"Dise que as pensións son un problema porque se quere xerar un novo tipo de negocio para o sector financeiro"

Mirem Etxezarreta © Aula Castelao

A economista Miren Etxezarreta, catedrática da UAB, ofreceu unha conferencia este martes na Semana Galega de Filosofía sobre a "estratexia do esquecemento no capitalismo". Experta en Economía Agraria e no sistema público de pensións, actualmente participa activamente en diversos movementos sociais, e en particular no Seminario de Economía Crítica TAIFA dedicado a promover a crítica da Economía convencional, a formación de economistas novos e a divulgación crítica de temas económicos de actualidade a través da publicación de Informes de Economía Crítica. É tamén habitual ler os seu artigos en Rebelión, Le Monde Diplomatique ou en Público e foi moi comentada a súa intervención ante o Parlament de Catalunya en 2011 no marco das protestas do 15M. No contexto dunhas xornadas que xiran ao redor da memoria, afirmou que "a memoria constitúe pouco máis que unha rémora que pode motivar uns gastos e actitudes non xeradores de beneficios, e cuxa incidencia debe reducirse á mínima expresión".

"Fronte á memoria, no capitalismo importa o presente inmediato, o capitalismo obriga ao consumo permanente e continuo"

Na súa conferencia defendeu que "a memoria no capitalismo ou se ignora, ou resulta orientada a cooperar ao logro dos obxectivos do sistema económico existente". O capitalismo emprega a desmemoria como instrumento?

Afecta sobre todo á inmediatez dos resultados. Fronte á memoria, no capitalismo importa o presente inmediato, o capitalismo obriga ao consumo permanente e continuo. En contraposición, van aparecendo grupos de xente que apostan por prácticas de produción e consumo alternativas. Supón unha forma de oposición ao capitalismo a través da xeración de ámbitos de autonomía e de formas de facer diferentes.

"Non hai ningunha razón pola que as pensións se teñan que pagar só coas cotizacións dos traballadores, en moitos países páganse as pensións con impostos xerais"

Vostede é experta no sistema de pensións. A súa crise é tan grave como nos din dende o Goberno?

O sistema de pensións público depende moito do mercado de traballo porque no contexto español son as cotizacións dos traballadores en activo as que pagan as pensións dos xubilados. Se se deteriora o mercado de traballo -temos seis millóns de parados e seguramente aumentarán-, iso é un perigo para o sistema de pensións, se se mantén o mesmo sistema tal e como está. Dende o Goberno o que están facendo é replantexar o sistema sobre a base de reducir o gasto. Todas as medidas diríxense a ese obxectivo: reducir as pensións do futuro. Isto será así se realmente se quere que sexa así, pero non hai ningunha razón pola que as pensións se teñan que pagar só coas cotizacións dos traballadores, en moitos países páganse as pensións con impostos xerais. O tema das pensións é basicamente unha cuestión de distribución das rendas e da riqueza do país. É un tema político, non de inviabilidade. Porque eu podería dicir “máis inviable é o exército”, pero o exército págase con impostos. O dia que o exército o paguen os soldados ou os xenerais poderemos comezar a falar de inviabilidade. Se se quere que as pensións as paguen só uns traballadores que cada dia son menos pode haber problemas, pero tampouco tan graves como nos queren facer crer.

"Lévase falando das pensións privadas dende moito antes desta crise. En 1994 o Banco Mundial xa fixo un informe que afirmaba que as pensións públicas eran inviables"

Téntase beneficiar os plans privados de pensións?

A razón deses discursos e das propostas de revisión do sistema de pensións é un intento a nivel mundial de potenciar as pensións privadas. As pensións privadas son un ámbito enormemente gorentoso para os mercados financeiros, son unha bolsas de capital que as entidades financeiras queren manexar. Lévase falando das pensións privadas dende moito antes desta crise. En 1994 o Banco Mundial xa fixo un informe que afirmaba que as pensións públicas eran inviables. E seguen dicindo o mesmo, porque é un discurso falaz, feito de medias verdades. É certo que se cada dia hai menos traballadores haberá máis problemas para financiar as pensións, pero tamén é verdade que se poderían financiar as pensións a través dos impostos se houbese un sistema de impostos decente.

As pensións privadas necesitan máis capital que as pensións públicas porque hai que reunir máis de 250 mil euros de cotizacións para poder ter dereito á pensión mínima cando teñas 65 anos. A ver que traballador pode aforrar esa cantidade para unha pensión privada. E para ter unha pensión media de 850 euros, que é a media da pública, habería que ter 750 mil euros. Ademais, eses fondos privados están invertidos en bolsa e xa vemos o que está pasando coa bolsa. O que pasou aquí coas preferentes pode pasar cos cartos que están invertidos en accións. Dicir que as pensións privadas son a solución para o que está pasando coas pensións públicas é unha mentira. Dise que as pensións son un problema porque se quere xerar un tipo de negocio para o sector financeiro. As pensións privadas corren tanto ou máis perigo que as públicas.

O discurso é semellante á defensa que se fai da austeridade como única solución, no canto de apostar por fórmulas para obter máis recursos?

Mesmo o discurso oficial está cambiando. Por exemplo, a señora Lagarde xa dixo que os programas de axuste non son suficientes para resolver o problema. E a maior parte dos analistas coinciden en que estas políticas están empeorando a situación dos países en crise. No caso do Estado español, temos unha economía absolutamente colapsada. É evidente que esa non é a solución.

"Creo que o 2014 tampouco vai ser de recuperación. E ademais hai que pensar "recuperarse de onde?". Estamos moi abaixo. Caemos moito xa, por exemplo en salario ou en benestar"

Teñen base real os optimistas discursos que falan do afastamento da posibilidade dun rescate e do inicio da recuperación?

Temos unha economía que non ten capacidade produtiva, que ten unha altisima débeda, e ademais os programas de axuste non fan máis que asfixiar a pouca capacidade que se podía ter de xestionar a débeda -non de pagala, porque a débeda é impagable-. A economía española está in articulo mortis. É certo que de momento se está podendo eludir o perigo do rescate? Ben, de momento si. Pero xa veremos que pasa, porque somos tributarios do que pase noutros países. Se pasa algo en Chipre, aféctanos, se pasa algo en Alemaña, aféctanos. Vivimos na economía global e aos débiles a economía global aféctalles máis.

Eu non creo moito niso de que "xa pasou o peor", porque non sei onde se van integrar seis millóns de parados. Pode que se comece a producir un pouco máis, pero iso non resolve o problema do paro. Levamos moito tempo dicindo que o ano que vén chegará a recuperación e o ano que vén non chega nunca. E eu creo que o 2014 tampouco vai ser de recuperación. E ademais hai que pensar "recuperarse de onde?". Estamos moi abaixo. Caemos moito xa, por exemplo en salario ou en benestar. Se recuperarse é comezar a funcionar un pouco, aínda nos faltaría subir outra vez toda esa costa para volver ao lugar no que estabamos, se algunha vez chegamos alí.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.