Cando, o 24 de xullo de 1997, o Consello de Ministros do Goberno de José María Aznar deu luz verde á operación que "implica a perda da maioría pública" en Endesa, isto é, á privatización completa da compañía, a que fora empresa eléctrica estatal levaba xa máis de vinte anos a deixar unha pegada indeleble en Galicia. A central térmica e a mina a ceo aberto das Pontes, hoxe tornada en inmensa lagoa, son algúns dos sinais máis obvios da empresa no país, acompañados da xeración de tecido industrial na contorna, pero tamén dun forte impacto ambiental e numerosas loitas sociais dende finais dos anos 70 do século pasado.
Ante unha reclamación en galego Endesa pediu que se formulase en castelán ou inglés
Neste 2018 Endesa segue moi presente en Galicia, dende As Pontes e a súa térmica ata os patrocinios deportivos. Pero nos últimos días foino por unha razón ben distinta. O escritor e xornalista Pablo L. Orosa dirixiuse ao servizo de atención ao cliente da compañía a través da súa conta oficial en Twitter para formular unha reclamación. "Amigos de Endesa, moito animarnos a contratar os vosos produtos por internet e cando dou un de baixa cobrádesme unha penalización de 135 euros sen avisar de nada. Así é como ides perder un cliente", sinalou. A compañía retrucou un par de horas despois, pero non abordando os detalles da operación, senón o idioma en que Orosa reclamaba. Endesa non fala galego porque non hai moita clientela que llo pida, di.
Segundo a mesma conta oficial da compañía, "para poder atender correctamente e sen erros" a "solicitude" cómpre que o cliente a formule "en castelán ou inglés". As reaccións do propio afectado e de numerosas persoas usuarias da rede social non se fixeron agardar. Aludían á devandita e histórica presenza de Endesa en Galicia e ao seu impacto no país, pero tamén á falta de tacto na súa xestión de redes e ao enésimo caso de exclusión do galego nas relacións comerciais cunha explicación que non é de todo exacta. Endesa fala castelán e inglés pero, por exemplo, tamén fala catalán.
Unha voceira oficial da compañía eléctrica liga a razóns do "volume de clientes" que Endesa non atenda en galego pero si o faga en castelán, catalán e inglés
Preguntada ao respecto por Praza.gal unha voceira oficial de Endesa admite que, efectivamente, a compañía atende cando menos neses tres idiomas e non en galego. A razón, esgrime, ten que ver co "volume de clientes" da compañía en Galicia. En Catalunya teñen un "volume" maior e por iso atenden en catalán, argumenta, pero iso non sucede en galego. Tampouco en Euskadi e por iso os seus servizos tampouco están dispoñibles en euskera, agrega a mesma fonte oficial.
Tras este episodio entidades como A Mesa pola Normalización Lingüística sinalaron o sucedido como unha mostra máis dos atrancos que existen para poder realizar operacións cotiás en galego na propia Galicia. Mentres, a vixente lei galega de protección xeral das persoas consumidoras segue a fixar no seu artigo 46 que "os consumidores, nas súas relacións de consumo, teñen dereito a usar calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre e cando a contratación se realizase ou o consentimento se manifestase no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como nos supostos de publicidade, ofertas, promocións ou comunicacións comerciais recibidas en Galicia".