que entidades privadas dedicadas á formación si accedan a ditos convenios estatais de formación de traballadores". Ata en dous artigos da reforma se indica que "centros e entidades de formación debidamente acreditados e inscritos no Rexistro Estatal de Centros e entidades de Formación" poden acceder a estes plans.

Por obriga

"Prevese a posibilidade de contratación de traballadores desempregados para substituír a traballadores en accións de formación". Este aspecto xa estaba no anterior regulamento, pero esta participación era voluntaria. Coa nova lei é obrigatoria. Os desempregados percibirán, neses casos, "o 50% da prestación por desemprego e a empresa abonará o resto até o salario que corresponda".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Un ano de proba

Unha das críticas máis repetidas dos populares cando estaban na oposición era que en España hai un excesivo número de tipos de contrato laboral. Xa no Goberno, Rajoy vén de crear un novo. É para as empresas con menos de 50 traballadores (pemes), e a xornada completa.

O periodo de proba "ocasiona que poida extinguirse o contrato polo empresario sen abono de indemnización de ningún tipo durante case un ano". Estes períodos, xa agora, permiten a posibilidade de prescindir dos servizos dunha persoa sen ter que alegar causa. En canto ao tempo de proba, o establecido ata esta reforma era, "en defecto de pacto, seis meses para técnicos e titulados e tres meses para o resto de traballadores".