NGB, “pendente” da reforma financeira de Rajoy para coñecer o seu futuro

José María Castellano, co equipo directivo de Novagalicia Banco © NGB

Primeiro, a fusión. Segundo, a bancarización. Co pé levantado, o seguinte paso de Novagalicia Banco, beneficiaria da segregación financeira de Novacaixagalicia, é indeterminado. Descoñecido. O cualificativo varía segundo a porta na que se pete. Pero ningunha resposta é especialmente optimista. A entidade agarda a un pronunciamento “claro” por parte do Ministerio de Economía. “Non sabemos que tipo de reforma van facer”, apuntaron desde a sede viguesa do banco a este diario.

A banca precisa dun saneamento. Esa depuración ten que ver cos máis de 175.000 millóns que caixas, bancos e outras entidades de crédito que, segundo o Banco de España, están en préstamos inmobiliarios que poderían ser “problemáticos”. A morosidade superou ampliamente os 130.000 millóns, e os créditos tipificados como “debedores á vista” medran moderadamente mes a mes. A banca tamén se converteu nos últimos meses nunha inmensa empresa inmobiliaria con activos adxudicados: solo, promocións, vivendas...

Segundo fontes financeiras consultadas, o Goberno podería obrigar a provisionar contra beneficios. Isto que significa? Que a asunción de perdas en determinados activos podería poñer máis de unha entidade en números vermellos.

As empresas máis febles, como é o caso de Novagalicia Banco, son as que maiores problemas van ter para sobrevivir sen ter que unirse a outro grupo. Isto é, superar este terceiro paso sen ter que regresar ao primeiro. Desta volta, unha fusión diluiría o poder de decisión de NGB noutro grupo consolidado. En que medida dependería da entidade ou entidades que se fixeran co banco galego.

Datos de exposición inmobiliaria

Os últimos datos dispoñibles son a 30 de setembro de 2011. Ata esa data a entidade adicara preto de 11.200 millóns de euros para o financiamento de actividade relacionadas co sector inmobiliario. A morosidade é moi severa, con 3.010 millóns tipificados como dubidosos (26,8%). Os subestándar (enténdese que serán morosos no futuro) ascenden a outros 1.914 millóns de euros. Cómpre destacar que, por exemplo, a morosidade das familias (créditos para a adquisición de vivendas) é moi reducida, cunha taxa que non chega ao 1,7%.

Exposición ao sector da construción
Financiamento ao sector inmobiliario Importe bruto
Sen garantía hipotecaria 1.955
Con garantía hipotecaria 9.236
Vivenda finalizada 4.637
Vivenda sen rematar 1.879
Solo 2.720
Total 11.191

Un dos maiores problemas que se observan no balance, en canto á próxima reforma financeira, son os activos adxudicados e, especialmente, o solo que pertence agora á entidade. Neste segmento a empresa que preside José María Castellano ten adxudicados 1.335 millóns de euros. A depreciación do solo, aínda en proceso de consolidación, vai ser un dos aspectos nos que a reforma fará maior fincapé. A provisión destes activos podería superar o 70%, dacordo coas estimacións de economistas consultados por este diario.

A 30 de setembro a exposición total do grupo a promoción, construción e activos adxudicados supuña o 17,7% do activo total. Se se considera tamén o financiamento de hipotecas a particulares esta porcentaxe elévase ao 38,3%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.