0 Gardados para despois

Sargadelos e UGT rachan as negociacións: os despedimentos e a ameaza de peche continúan

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O conflito na factoría de Sargadelos en Cervo enquístase. Malia o intento de mediación da Xunta a través do Consello Galego de Relacións Laborais, as negociacións que este martes comezaron a dirección da empresa e UGT racharon. "Había un raio de luz pero agora non vexo moita esperanza, cheira mal", din a Praza.gal fontes coñecedoras dunhas conversas nas que Segismundo García, conselleiro delegado, advertiu de que seguiría coa vaga da despedimentos --xa executou máis de 20 dos 49 anunciados-- e que de non arranxarse o conflito podería pechar a empresa. 

As negociacións entre a empresa e UGT racharon e Segismundo García teima nos despedimentos e na posibilidade de pechar a factoría de Cervo

Neste mesmo mércores intentouse de novo chegar a algún acordo pero non houbo maneira. García, máximo accionista, segue a reclamar que UGT retire as demandas contra a compañía e centra os ataques na delegada deste sindicato, Rogelia Mariña. Así, o vindeiro venres celebrarase xornada fundamental para o futuro da factoría de Cervo, xa que terá lugar a asemblea de traballadores (que fora aprazada para votar sobre a revogación desta sindicalista coa que a dirección mantén un enfrontamento desde hai tempo. A empresa confía en que o persoal revogue esta traballadora e acabe forzando a súa dimisión. A súa marcha, segundo a central, é a condición imposta para deixar sen efecto os despidos. 

O martes, ademais, coñecíase que o Xulgado do Social número 2 de Lugo desestimou a demanda de tutela xudicial presenta polo sindicato UGT contra a dirección de Sargadelos presentada o pasado 21 de agosto. O sindicato solicitaba a paralización dos despedimentos dos traballadores na factoría de Cervo anunciados nunha polémica asemblea pública e nun escrito polo conselleiro delegado da empresa, Segismundo García, o pasado 17 de agosto. Ademais, reclamaba tamén que cesasen os ataques contra a central e a súa delegada sindical, Rogelia Mariña, así como das accións de "chantaxe e coacción" que denunciaba.

O xulgado advirte de que o texto no que García advertía dos despedimentos "non vulnera ningún dereito fundamental da liberdade sindical"

“O documento, sen firma ningunha, que se di redactado polo codemandado, o único que expresa é a vontade de prescindir de 49 empregados, o que así exposto non vulnera ningún dereito fundamental da liberdade sindical, e iso independentemente de que de facerse efectiva tal medida poida ser obxecto do correspondente procedemento”, argumenta o xuíz no auto. 

Ao tempo, o titular do xulgado tamén rexeitou a petición da orde de cesamento do “ataque directo ou indirecto” contra Rogelia Mariña e a UGT. “Esta pretensión exercítase de forma tan abstracta e xenérica que, de ditarse, podería implicar mesmo unha vulneración do dereito á liberdade de expresión”, sinala o maxistraso.

A Xustiza tamén rexeitou a petición da orde de cesamento do “ataque directo ou indirecto” contra Rogelia Mariña e a UGT

Sobre a demanda de paralización da recollida de sinaturas de persoal da empresa contra o sindicato e supostamente promovida desde a dirección de Sargadelos, indica que o escrito presentado ante o xulgado reflicte “sen máis” a intención dos empregados de “revogar da súa representación a aquí codemandante”, o que é “obvio que non pode ser impedido a través dunha medida cautelar, sen prexuízo de que de levarse a cabo finalmente a revogación poida ser anulada pola falta de requisitos contemplados na lei”.

O auto tamén se pronuncia respecto da solicitude de deixar sen efecto a comunicación remitida á traballadora o 21 de agosto de 2018 pola que se lle concede un permiso retribuído. “Ningunha razón tería adoptar esta medida cautelar unha vez concedido o permiso, sen que, en todo caso, conste oposición ao mesmo por parte da traballadora, así como que na súa adopción ningunha urxencia existe para asegurar a efectividade da sentenza que no seu día se dite”.

Segismundo García esixe a fin das demandas de UGT e a marcha da súa delegada para reincorporar os despedidos e non pechar a fábrica

O auto, contra o que cabe presentar recurso de reposición, supón un capítulo máis do conflito erguido este pasado mes de agosto en Sargadelos e supón un reforzo para a dirección da empresa, que aceptou por fin acudir este martes ás negociacións que se manteñen co sindicato e coa mediación da Xunta en Santiago de Compostela. A compañía, logo da ameaza realizada, levou a cabo xa máis de 20 dos 49 despedimentos anunciados. Mentres os leva a cabo, Segismundo García esixe a retirada das demandas postas pola UGT e Rogelia Mariña contra a factoría e contra el mesmo e que cifra nun custo duns 200.000 euros. Entre as posibilidades, de retirarse as demandas e marchar Mariña, a reincorporación dos traballadores despedidos. De non facerse, ameaza mesma con pechar unha fábrica histórica e emblemática en Galicia. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.