A ambición de Pescanova deixa no aire o seu futuro

Pescanova, nunha feira de alimentación CC-BY-NC-ND infohoreco

Hai só catro anos, Pescanova vestía de gala o seu proxecto estrela en Portugal. Na pequena localidade de Mira, moi preto do Porto, ía pór unha marcha unha das maiores plantas de acuicultura do mundo, onde lograría unha produción de 12.000 toneladas de rodaballo anuais. Pescanova recibía entón os afagos do Goberno luso, encabezado por José Sócrates, quen, durante a presentación da planta, agradecía un investimento que ía “incrementar a importancia económica, o desenvolvemento e a investigación do país”. Non en balde, Pescanova virou a mirada cara a Portugal despois de que a Xunta de Galicia rexeitase o proxecto, ao considerar que podía pór en perigo o ecosistema de Cabo Touriñán.

Moito cambiaron as cousas desde entón. A planta de Mira, por exemplo, non logrou os obxectivos previstos e álzanse as voces que critican o exceso de diversificación, froito dunha estratexia personalista e férrea por parte do seu presidente, Manuel Fernández de Sousa. Un crecemento acelerado, apoiado nas caixas de aforro galegas, que provocou o seu endebedamento até niveis hoxe inasumibles.

Un crecemento acelerado, apoiado nas caixas de aforro galegas, que provocou o seu endebedamento até niveis hoxe inasumibles

A principios de mes a dirección da compañía solicitou o preconcurso de acredores e comezou a renegociar a súa débeda. Con todo, a advertencia onte de que deixaba no aire a contratación da firma Houlihan Lockey como asesor financeiro da súa reestruturación, provocou unha nova desfeita en bolsa, a enésima, ao perder máis dun 17%. A Comisión Nacional do Mercado de Valores, (CNMV), cansa xa dos continuos sobresaltos en bolsa, anunciou onte ao peche dos mercados que iniciaba unha investigación da compañía para saber se existe abuso de mercado.

Polo momento, Pescanova supeditou a continuidade do asesor financeiro até que a súa contratación sexa aprobada polo consello de administración e unha vez sexan formuladas as contas anuais de 2012. E dadas as diferenzas no seo do consello de administración, non parece que este sexa o único problema sobre a mesa da dirección de Pescanova.

 

Unha débeda de 1.500 millóns

A CMNV, cansa xa dos continuos sobresaltos en bolsa, anunciou onte ao peche dos mercados que iniciaba unha investigación da compañía para saber se existe abuso de mercado

Tanto a compañía coma os representantes dos traballadores aseguran que a empresa funciona “con total normalidade” e que o negocio carece de problemas estruturais. Pero o consello de administración vive un conflito nada soterrado e os bancos acredores parecen botar o freo para marcar o paso no futuro da empresa galega. “Nós vemos a situación con bastante tranquilidade porque os problemas non afectan á fábrica, só á matriz. Estase traballando con normalidade, estase mercando materia prima e estanse pagando as nóminas”, explica Francisco Vilar, responsable de organización de Comisións Obreiras (CCOO).

É certo que o negocio, aparentemente, funciona. Nos nove primeiros meses de 2012, Pescanova mostraba a súa satisfacción por ver como as súas vendas crecían a un ritmo do 8,9% a pesar da crise e rozaban os 1.150 millóns de euros. De feito, xa en 2011, máis da metade da súa facturación conseguíaa fóra de España. Con todo, parece que a súa capacidade de xeración de ingresos non é suficiente para afrontar os pagos que debe e que os proxectos de acuicultura, especialmente en Chile e Portugal, non foron tan rendibles como se pensaba. Por exemplo, a planta de Mira requiría un investimento inicial de 140 millóns de euros, cifra que se duplicou en só tres anos, segundo fontes financeiras. Só no próximos tres anos, Pescanova ten que facer fronte ao vencemento de débeda por valor duns 500 millóns de euros. Sen esquecer que a sociedade ten hipotecada parte da súa frota pesqueira e a súa débeda global rolda os 1.500 millóns.


Problemas pola falta de apoio das caixas

O endebedamento é, por tanto, o problema que levou a Pescanova á actual situación pero a causa é a facilidade de crédito da que gozou previamente

O endebedamento é, por tanto, o problema que levou a Pescanova á actual situación pero a causa é a facilidade de crédito da que gozou previamente. En 2009, o mesmo ano en que Pescanova vestía de gala os seus proxectos de acuicultura, as caixas galegas facilitáronlle financiamento por valor de 350 millóns de euros. Ese mesmo ano, Caixa Galicia chegou a controlar o 20% do accionariado de Pescanova e subscribiu, nunha ampliación de capital, accións por valor de 100,6 millóns de euros; tiña, ademais, voz e voto no consello de administración da empresa.

Con todo, a fusión das caixas obrigou a unha progresiva redución dos investimentos que non tiñan que ver co eixo do negocio. Así, o pasado ano Novagalicia Banco abandonaba o accionariado do grupo pesqueiro, que quedaba sen un dos seus principais valedores financeiros. De feito, as complicacións xa se fixeron notar o pasado ano, cando Pescanova puxo en marcha unha oferta pública de venda da súa filial chilena, que non logrou sacar adiante.

 

Un modelo de negocio “vertical”

Actualmente, Pescanova ten máis de 10.500 empregados, dos que 1.500 están en Galicia

Pescanova sustentou o seu modelo de negocio no que denomina “integración vertical”, é dicir, en controlar a produción desde a pesca (conta cunha frota de case un cento de barcos), pasando pola súa transformación, até a súa comercialización no punto de venda. En total, o grupo está composto por máis de 160 empresas, entre as que hai filiais e participadas. Xuntas abarcan 30 plantas de procesamento, 50 instalacións de acuicultura, ademais da frota de pesca. Na última década, Pescanova fíxose co control de sociedades como Pescafina, Fricatamar, Congepesca, Ultracongelados Antártida, a francesa Krustanord ou a norteamericana Ladex, ademais de crecer en mercados como Xapón, Grecia, Polonia, Guatemala, Nicaragua, Ecuador, Namibia ou Mozambique.

Actualmente, Pescanova ten máis de 10.500 empregados, dos que 1.500 están en Galicia, segundo o representante do sindicato que, a pesar da aparente gravidade da situación, afirma ser “optimista, porque houbo reunións cos comités de empresa nos que nos recalcaron que o preconcurso é unha medida preventiva e temporal que ten data de caducidade (pode prolongarse tres meses) para protexer os activos da compañía”. “Nós pedimos unha reunión co consello de administración para que nos dean máis información e aínda non se reuniu pero é un tema o suficientemente serio como para especular, e non queremos facelo”, recalca Francisco Vilar.


Os problemas do consello de administración

A principal solución é a renegociación da débeda, e aí todo corre a cargo da vontade da banca. Por exemplo, o principal acredor de Pescanova, con máis de 200 millóns de euros, é o Banco Sabadell

Pero se algo non falta nas últimas semanas ao redor de Pescanova son especulacións. Unha delas xira ao redor de quen vai mandar na compañía a partir de agora. Un dos candidatos é o grupo cervexeiro catalán Damm, que tamén é accionista doutras grandes empresas de alimentación españolas como Ebro Foods. Damm é o segundo accionista de Pescanova, co 6,18% das súas accións, só por detrás do seu presidente, Manuel Fernández de Sousa (14,4%). A compañía da familia Carceller reaccionou ao preconcurso de acredores solicitando a xuntanza dun consello de administración extraordinario para decidir a estratexia a seguir. E, polo de agora, segue á espera.

A principal solución é a renegociación da débeda, e aí todo corre a cargo da vontade da banca. Por exemplo, o principal acredor de Pescanova, con máis de 200 millóns de euros, é o Banco Sabadell, quen asegurou que porá “todo o empeño” para resolver a situación canto antes. Con todo, nunha análise elaborada polos analistas do mesmo banco, aseguraba que “ante a imposibilidade de cuantificar o risco” e polas “dúbidas xeradas”, “a situación lévanos a sacar o valor da carteira Medium & Small”. Ademais, o informe recoñecía que “a única solución” para Pescanova pasa por “chegar a un acordo coas entidades financeiras condicionado á venda do negocio de salmón en Chile e, así, salvar o impacto financeiro a curto prazo”.

A man salvadora, de novo, podería vir da Xunta de Galicia. De feito, xa o fixo a mediados dos anos 90, cando a Xunta entón presidida por Manuel Fraga interveu

Mentres se alzan voces a favor da “galeguidade” de Pescanova, os bancos investidores poderían forzar unha nova inxección de capital, unha nova ampliación que, xunto coa renegociación da débeda, lle dea aire ás finanzas do grupo pesqueiro. Pero un novo accionista podería levar o control da sociedade fóra de Galicia. E aí a man salvadora, de novo, podería vir da Xunta de Galicia. De feito, xa o fixo a mediados dos anos 90, cando a Xunta entón presidida por Manuel Fraga interveu a través dun préstamo en forma de obrigas para facilitar o saneamento da compañía e evitar que caese en mans da angloholandesa Unilever.


Os gañadores da crise do grupo

Coma en toda crise, haberá gañadores e perdedores. Entre os primeiros están quen aproveitaron as circunstancias e, sobre todo, a caida en Bolsa, para facer negocio.

Hoxe, Pescanova ten o seu futuro no aire, á espera de coñecer se consegue saír do preconcurso e de como pode logralo. Pero, coma en toda crise, haberá gañadores e perdedores. Entre os primeiros están quen aproveitaron as circunstancias e, sobre todo, a caida en Bolsa, para facer negocio. Antes de comunicar o preconcurso, cada acción do grupo pesqueiro custaba no parqué madrileño 17,4 euros e, nunha xornada normal, adoitaban intercambiarse ao redor de 100.000 títulos do grupo. Compravenda que se multiplicou por dez, e superou os 10 millóns de accións, cando as accións caeron até os 6,3 euros. Unhas operacións que foron xestionadas por algunhas das principais firmas de valores, como Renda 4, Gaesco Bolsa, Santander ou Morgan Stanley.

Ademais, antes de que se coñecese o preconcurso do grupo pesqueiro, desembarcaron no seu capital dúas sociedades de investimento: Silicon Metals Holding (que posúe o 5%) e Capital Research and Management Company (3,415%), pero os detalles destes investimentos non se fixeron públicos, segundo os rexistros da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV). Onte, despois do coñecer que Pescanova suspendía a contratación de Houlihan Lockey, as súas accións volveron resentirse e pecharon a sesión perdendo o 17,4% do seu valor. Se os acontecementos non cambian, non parece que o de onte fose o último día de malas noticias para a empresa galega.

Pescanova, nunha feira de alimentación CC-BY-NC-ND infohoreco
Unha factoría de peixes planos de Pescanova © Pescanova
Barco de Pescanova nos anos sesenta Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.