A sombra da "explotación laboral" en Proxecto Home atranca un dos emblemas da loita contra a droga

Ramón Gómez Crespo asina un convenio con Rey Varela © Xunta

"Explotación e persecución laboral" en Proxecto Home Galicia. A grave denuncia que chegou hai xa uns días a través do sindicato CCOO fixo agromar supostas irregularidades e contundentes medidas contra o cadro de persoal da entidade que leva a cabo un importante traballo social con persoas drogodependentes ou con problemas de alcoholismo e outras dependencias no país e que a institución nega rotundamente. 

Traballadoras de Proxecto Home denuncian peches de sedes, impagos e destitucións en represalia pola demanda do cumprimento do convenio

Segundo varias traballadoras e o sindicato, no último ano a Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home Galicia deixou de pagar algúns salarios nas condicións establecidas no convenio, modificou de xeito unilateral os horarios dalgún centro, pechou sedes, destituíu coordinadores, forzou traslados de persoal e vetou cambios de quendas entre compañeiras. 

Todo xorde logo de que Proxecto Home Galicia decidira en 2015 deixar de pagar os soldos conforme ao convenio estatal de acción e intervención social. Tras case dous anos nesa situación, e logo das eleccións sindicais celebradas en xuño de 2017, en outono do pasado ano a representación legal dos traballadores recibiu unha comunicación para iniciar as negociacións dun convenio de empresa para a Fundación. Ao iniciárense as conversas, CCOO decatouse de que a empresa levaba anos aplicando un regulamento de réxime interno que, segundo denuncia, era "un convenio de empresa encuberto" no que se incluían "cláusulas aos contratos de traballo que, de xeito ilegal, rebaixaban as condicións laborais respecto do marco estatal". 

CCOO denuncia que Proxecto Home aplicou durante anos un regulamento interno que servía para rebaixar as condicións laborais

Nas diferenzas entre o imposto por ese regulamento interno e o convenio estatal, varios prexuízos: unha xornada anual de 76 horas de máis, incumprimento dos descansos mínimos, distribución irregular da xornada, dúas pagas extraordinarias en lugar de tres, percepción do 100% do salario só nos oito primeiros días de baixa, traslados ao criterio da dirección, ausencia de recoñecementos médicos ou inexistencia dun plan de prevención e avaliación de riscos. 

Traballadoras de Proxecto Home e CCOO denuncian a súa situación / © CCOO-Galicia

Os representantes dos traballadores decidiron, ante estas "irregularidades", paralizar as  negociacións ata que a empresa as emendase. Segundo CCOO, foi daquela cando comezou a "represión" e varias das medidas denunciadas. Tras acudir os traballadores á Inspección de Traballo e presentar varias das traballadoras demandas individuais, a empresa respondeu con decisións aínda máis contundentes, como o peche dos centros de Lugo e Pontevedra, o que "obrigou o persoal a recolocarse en Compostela e Vigo de querer continuar co vínculo laboral" ou o aviso a varios centros de Galicia de que non enviasen persoas usuarias ao centro das Cernadas, comunidade terapéutica que Proxecto Home ten no Val do Dubra. Medidas que, como denuncian, afectan non só o persoal senón ao importante labor que Proxecto Home realiza. 

O cadro de persoal denuncia o peche dos centros de Lugo e Pontevedra logo da presentación de demandas en Inspección de Traballo

"O centro ten capacidade para unhas cen persoas, malia que a ocupación media nos últimos anos anda polas cincuenta. Logo desta decisión, a ocupación é de 33", denuncia o cadro de persoal. Ademais, e segundo os datos que achega a representación dos traballadores, do total de 66 traballadores que os sete centros de Proxecto Home en Galicia tiñan en xuño de 2007 pasouse a 61 na actualidade, incluíndo o peche da sede de Lugo e da de Pontevedra. Todo malia o importante investimento público na Fundación. 

A empresa di que as denucias son "absolutamente falsas" e advirte dunha situación de "normalidade" en Proxecto Home

Segundo explica Juan Zas, secretario de Acción Sindical do sector servizos en CCOO-Galicia, a situación de represalias e represión continúa logo de que se presentasen varias demandas en Inspección, ademais de entre 17 e 20 denuncias nos xulgados con respecto a movementos de xornadas laborais ou á non aplicación do convenio en cuestións salariais. 

"A situación é de normalidade e non é a primeira vez que se producen peches por motivos estritamente organizativos", explica o avogado da Fundación, que asegura que as denuncias de traballadoras e sindicatos son "absolutamente falsas" e que reduce todo a "un conflito individual dalgunhas persoas que pediron que se declarasen abusivas as súas condicións laborais, algo que a Xustiza non lles aceptou".

Inspección de Traballo confirmou as irregularidades, pediu a anulación das cláusulas ilegais dos contratos, ademais do abono das horas extras e dos salarios que non se percibiron durante as baixas, así como a aplicación do convenio estatal. Desde Proxecto Home, pola contra, ínstase aos representantes dos traballadores a que amosen os informes de Inspección e négase que as irregularidades denunciadas sexan certas. "Que acheguen toda esa documentación se é que a teñen", din desde a Fundación, que acusa o persoal de "querer instrumentalizar e mediatizar".  

"Estamos á espera da documentación definitiva, que non se nos facilita ata que é completa, pero a proba máis clara de que se recolleron as demandas é que nos últimos contratos xa non aparecen as cláusulas que denunciáramos", explica Juan Zas. 

CCOO demanda á Fundación que cese ao director xerente e denuncia que o persoal foi presionado para asinar un escrito na súa defensa

A empresa, ademais e segundo os representantes dos traballadores, negouse a unha mediación para minimizar as sancións e rexeitou tamén a negociación no seo do Consello Galego de Relacións Laborais, tal e como propuxo CCOO ao director xerente, Ramón Crespo, que é o foco das críticas. De feito, Comisións reclama ao padroado da Fundación, que inclúe representantes empresarias e da Igrexa, que o cesen do seu cargo por "non ser unha persoa válida para xestionar as relacións laborais" e a pesar do seu recoñecido labor durante anos na entidade. "Queren que sigamos o seu guión pero non hai nada que tratar", retruca o avogado da entidade. 

Escrito de apoio ao director xerente de Proxecto Home repartido entre o cadro de persoal 

"Vulnera o compromiso ético da Fundación co seu persoal  e pon en serio perigo a continuidade de Proxecto Home Galicia", sentencia, pouco antes de denunciar as "presións" que o persoal recibiu nos últimos días para asinar un escrito de apoio a Ramón Crespo e que incluíu mesmo xuntanzas individuais co departamento de Recursos Humanos. No escrito, ademais, acúsase a CCOO de verter críticas "inxustificadas e inxustas" malia que o sindicato lembra que todas as denuncias foron avaladas pola Inspeccion de Traballo.

Segundo traballadoras, as "presións" por parte da dirección de Proxecto Home continúan. "Xuntan o cadro de persoal dos centros en reunións longúisimas nas que, con berros e malos modos, acúsase aos representantes de intentar acabar co proxecto", explican, ademais de intentar xustificar a redución os recortes de persoal. Desde CCOO advirten de que, precisamente, se non se denunciou publicamente e se tomaron máis medidas antes foi "para salvagardar a institución, que fai unha función prioritaria e fundamental na sociedade". "Tivemos esa paciencia e esperamos un ano para acudir á Inspección, ata que non tiñamos outra saída", lembra Juan Zas, que considera "incrible" que sexan agora os acusados de poñer en perigo a entidade. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.