O presidente de Pescanova, apartado da empresa. O xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra vén de ditar o auto no que se declara a Pescanova en concurso de acredores, e no que tamén se afasta o consello de administración, presidido por Manuel Fernández de Sousa, da dirección da empresa, xa que "o mantemento das facultades patrimoniais do debedor entraña evidentes riscos".
Pescanova recoñece ter máis de cincuenta acredores, pero non concreta a débeda
Nesta solicitude do concurso, Pescanova recoñece que ten máis de 50 acredores e, aínda que non se concreta a débeda, si se apunta no auto a unha diferenza de case 88 millóns de euros no pasivo total, entre a documentación achegada inicialmente e a subsanación posterior. A multinacional recoñece tamén na súa solicitude o seu "estado de insolvencia".
O auto do xuíz destaca que Pescanova incumpriu o seu deber de formular as contas de 2012 no prazo requirido
No auto do xuíz, destácase tamén que Pescanova incumpriu o seu deber de formular as contas de 2012 no prazo indicado, así como a "existencia de discrepancias" no seo do consello de administración sobre unha decisión de "tal transcendencia" como a solicitude dun concurso de acredores.
Do mesmo xeito, o xulgado confirma que a administración concursal estará integrada por un membro do persoal técnico da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), ou unha persoa nomeada por esta. Este administrador deberá comparecer ante o tribunal no prazo de 5 días para confirmar se acepta ou non ese labor.