0 Gardados para despois

Traballadoras de Inditex pídenlle á clientela que non use as caixas de autocobro

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Nas tendas de Zara e Lefties do Centro Comercial Marineda, Inditex decidiu implantar 14 caixas de autocobro “onde a multinacional utiliza ás clientas para que fagan as funcións das traballadoras autocobrándose co único obxectivo de aforrar cartos na contratación de persoal”, denuncia a representación da CIG na empresa. Carmiña Naveiro lembra que desde o sindicato xa se solicitou da dirección de Zara España S.A en distintas ocasións a súa retirada e proceda á contratación do persoal necesario e se free o deterioro das condicións laborais. “É vergoñento que unha empresa que obtén miles de millóns en beneficios utilice as máquinas para suplantar ás traballadoras antepoñendo os seus intereses económicos á saúde e seguridade das traballadoras”.

Na Coruña Inditex implantou 14 caixas de autocobro “onde a multinacional utiliza ás clientas para que fagan as funcións das traballadoras autocobrándose co único obxectivo de aforrar cartos na contratación de persoal”

Por iso, as traballadoras pídenlle á clientela que faga o seu pagamento nas caixas de sempre, onde atende persoal e que “pense primeiro nos postos de traballo que se perden aumentando os millóns de beneficios de Inditex a conta da nosa precariedade e da perda de postos de traballo no futuro”.

Nos últimos anos son cada vez máis frecuentes as denuncias pola redución de postos de traballo motivada pola automatización de procesos produtivos e de atención á clientela. Dende os servizos de atención telefónica ás peaxes das autoestradas, pasando polas gasolineras. En Audasa, por exemplo, o número de traballadores e traballadoras non deixa de descender: no primeiro semestre do ano o número medio de empregados e empregadas no cadro de persoal foi de 209, catro menos que o ano anterior e moi lonxe dos 290 de hai unha década. De igual xeito, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) posicionáronse publicamente contra as gasolineiras sen traballadores. En cambio, o Goberno galego defendeu publicamente en varias ocasións o modelo de gasolineiras sen persoal, sinalando que a súa existencia favorece a competencia e que iso axudará a rebaixar os prezos.

 

Mobilización do persoal de Lefties contra a "explotación laboral"

Traballadoras da tenda de Lefties do Centro Comercial As Cancelas, en Santiago de Compostela, mobilizáronse este xoves para denunciar a "explotación laboral" que din sufrir. Tras concentrarse ás portas do centro comercial percorreron os corredores para rematar cunha concentración ás portas da propia tenda entre cánticos de “estamos explotadas, estamos explotadas, en Lefties nos explotan e Amancio non fai nada”.

A CIG leva varios anos demandando que Inditex incremente o persoal indefinido nas tendas Lefties. "O que hai actualmente é insuficiente. Tal é así que nos sucesivos estudos psicosociais realizados entre as traballadoras, os resultados constatan que cada vez a situación é peor. Este exceso de carga de traballo tanto física como psíquica repercute na saúde e na seguridade de todo o persoal", denuncia o sindicato.

"O exceso de carga de traballo tanto física como psíquica repercute na saúde e na seguridade de todo o persoal", denuncia a CIG

Carmiña Naveiro, representante da CIG no comité de empresa de Zara España S.A. lembra que a instancias da central sindical a finais do ano pasado se repetiron nas tendas Lefties da provincia da Coruña as enquisas para detectar os riscos psicosociais nas tendas. “O último estudo descubriu que a situación non só seguía igual, senón que mesmo o risco era moito máis elevado”, explica. Naveiro sinala que a dirección da empresa é coñecedora disto dadas as reiteradas denuncias da CIG: “A dirección da empresa malia saber en que condicións desenvolve o seu traballo o persoal négase a adoptar as medidas necesarias para eliminar estes riscos aínda que está obrigada a facelo”.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.