O auxe da agricultura ecolóxica en plena crise

Invernadorio con produción de agricultura ecolóxica © Craega

Na crise non todos os sectores caen. A agricultura ecolóxica continúa en alza en Galicia, incluso nestes últimos anos nos que a crise económica semella levar por diante todo o que se atopa. Desde que en 1997 se creara o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), a evolución do sector non deixou de ser positiva. A publicación da última memoria, do pasado ano 2012, así o confirma de novo.

A facturación da agricultura ecolóxica en Galicia aumentou un 4% no último ano e dobrouse con respecto ao inicio da crise en 2008

Así, a facturación da agricultura ecolóxica no pasado exercicio incrementouse en case un 4% (un 3,8%) con respecto ao ano 2011 e alcanzou os 22,7 millóns de euros, uns datos que son aínda máis reveladores de ter en conta a evolución do sector desde o inicio da treboada económica. Desde 2008, data na que se sitúa o comezo da crise, a facturación duplicouse. Daqueles case 11 millóns de hai catro anos aos case 23 de agora.

José Antonio Fernández, presidente de Craega, cre que a clave non é só galego "senón a nivel estatal e mundial". "En todo o mundo a agricultura ecolóxica ten un valor por ser unha produción certificada que ofrece garantías de calidade e sanitarias e que vén avalada pola lexislación europea", asegura, antes de advertir que a evolución positiva "seguirá" nos vindeiros anos.

O presidente do Consello Regulador cre que a nova PAC verde aumenta as expectativas positivas do sector

De feito, a aprobación dunha Política Agraria Común (PAC) verde, como se denomina á nova proposta europea, non pode máis que seguir beneficiando a unha produción agrícola "que se adapta como ningunha a eses parámetros". Fernández sospeita que o crecemento será "algo austero" neste presente ano, pero que "irá a máis" nos seguintes.

A propia Xunta cualifica os datos da última memoria de Craega como "espectaculares" e confía nun sector que Juan Antonio Fernández tamén ve en auxe. Tamén en canto ao aumento de número de produtores, que en Galicia vén reforzado pola chegada de moita xente nova que aposta polo rural e, a un tempo, pola agricultura ecolóxica. "Cada vez se nota máis que hai moita xente nova que decide incorporarse á agricultura e que repara en todas as opcións posibles para acabar decidíndose por incribirse en Craega e apostar por un sector que lle proporciona un mercado estable e seguro", resume o presidente dun organismo encargado de controlar que a produción se axuste ás normas ecolóxicas marcadas.

A crise provoca a chegada ao rural de xente nova que adoita apostar pola produción ecolóxica para o seu negocio

Se reparamos nos datos, vemos como o número de produtores inscritos no Consello Regulador aumentou case un 20% desde 2008, mentres que as hectáreas cultivadas tamén se aumentaron nun 7%, alcanzando xa en Galicia máis de 15.000.

Malia os datos positivos, a maioría da produción ecolóxica galega acaba fóra de Galicia e de España

Malia todas estas cifras positivas, José Antonio Fernández lamenta que a maioría dos produtos ecolóxicos galegos acaben sendo destinados a fóra do país e de España, para acabar principalmente en consumidores europeos. "É triste", di, logo de intentar explicar as causas que motivan este paradoxo. "En Galicia aínda non hai unha concienciación clara; a xente non é consciente do que deixa de comer prescindindo da agricultura ecolóxica; ademais, tamén fai falta que se sigan introducinodo produtos que aínda non están ben inseridos no mercado", asegura.

Aínda así, as previsións seguen a ser moi boas. Tal e como foron os datos da última década. Desde 2002, o negocio da agricultura ecolóxica multiplicouse por 40, mentres que a superficie inscrita en Galicia é case cinco veces superior á de hai dez anos.

Produtos de gandaría ecolóxica © Craega

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.