- Alcoa anuncia o peche da súa fábrica na Coruña
- O Estado aprobou este mes esa rebaixa da tarifa eléctrica para a industria vasca
- Beneficios millonarios tras a privatización de Aznar en 1998
Logo do impacto e da intensa e cansa xornada deste mércores, o cadro de persoal de Alcoa inicia xa un calendario de mobilizacións tras o anuncio do peche da súa factoría. Nas primeiras horas, tras coñecer a noticia, organizáronse para impedir a saída de metal e formaron un campamento permanente, por quendas, día e noite e até final de mes, ás portas da factoría. Á tarde, ademais, cortaron o tráfico na estrada ao pé da sede. Este sábado hai convocada xa unha manifestación na Coruña, desde a Praza da Palloza até á Delegación do Goberno ás 11 horas.
O persoal de Alcoa organízase en quendas nun campamento permanente ás portas da empresa para impedir a saída de metal
Agárdase o apoio masivo da cidadanía, ao igual que hai tan só uns anos, cando a mobilización e a presión dos traballadores presionou tamén na marcha atrás de Alcoa. En xogo, os 369 empregos directos --ademais dos indirectos-- da factoría coruñesa, que está ameazada de peche xunto á de Avilés, en Asturies, con outros 317.
O obxectivo do persoal é presionar para conseguir a convocatoria dunha mesa tripartita na que Alcoa, administracións e axentes sociais negocien unha saída que evite o peche da fábrica, que a multinacional xustifica nos altos prezos da enerxía e, agora tamén, da sobrecapacidade de produción na China. Os traballadores insisten en que é esa falta de regulación e estabilidade do importe da tarifa da luz e os seus elevados custos o que permite á empresa xustificar o peche. Unha compañía que, lembran, non investiu "case nada" nas súas sedes en España pero si se aproveitou de millonarias axudas públicas.
Os traballadores presionarán coas protestas para lograr unha mesa de negociación na que Alcoa, gobernos e axentes sociais busquen unha alternativa ao peche
Teñen ata o 31 de outubro para logralo. Esa é a data fixada por Alcoa para iniciar as negociacións para o despido colectivo de todo o cadro de persoal e para botar o peche a unha histórica fábrica, ameazada agora pola deslocalización que xa sufriron outras. É unha compañía cun cadro de persoal novo e unha media de idade baixa, froito dos numerosos contratos de remuda feitos nos últimos anos.
Por outra banda, a corporación municipal da Coruña aprobará este venres unha declaración institucional en apoio aos e ás traballadoras de Alcoa e contra o peche da factoría. Ás 11.30 horas comezará unha sesión plenaria de carácter extraordinario na que se debaterá, como punto único, unha moción cuxo contido foi acordado este xoves na Xunta de Portavoces, a proposta do alcalde, Xulio Ferreiro. Media hora antes, o rexedor recibirá no pazo de María Pita o comité de empresa.