A CIG manifesta o seu "absoluto rexeitamento" á conxelación salarial e mantemento da taxa de reposición do emprego público decidida polo Goberno tras a Mesa Xeral de Administracións Públicas que tivo lugar este mércores en Madrid. A Área Pública da central nacionalista destaca que esta medida do Executivo "afonda no deterioro e desmantelamento dos servizos públicos".
A medida "afonda no deterioro e desmantelamento dos servizos públicos"
Segundo a CIG, a convocatoria da Mesa cos sindicatos foi remitida sen documentación previa, polo que denuncian un "método impositivo e escurantista" que imposibilita presentar alternativas nin negociar ningúns dos aspectos tratados.
Segundo os datos presentados, o persoal das administracións recuperarán a paga extraordinaria de Nadal para o vindeiro 2013. Porén, o Goberno do PP mantén a conxelación salarial, "sen dar posibilidade á actualización da perda do poder adquisitivo acumulada dende 2009",como destaca a CIG. Así, a Área Pública do sindicato lembra que "tan só neste ano, os empregados e empregadas públicas perderon case o 10% da súa capacidade adquisitiva (por mor da supresión da paga extraordinaria , que supón unha baixada do 7%, unida á suba do IPC, situado a remate de agosto no 2,7%).
Do mesmo xeito, e a través dunha táboa comparativa, a central nacionalista destaca que nos últimos dez anos, a perda de poder adquisitivo dos traballadores públicos en Galicia é de -32,4%, un descenso semellante, aínda que lixeiramente superior, ao do conxunto do Estado (-30,2%).
A CIG tamén destaca que a taxa de reposición mantense nun 0% para todo o sector público, agás en determinados sectores básicos, como Educación e Sanidade, onde será de até un 10%, ao igual que para os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, Forzas Armadas e corpos de loita contra a fraude fiscal. "Non obstante, segundo se informou na Mesa, non se producirán contratacións de persoal eventual ou interinos/as, excepto naqueles casos inaprazábeis en sectores prioritarios ou que afecten a servizos públicos esenciais, mais coa autorización previa correspondente", denuncian.
A CIG denuncia que estes axustes provoca "o colapso da administración e dos servizos públicos, que xa están comezando a verse incapaces de atender ás demandas dos cidadáns"
Dende a Área Pública da CIG reiteraron a advertencia das "graves consecuencias que esta decisión está tendo para os servizos públicos e para o seu mantemento", provocando "o colapso da administración e dos servizos públicos, que xa están comezando a verse incapaces de atender ás demandas dos cidadáns e cidadás por falta de persoal".
A CIG advirte tamén que tras desta medida agóchase "a decisión do PP de ir adelgazando a administración” e que “aboca ao peche a certos servizos públicos porque non será posíbel atendelos e favorecer a privatizacións dos que sexan máis rendíbeis”.
Por mor de todo isto, e por moitos motivos máis, a CIG xa anunciou mobilizacións para este venres 28 nas principais cidades galegas. Serán contra a aprobación do Anteproxecto de Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2013 que, "baixo a escusa da austeridade e o control do déficit público", suporán un novo retallamento no gasto e investimento público, afectando aos servizos e prestacións e, polo tanto, "afondando no recorte de dereitos e deterioro das condicións laborais e de vida da maioría social". As protestas serán nos seguintes puntos:
A Coruña: ás 12:00 horas diante da Delegación do Goberno.
Vigo: ás 11.00 horas na farola de Urzáiz.
Ourense: ás 11.00 horas na Subdelegación do Goberno.
Compostela: ás 12:00 horas na Praza da Paz (diante da Xunta).
Ferrol: ás 12:00 horas na Praza de Armas.
Lugo: ás 12:00 horas, diante do edificio multiusos da Xunta.