- O persoal pide "valentía" ao Estado para "intervir" Alcoa tras mobilizarse ante a Torre de Hércules
- Alcoa, beneficios millonarios tras a privatización de Inespal aprobada por Aznar en 1998
O persoal de Alcoa lembrouno varias veces. A última este pasado sábado da man do presidente do comité de empresa, Juan Carlos Corbacho, que antes tamén o advertira en conversa con Praza.gal. Recordoulle ao Goberno central que o artigo 128.2 da Constitución recoñece "a iniciativa pública na actividade económica" e a posibilidade "mediante lei" de "reservar ao sector público recursos ou servizos esenciais", así como "acordar a intervención de empresas cando así o exisise o interese xeral".
O persoal de Alcoa alude ao artigo 128.2 da Constitución, que faculta o Estado a "intervir empresas se así o exisise o interese xeral"
Pediron os traballadores da multinacional "valentía" ao Executivo central no caso de que Alcoa siga teimando no ERE e negándose a nin tan sequera negociar con sindicatos e administracións unha posible alternativa. Recordáronlle que ten mecanismos legais para intervir a compañía ao ser un "sector enerxético" no que Alcoa opera como un "monopolio" coas súas fábricas en España. Pero a resposta do Goberno foi clara este domingo: "Non estamos nun réxime comunista".
Así de contundente se amosou a ministra de Traballo, Migracións e Seguridade Social, Magdalena Valerio, que se comprometeu a estudar "en profundidade" o ERE extintitvo presentado por Alcoa para as súas plantas da Coruña e Avilés e rexeitou que o Goberno interveña a empresa.
"Como intervención? Non estamos nun réxime comunista", responde Valerio sobre unha posible intervención
A ministra acudiu a un acto do PSdeG en Compostela, onde foi proclamado oficialmente como candidato á Xunta o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero. Preguntada pola posibilidade de que o Goberno puidese intervir a compañía, exposta polos representantes dos traballadores, asegurou que España non é unha economía estatalizada.
Valerio, intervindo no acto de proclamación de Caballero / PSdeG
"Como intervención? Non estamos nun réxime comunista", dixo a ministra, que si prometeu estudar "en profundidade" o ERE para dar unha solución que confía en que sexa "satisfactoria" para mellorar a situación dos miles de persoas afectadas, entre os 700 empregados e as súas familias.
"O Goberno debe aplicar canto antes o artigo 128.2 da Constitución Española e intervir as fábricas antes de que sexa demasiado tarde”, insistira Corbacho este sábado. Malia que este artigo nunca se aplicou, o presidente do comité apuntou que “até o de agora nunca se deron as condicións; isto é, que se trate dunha empresa estratéxica para o Estado e que a súa intervención responda ao ben nacional”.
"No caso de Alcoa esta intervención estaría máis que xustificada porque hai un monopolio, é o único produtor de aluminio primario de España, ten as únicas tres plantas do Estado: a da Coruña, a de Avilés e a de San Cibrao”, destacou a ministra.
As plantas galegas de Alcoa, como as do resto do Estado, non sempre foron parte do grupo estadounidense. Integráronse nel tras a privatización da empresa pública INESPAL, vendida polo Goberno de José María Aznar o 23 de xaneiro de 1998 por 61.500 millóns de pesetas, uns 370 millóns de euros. Nos anos seguintes o xigante americano multiplicou amplamente a través de beneficios os cartos que gastou na adquisición das antigas factorías estatais.