As tendas da Mariña apagan as luces para amosar como sería unha vila sen comercio local

Campaña posta en marcha hai uns días polo Centro Comercial Histórico de Viveiro © CCHV

Dende hai semanas o comercio local da Mariña puxo en marcha campañas para concienciar a poboación sobre a difícil situación que atravesa o comercio polo miúdo e sobre a súa importancia para a economía e o emprego das súas localidades. Primeiro foron os comerciantes de Viveiro, despois o de Ribadeo e agora o de toda a comarca. Os máis de 900 establecementos adheridos á Federación de Comercio A Mariña levarán a cabo este venres unha acción para amosar como serían os centros das súas vilas se non existise comercio local. Así, entre as oito da tarde e as doce da noite todos os establecementos apagarán as luces dos seus escaparates, reflectindo con esta escuridade a falta de actividade que caracterizaría ás ditintas rúas, nas que só habería baixos baleiros.

A campaña de concienciación chámase Ollo! e pide responsabilidade e compromiso á poboación e ás administracións para apoiar o comercio local: "Hai que ter ollo co que facemos, co que fomentamos, coas decisións que se toman a nivel particular e por parte das administracións públicas. Todos somos partes da roda e todos temos que axudarlle a andar á roda”, di José Carlos Paleo, presidente da FCAM. "Cando pasemos pola rúa e non vexamos o escaparate desde moitos puntos de vista podemos dicir ollo co que facemos, ollo co que decidimos e ollo con non disfrutar do que temos porque debemos valorar o que formamos e o que levamos conseguido", engadiu.

A campaña salienta sobre todo os aspectos positivos do comercio local e os beneficios que xera para a cidadanía, destacando que estes establecementos supoñen "máis atención personalizada, mais convivencia cidadá e máis entre todos”. Os 900 comercios da FACM xeran máis de 3.000 empregos e conta cun volume de facturación duns 300 millóns de euros ao ano. Paleo lanza, ademais, unha mensaxe positiva: "Temos que lanzar unha mensaxe de ánimo a toda a xente que está emprendendo neste momento para montar negocios, porque peches e traspasos existiron durante toda a vida comercial e van seguir existindo. Pero as posibilidades da Mariña son inmensas e neso nos temos que basear”.

Unha iniciativa semellante lanzou hai uns días o Centro Comercial Histórico de Viveiro, chamando a coidar os negocios locais "porque son quen moven a economía local". "Canto mellor lles vaia aos comercios e hostaleiros de proximidade, mellor nos irá a todos", sinalan. A campaña componse de 30 imaxes, convertidas en vinilos que se poden ver nas rúas de Viveiro e que tamén son compartidas nas redes sociais, que destacan os aspectos positivos do comercio polo miúdo e dos beneficios que xera para as localidades nas que se asenta: dende a creación de emprego local, o seu carácter sustentable e respectuoso co medio ambiente ao reducir os desprazamentos, o trato amable e cercano dos seus profesionais, a vida que achegan aos distintos barrios ou o feito de seren pequenas empresas e non grandes corporacións. "O comercio dunha vila é o reflexo da vida da mesma. Que pasaría se o deixamos morrer?", pregúntase a campaña.

Algo semellante fixo ACISA Ribadeo, que esta semana distribuíu carteis por toda a localidade en forma de necrolóxicas, facendo fincapé en que "Ribadeo e o seu comercio morrerán en breve se ti non o remedias". A campaña acompáñase dun vídeo, que chama a atención sobre o feito de que toda a economía local depende do pequeno comercio e de que se os cartos se reinvistan nel e non en grandes cadeas ou na compra por Internet a empresas alleas á localidade.

 

9 mil empregos menos dende o 2008

As estatísticas do INE poñen números á crise do comercio polo miúdo. Dende o ano 2008 o comercio galego perdeu máis de 9.000 empregos (pasou de 110.581 a 101.465 traballadores e traballadoras ocupadas). Ademais, o número total de establecementos comerciais en Galicia descendeu en máis de 6.000 (de 40.679 a 34.378). A cifra de negocio experimentou un lixeiro crecemento, pola contra, aínda que nos peores anos da crise económica experimentou tamén unha importante redución da que aínda se está a recuperar.

Imaxe da campaña lanzada por Acisa Ribadeo © Acisa
Imaxe da campaña lanzada pola Federación de Comercio A Mariña © A Mariña Comercio

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.