As cidades galegas reduciron a súa débeda nun 42% dende o 2015

Concellos galegos que máis reduciron a súa débeda entre 2015 e 2017. En miles de euros Dominio Público Praza Pública

Os concellos galegos reduciron notablemente a súa débeda viva dende as eleccións de maio de 2015. Segundo os datos publicados polo Ministerio de Facenda, o endebedamento total das 313 localidades pasou de 518 millóns de euros (2015) ata algo menos de 330 millóns (31 de decembro de 2017), un importante recorte que se debe principalmente á evolución positiva das sete cidades, que suman 127 millóns de euros de débeda, fronte aos 218 que presentaban en 2015, unha redución do 42%.

Estes descensos están encabezados por Ourense (24 millóns menos), A Coruña (18), Compostela (16), Lugo (14) e Vigo (11). Tamén Vilagarcía, Narón, Ferrol, Pontevedra, Ames ou Sanxenxo presentan reducións de débeda de entre 4 e 5 millóns de euros. 

A débeda total dos concellos galegos está, en todo caso, moi por debaixo da que rexistran as entidades locais doutras comunidades autónomas. Por suposto, lonxe dos 6.000 millóns de Andalucía, os 5.500 de Madrid ou os 3.800 de Cataluña, pero tamén dos datos de territorios menos poboados que Galicia, como Aragón (1.075 millóns) ou Murcia (879 millóns).

En realidade, tan só 14 concellos incrementaron a súa débeda dende o 2015. De forma moi destacada Miño, que pasou de 3 a case 15 millóns de euros, por mor da débeda que mantén cos e coas expropiadas pola macrourbanización impulsada por Martinsa Fadesa. Tamén destacan os incrementos de Os Blancos ou O Pino, aínda que con cantidades moi inferiores.

A pesar dos importantes descensos rexistrados neste mandato municipal, A Coruña (66.5 millóns), Santiago de Compostela (26) e Ferrol (21) seguen sendo os tres concellos con máis débeda viva, seguidos de Miño (15), Cangas (12), Viveiro (11), Pontevedra (8) e Mos (8). Un total de 132 localidades non presentan débeda viva ningunha, algún tan importante como Carballo, Betanzos, Oleiros, Culleredo ou Ames.

Tamén as deputacións provinciais reduciron dende o 2015 a súa débeda viva. Nos casos da Coruña e Lugo o dato mantense en niveis próximos a cero (4 mil e 38 mil euros, respectivamente). Pontevedra e Ourense, que hai tres anos presentaban unha débeda importante (41 millóns e 28 millóns, respectivamente), conseguiron reducila a menos da metade (18 e 12 millóns). Tamén neste caso as cifras das institucións galegas son moi inferiores ás que presentan os entes provinciais do resto do Estado.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.