Gayoso defende as indemnizacións millonarias dos directivos por ser "culpables do éxito"

Julio Fernández Gayoso, no Congreso © Congreso dos Deputados

Gayoso defende as indemnizacións millonarias aos directivos das caixas porque as merecían ao ser, segundo el, "culpables do éxito" de Caixanova. Así o aseguraron fontes xurídicas a varios medios logo de que o ex presidente da entidade viguesa e copresidente de Novacaixagalicia declarase na Audiencia Nacional.

Gayoso terá que presentarse cada quince días nun xulgado

Foi o último dos cinco ex directivos imputados en declarar e fíxoo para defender a legalidade das retribucións que lles asignaron a aos antigos executivos. Gayoso, que como outros terá que presentarse no xulgado cada quince días, defende a versión dos outros altos cargos das caixas que xa pasaron pola Audiencia Nacional, ao asegurar que o consello de administración de Novacaixagalicia e o Banco de España coñecían os contratos de alta dirección e estaban informados das prexubilacións. Gayoso chegou a aclarar que as condicións dos contratos millonarios eran iguals que as dos contratos iniciais dos ex directivos, de 1999.

Segundo a querela da Fiscalía Anticorrupción admitida a trámite pola Audiencia, Fernández Gayoso "aprobou os importes correspondentes ás prexubilacións", sen comunicalo ao Banco de España.  "Estas liquidacións realizáronse baixo o paraugas formal dos contratos de alta dirección, prescindindo da necesaria e mínima valoración sobre a dificilísima situación patrimonial da entidade bancaria", di a querela de Anticorrupción que obrigou a Fernández Gayoso a presentar a súa dimisión como copresidente de Novacaixagalicia o pasado mes de xuño.

O titular do Xulgado Central de Instrución número 2 admitiu o pasado xuño a querela de Anticorrupción contra cinco ex directivos de Novacaixagalicia por entender que acutaron "con abuso das funcións do seu cargo e con pleno coñecemento da dificilísima situación económica pola que atravesaba a entidade".

Gayoso, Varela e Feijóo © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.