"Hoxe estamos en mellores condicións que hai unha semana, cando había unha negativa por parte da empresa de negociar e traballar coas administracións e sindicatos por unha solución para as dúas plantas". Así se manifestou a ministra de Industria, Turismo e Comercio, Reyes Maroto, nos corredores do Congreso dos Deputados. Alí anunciou que Alcoa prolongou o prazo para negociar o ERE de extinción formulado sobre as plantas Coruña e de Avilés e que aceptou negociar co Goberno central unha posible venda destas plantas.
"Estamos en mellores condicións que hai unha semana, cando había unha negativa da empresa a negociar", di Maroto
Segundo dixo a ministra, responsables da multinacional estadounidense puxéronse en contacto co Executivo para comunicarlle esa ampliación do prazo. Tamén que a vindeira semana ten previso celebrar unha nova xuntanza entre as diferentes administracións implicadas e os representantes dos traballadores para "traballar neste novo horizonte".
Maroto considera positivo que Alcoa manifeste a súa disposición a sentar a negociar ofertas polas plantas e asegurou que existen xa varias enriba da mesa, aínda que confía en que "van chegar moitas máis". Así, a ministra espera poder "determinar" coa firma do aluminio "cal das ofertas é a que realmente pode garantir o maior mantemento das dúas plantas e o maior número de empregos".
A ministra de Industria asegura que xa ha varias ofertas polas plantas e cre que "van chegar moitas máis"
"O que queremos é o mellor investimento. É mellor agardar, ter tempo para analizar todas as posibles ofertas, e que realmente o cambio de titularidade sexa un cambio que garanta a sustentabilidade a medio e longo prazo das dúas plantas", rematou Maroto.
A firma, segundo manifestou este martes nunha xuntanza co comité de empresa da planta de Avilés, tiña previsto ampliar este prazo e contaba con que o comité da Coruña asistise ás reunións da mesa de negociación cos seus responsables, xuntanzas ás que non asistiu aínda ao considerar o ERE nulo. O persoal da factoría galega esixe á compañía que manteña comunicación directa cos seus representantes sindicais ao ser estes os únicos que directamente defenden os seus postos de traballo.
Ademais, o comité da planta da Coruña insta o Ministerio de Traballo a que se pronuncie sobre a legalidade ou non do ERE presentado por Alcoa e agarda á vista que se celebrará en Rótterdam o vindeiro luns sobre a denuncia do comité europeo polo incumprimento do período de información e consultas do expediente.