Novagalicia transfírelle máis de 5.000 millóns de ladrillo 'tóxico' ao banco malo

Oficina de Novagalicia Banco CC-BY-SA Merixo

As alegrías inmobiliarias das antigas caixas de aforro galegas xa teñen prezo. A entidade que asumiu o negocio financeiro de Novacaixagalicia, Novagalicia Banco, vénlle de comunicar á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) que xa cumpriu coa obriga de transferirlle os seus activos inmobiliarios tóxicos á Sociedade de Gestión de Activos Procedentes de la Reestructuración Bancaria (Sareb), isto é, ao banco malo creado polo Estado. Segundo figura nesa comunicación, o "importe" da transmisión é de 5.096.904.194 euros.

Atendendo ao comunicado emitido por NCG Banco, S.A., este contrato "ten como data de efectos o 31 de decembro" e o banco malo vai "satisfacer" o prezo "mediante a entrega de valores de renda fixa" que "contarán coa garantía irrevogable do Estado español". O traspaso de activos inmobiliarios aféctalle tanto a Novagalicia como a "aquelas sociedades participadas polo mesmo afectadas" polo "deber legal" de reestruturarse, proceso que deixa a entidade galega ao bordo da venda.

O traspaso forma parte do proceso que implica tamén a inxección de máis de 5.4000 millóns de cartos públicos

O paso a mans do Estado dos activos inmobiliarios de Novagalicia Banco forma parte dun proceso que implica tamén a chegada á entidade dunha inxección de capital "por importe de 5.425 millóns de euros" a cambio da cal o banco, agora público en máis dun 97%, terá que ser "privatizado". Ata esa privatización as autoridades españolas e europeas impóñenlle a Novagalicia condicións como "centrar o seu negocio e actividade no perímetro actual da marca (...), vinculado ao seu territorio de orixe" e facerlle unha quita ás persoas propietarias de participacións preferentes.

Este proceso é o que implica tamén a redución no cadro de persoal "ata nun máximo dunhas 2.5000 persoas". Esta cifra "pode variar durante os próximos anos, tendo en conta que a entidade dispón de dous anos" para vender a súa filial EVO e que ten que dedicar persoal "á xestión de activos inmobiliarios" que agora son propiedade do banco malo. Ademais, segundo sinalou a entidade, Novagalicia pode "traspasar emprego a investidores especializados en recuperación e podería vender oficinas".

Oficina de Novagalicia Banco CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.