- Mobilización permanente na fábrica e manifestación este sábado contra o peche de Alcoa
- Alcoa facturou 3.000 millóns de euros no terceiro trimestre, un 15% máis que hai un ano
Nas horas previas á manifestación deste sábado (11 horas, Praza da Palloza), o persoal da planta coruñesa de Alcoa segue recibindo o apoio unánime das distintas administracións e de todas as forzas políticas, tralo anuncio de peche da factoría realizado este mércores pola multinacional norteamericana. Este venres representantes do Comité de Empresa reuníronse co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e co delegado do Goberno central en Galicia, Javier Losada, que lles expresaron o seu apoio, aínda que diferiron en parte no diagnóstico da situación e as causas da mesma.
Na xuntanza que os traballadores mantiveron con Núñez Feijoo participou tamén o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Ambos os dous pediron o establecemento dunh "unidade de acción" para solicitarlle ao Goberno central a súa "implicación" para atopar unha solución de forma "urxente". O Goberno galego solicitaralle a Alcoa que levante o expediente de regulación de emprego para poder negociar e, igualmente instará ao Goberno central a que estableza "un marco eléctrico estable que dea certeza de cara ao ano 2019".
Na reunión mantida na Delegación do Goberno central en Galicia repetíronse as mostras de apoio, trasladando Javier Losada "o compromiso do Goberno para conseguir que a empresa, os postos de traballo e a actividade industrial se manteñan na Coruña e en Avilés". Losada pediu tamén "unidade de acción" ás distintas administracións: "As administracións debemos estar unidas neste proceso traumático que puxo a empresa sobre a mesa", afirmou, e culpou da situación que se está a vivir á empresa: "a culpable desta situación é a empresa, que deixou que a competitividade se perda, pero non pola competitividade dos traballadores, que son uns grandes profesionais, senón por unha falta de investimento e por non cambiar as formas de produción para ser competitiva".
Javier Losada negou que o peche da planta se deba a un problema enerxético: "Non é un problema enerxético, é un problema de adecuación das instalacións para que o bo facer dos traballadores sexa competitivo. Aí é onde hai que pór o foco á empresa". E descartou que o Goberno central puidese ter feito máis: "A administración cumpriu todos os compromisos con esta empresa, a administración fixo os seus deberes, os traballadores fixeron os seus deberes todos os días e a empresa deixou de investir desde hai anos nestas factorías", engadiu. As palabras de Losada foron respondidas polo conselleiro de Industria, Francisco Conde, que subliñou que o prezo da electricidade xoga un papel clave neste tipo de actividades electrointensivas. Conde reclamoulle ao Goberno central a negociación dun "marco eléctrico" que permita a continuidade da actividade de Alcoa na Coruña.
"Somos competitivos, somos unha planta eficiente, sabemos traballar no que facemos, a nosa calidade está contrastada por diversos expertos a nivel internacional, somos das mellores"
Mentres, o presidente do comité de empresa de Alcoa na Coruña, Juan Carlos López Corbacho, amosouse crítico cos enfrontamentos entre as distintas administracións e sinalou que "os paus entre elas prexudican este proceso, no que hai solucións que non sexan o peche de dúas fábricas". López Corbacho reiterou que a planta de Alcoa na Coruña é "competitiva e eficiente" e concluíu que "se hai vontade política, hai solución". "Somos competitivos, somos unha planta eficiente, sabemos traballar no que facemos, a nosa calidade está contrastada por diversos expertos a nivel internacional, somos das mellores", dixo, engadindo que o peche se debe a "un problema de regulación do marco eléctrico". Denunciou, así mesmo, que a empresa non realizou os investimentos necesarios nos anos nos que estaba a gañar moitos cartos grazas a esta factoría: "A Coruña e Avilés sumaron ata o ano 2014 un beneficio neto de 1.400 millóns e nada diso se investiu aquí", dixo.
O presidente do comité de empresa anuncia que os traballadores se van "rebelar contra esta situación" e que "loitarán ata o final" porque "é inxusto o que está a pasar". "Non pode desaparecer polo capricho dunha multinacional que vén aquí a especular e a facer unha política de terra queimada", afirmou. Finalmente, López Corbacho alertou de que se as distintas administracións "non lle poñen couto" á política de "terra queimada" de Alcoa, a multinacional "marchará o ano que vén da planta de San Cibrao", pois "xa conta noutros países con megafactorías onde lles regalan a enerxía".
Os traballadores de Alcoa manteñen o bloqueo dos accesos á factoría e piden o apoio da cidadanía á manifestación que este sábado percorrerá as rúas da cidade, que partirá á once da mañá da Praza da Palloza e rematará ante a sede da Delegación do Goberno central.
Unanimidade no pleno coruñés
"Non pode desaparecer polo capricho dunha multinacional que vén aquí a especular e a facer unha política de terra queimada"
O Pleno municipal da Coruña aprobou este venres por unanimidade unha declaración institucional de apoio aos e ás traballadoras de Alcoa e de rexeitamento ao anuncio unilateral por parte da multinacional do peche das factorías da Coruña e de Avilés. A declaración, pactada na Xunta de portavoces, insta á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a conformar, xunto co Concello da Coruña, “unha fronte institucional común en defensa do emprego, do mantemento da actividade industrial de Alcoa e, en consecuencia, da retirada do ERE presentado pola empresa”, e manifesta o apoio da Corporación municipal “ás mobilizacións que convoquen os e as traballadoras da planta”, como a prevista para este sábado.
“Como alcalde tócame empurrar para non deixar que esta reivindicación esmoreza e para levar a voz dos e das traballadoras a onde corresponda, para que todas as administracións se involucren no que está a suceder”, dixo Xulio Ferreiro, que agradeceu “a unidade de todos os grupos con representación municipal” evidenciada no Pleno. “Isto debe referendarse este sábado na rúa, nunha manifestación que deixe claro que Alcoa ten que continuar”, engadiu.
Pola súa banda, Juan Carlos López Corbacho agradeceu en nome dos traballadores e traballadoras o apoio dos catro grupos municipais e da cidade da Coruña no seu conxunto: “Sentimos a cidade con nós, toda a xente está a darnos ánimos e folgos, mañá estaremos na praza da Palloza, cunha manifestación na que queremos demostrar que non estamos débiles. Temos raiba polo que está pasando, pero as forzas intactas”, dixo.
Tarifa industrial estable
“Sentimos a cidade con nós, toda a xente está a darnos ánimos e folgos, mañá estaremos na praza da Palloza, cunha manifestación na que queremos demostrar que non estamos débiles. Temos raiba polo que está pasando, pero as forzas intactas”
A CIG anunciou este venres que lle vai propor ao Goberno central, á Xunta de Galicia e á patronal a creación dunha "tarifa industrial estable" e con "variacións predicibles", á que se poidan acoller as empresas electrointensivas baixo o cumprimento dunha serie de requisitos e que recoñeza "o estatus específico deste tipo de industrias grandes consumidoras de enerxía". "O anuncio do peche da fábrica de Alcoa na Coruña, revela a urxente e inaprazábel necesidade de contarmos cunha regulación máis xusta e equitativa que rache coa incerteza que provoca a poxa anual do actual sistema de interrompibilidade e que compromete o futuro e a viabilidade da nosa industria de base", sinala o sindicato.
No documento a central propón liberar as estas industrias de pagar as peaxes que non teñen unha relación directa co funcionamento do sistema eléctrico, tales como as primas ás renovables, os custes extrapeninsulares, os pagos por capacidade, a segunda parte do ciclo do combustible nuclear ou o déficit tarifario, a cambio de cumprir unha serie de requisitos. Para compensar esta rebaixa e o esforzo social que implica pasar as peaxes non abonadas polas industrias aos orzamentos, as central defende que as empresas electrointensivas que se acollan a este sistema tarifario terán a obriga de realizar investimentos e melloras nos procesos produtivos para manter e ampliar o nivel de emprego directo. Así mesmo, as empresas acollidas a esta tarifa terían que pular polas condicións laborais e sociais nos convenios colectivos, que deberán ser actualizados, como mínimo, co IPC anual.