Non é pouco o que se leva escrito e analizado sobre as alegrías inmobiliarias das antigas caixas galegas nos tempos do boom da construción. A exposición ao ladrillo foi, non en van, un dos lastres de Caixa Galicia e Caixanova, así como da entidade resultante da súa fusión, Novacaixagalicia, e da actual Novagalicia Banco, ata o punto de que lle chegou a transferir 5.096,9 millóns de euros en activos inmobiliarios á Sareb, isto é, ao banco malo. As condicións impostas pola Unión Europea ao Estado español para o rescate bancario obrigan á entidades rescatadas a desfacérense do lastre inmobiliario nun curto treito temporal e niso anda Novagalicia a través da marca comercial Escoge Casa, a cal non só permite observar o importante volume de vivendas sen vender que ten o banco, senón tamén unha radiografía do que resultou ser outra das causas dos seus males: a expansión moito máis alá do territorio galego.
Actualmente Novagalicia Banco oferta máis de 9.000 vivendas a través da súa firma inmobiliaria e, delas, menos de catro de cada dez están en Galicia. Nomeadamente, unha análise destas ofertas permite concluír que só o 38,5% dos pisos e casas están construídas nunha das catro provincias galegas, as cales suman un total de 3.561 edificacións das que se tenta desfacer o banco. O 61,5% restante atópase espallado ao longo e ancho do territorio do Estado, especialmente en Madrid, Barcelona e territorios especialmente propicios ao turismo de sol e praia, tales como o Levante ou as illas.
O banco herdeiro das caixas galegas ten case tantas vivendas á venda na fachada mediterránea como en Galicia
Nomeadamente, só na fachada mediterránea Novagalicia oferta case tantos pisos como en Galicia. Así, fronte ás máis de 3.500 casas e pisos na Coruña, Ourense e Pontevedra, nesta zona do Estado ten á venda 3.424 vivendas. A maioría delas están concentradas na Comunitat Valenciana e a Región de Murcia -dispón, por exemplo, de máis pisos en Castelló (638) que en Lugo (450)-, aínda que tamén dispón dun importante parque inmobiliario en Catalunya (576 ofertas). Máis cara ao sur, en Andalucía Novagalicia ten á venda 1.029 casas, a maior parte concentradas en Almería (480) e Málaga (298). En Madrid, outro dos puntos con maior abundancia de oferta, vende 622.
A expansión inmobiliaria da entidade herdeira das malogradas caixas galegas internouse no Atlántico e chegou tamén a Canarias. Alí Novagalicia procura vender 379 vivendas, moitas máis das que ten, por exemplo, en Ourense (193) e tamén un número moito máis considerable das ofertadas en territorios máis próximos a Galicia, caso de Asturias, onde vende 180 pisos, ou en León, onde ten 83. Aínda que cunha menor variedade entre a que elixir, as persoas interesadas en mercarlle unha casa ao banco agora intervido en máis dun 97% polo FROB pode facelo en practicamente calquera provincia do Estado. Así, á marxe dos puntos máis turísticos e fóra de Madrid e Barcelona, é posible atopar pisos de Novagalicia dende Cantabria (113) a Albacete (122), ou dende Ávila (70) a Badajoz (6).
| A Coruña | 1615 |
|---|---|
| Pontevedra | 1303 |
| Castelló | 638 |
| Madrid | 622 |
| Murcia | 495 |
| Almería | 480 |
| Lugo | 450 |
| Alacant | 385 |
| Barcelona | 374 |
| Málaga | 298 |
| Valencia | 285 |
| Ciudad Real | 204 |
| Ourense | 193 |
| Asturias | 180 |
| Tenerife | 144 |
| Girona | 124 |
| Albacete | 122 |
| Cantabria | 113 |
| Valladolid | 110 |
| La Rioja | 108 |
| Fuerteventura | 107 |
| Sevilla | 92 |
| Bizkaia | 91 |
| Cádiz | 89 |
| León | 83 |
| Ávila | 70 |
| Tarragona | 68 |
| Toledo | 65 |
| Gran Canaria | 64 |
| La Palma | 62 |
| Zaragoza | 51 |
| Granada | 31 |
| Huesca | 30 |
| Navarra | 30 |
| Córdoba | 22 |
| Mallorca | 14 |
| Jaén | 12 |
| Guadalajara | 10 |
| Lleida | 10 |
| Badajoz | 6 |
| Huelva | 5 |
| Cáceres | 3 |
| Cuenca | 3 |
| Lanzarote | 2 |
| Menorca | 2 |
| Palencia | 2 |
| Salamanca | 2 |
| Segovia | 2 |
| Soria | 2 |
| Araba | 1 |
| Burgos | 1 |
| Gipuzkoa | 1 |
| Teruel | 1 |
| GALICIA | 38,5% |
| RESTO DO ESTADO | 61,5% |