Os sindicatos reclaman un aumento importante nos salarios, a redución da carga horaria, un plus de refrixeración e limitar e controlar a actividade das ETTs
O convenio estatal de produtos elaborados do mar expirou en 2015. As longas negociacións entre os sindicatos e a patronal do sector para actualizalo racharon o pasado mes de setembro, denunciando as centrais sindicais que a proposta empresarial era "involucionista" e non daba solución aos problemas que arrastran os traballadores e traballadoras, unhas sete mil en Galicia. Os sindicatos denuncian que o convenio "é un dos máis precarios de todo o sistema de alimentación" e reclaman un aumento importante nos salarios, a redución da carga horaria, un plus de refrixeración debido ás baixas temperaturas nas que se traballa, limitar e controlar a actividade das ETTs, así como prohibir as cooperativas de traballo asociado.
"É a primeira folga que se fai no sector. Ata agora os empresarios xogaban coa precariedade e co medo. Por fin o sector parece que espertou e petou na mesa", subliña Suso García (CIG)
En resposta CC.OO., UGT e CIG convocaron a primeira folga estatal do sector, cunha incidencia especialmente importante en Galicia, onde traballa boa parte do persoal afectado polo convenio. Este luns está tendo lugar a primeira xornada de paro, que continuará o mércores 24 e o xoves 25. A CIG fala xa dun "seguimento total", próximo ao 100% en todas as grandes empresas da provincia de Pontevedra: Fandicosta, Numarsi, GPS, Cabomar, Mascato, Pereira... "Todas pararon. Foi un éxito total e non podemos estár máis satisfeitos", destacou Suso García, secretario comarcal da FGAMT CIG en Vigo.
A xornada de folga comezou de madrugada, con piquetes informativos percorrendo os principais centros de traballo e polígonos. Ás 11 de mañá traballadores e traballadoras concentráronse ante a sede de Conxemar, en Vigo. "É a primeira folga que se fai no sector", subliña Suso García. "Ata agora os empresarios xogaban coa precariedade e co medo, porque a precariedade tamén crea medo nos traballadores e traballadoras. Por fin o sector parece que espertou e petou na mesa", salienta.
Salarios baixos e precarización
A xornada de folga comezou de madrugada, con piquetes informativos percorrendo os principais centros de traballo e polígonos
Unhas sete mil persoas traballan neste sector en Galicia, un 80% mulleres, con salarios moi baixos e unha precarización crecente, denuncian os sindicatos. A CIG advirte de que as traballadoras e traballadores perderon poder adquisitivo dende o ano 2010, ao non acadar nin sequera un incremento equivalente ao do IPC. Entre 2010 e 2013 os salarios estiveron conxelados, subindo tres décimas nos anos seguintes. A patronal do sector si ofreceu unha suba importante para 2018 (+5,5%), pero máis cativa para os anos seguintes (1,75%), insuficiente para recuperar o poder adquisitivo perdido nos anos anteriores e para mudar unha realidade de soldos que non chegan a mileuristas, con salarios base anuais de 12.000 euros en 14 pagas (862 euros ao mes).
Unhas sete mil persoas traballan neste sector en Galicia, un 80% mulleres
A CIG-Mar reivindica así mesmo un convenio galego “que podería traer moitos beneficios” ao persoal dos elaborados do mar. Destaca, ademais, o “enorme prexuízo” de negociar en Madrid un convenio estatal cuxa patronal maioritaria ten a sede en Vigo e que tamén ten en Galicia o 75% de todos os traballadores e traballadoras do Estado.