A posibilidade de que o Goberno de España se desmarque do primeiro acordo da Unión Europea co Reino Unido para a aplicación do Brexit por mor do seu impacto no futuro da colonia de Xibraltar enche dende hai días axendas políticas e mediáticas. Condiciona tamén a convocatoria da cimeira na que, o vindeiro domingo, os socios da UE tiñan previsto dar luz verde ao acordo de retirada do Reino Unido e mais á declaración política a respecto do Brexit pactada entre ambas parte esta mesma semana.
No tenso clima das negociacións non está a poñerse sobre a mesa o impacto do acordo na pesca galega
No entanto, nesta tenso clima non está a poñerse sobre a mesa un dos aspectos derivados de ambos documentos que maior influencia pode ter en Galicia: a incerteza do sector pesqueiro. Segundo o documento pactado coas autoridades europeas por Theresa May, primeira ministra británica, os barcos da Unión que actualmente faenan en augas do Reino Unido poderán seguir facéndoo durante o período transitorio do Brexit -ata finais de 2020-. No entanto, as regras do futuro tampouco se coñecerán ata ese mesmo ano.
Así, a declaración política encamiñada a ser aprobada en Bruxelas este mesmo domingo indica que ambas partes van "cooperar bilateral e internacionalmente" para promover uns labores pesqueiros sustentables, saudables e produtivos, sempre dende a óptica de que o Reino Unido vai ser un "estado costeiro independente". A UE e o Reino Unido van ter "autonomía" para ditar regulamentacións pesqueiras, pero van "cooperar para desenvolver medidas de conservación e aproveitamento racional" dos caladoiros e negociar con terceiros países.
A declaración política encamiñada para ser aprobada en Bruxelas fixa o horizonte do novo acordo pesqueiro da UE co Reino Unido no 1 de xullo de 2020
Pero, en que se vai concretar? Europa e o Reino Unido terán que "fixar un novo acordo de pesca" a respecto de, "entre outras cousas", o "acceso ás augas e as cotas". O compromiso, afirman, será despregaren o seu "esforzo" para "concluír e ratificar" ese novo acordo pesqueiro no horizonte do 1 de xullo de 2020, coa fin de que estea "a tempo" para poñerlo en marcha e "determinar as posibilidades de pesca no primeiro ano tras o período de transición", isto é, o ano 2021.
Este será o incerto marco no que terán que moverse as casas armadoras galegas que teñen barcos a faenar no Gran Sol, o caladoiro do Atlántico norte situado ao oeste das Illas Británicas. As empresas galegas están afectadas polos permisos que poidan manter os barcos da UE no Reino Unido, pero tamén en sentido contrario, porque dende os inicios da integración na extinta Comunidade Económica Europea, armadoras galegas abandeiraron buques no Reino Unido para, precisamente, poderen acceder a cotas británicas. Segundo os datos máis recentes, debullados por Faro de Vigo o pasado maio, os barcos estritamente galegos no Gran Sol son xa menos de 70 tras anos de reducións e agora, tamén de incertezas políticas e económicas.