Máis persoal para controlar os parados e menos para vixiar a fraude nas empresas

Beatriz Mato, conselleira de Traballo, nunha visita a Lalín © Xunta

Contratación de persoal para controlar a presunta fraude nas prestacións por parte dos parados, ao tempo que se continúan destruíndo postos de traballo nas oficinas de emprego, onde se acumulan máis de 220 despidos, e se laminan as políticas de orientación laboral. Esta é a aposta que está a levar a cabo a Consellería de Traballo, segundo vén de denunciar a CIG.

"É man dura cos desempregados e flexibilidade e facilidades para os empresarios", asegura Fernando García, secretario nacional da CIG-Autonómica, que destaca "o cinismo" amosado pola Consellería de Traballo ao anunciar a contratación de vinte persoas para o control da fraude nas prestacións do Plan Prepara mentres continúa a prescindir de orientadores laborais "que son fundamentais para as políticas de emprego".

A CIG denuncia o "cinismo" da Consellería de Traballo por "ir á caza do parado" mentres "relaxa o control ás empresas"

"Esta é a súa perspectiva e a súa política: ir á caza do parado mentres se relaxa o control ás empresas", denuncia o sindicato, que advirte de que entre os vindeiros despidos están previstos os de seis postos de persoal laboral indefinido, cuxo traballo consiste en facer o seguimento e controlar as posibles fraudes nas subvencións ás compañías.

A Xunta elimina postos de traballo en orientación laboral e control ás subvencións das empresas

"Isto demostra o que é realmente importante para a Xunta en materias relativas a traballo", insiste Fernando García, que insiste en que os 20 postos que vai crear Traballo están dirixidos a controlar a fraude nas prestacións do Plan Prepara que reciben os desempregados que xa esgotaron tanto as prestacións como o subsidio e que percibirán 400 euros ao longo de seis meses. Pola contra, a consellería decide eliminar os postos de traballo encargados das tarefas de orientación laboral ou os encargados da supervisión e control das subvencións que reciben as empresas procedentes dos fondos europeos. "E faise ata tal punto de que a día de hoxe non sabemos quen se vai encargar destas funcións", denuncia.

Pero hai máis. Segundo denuncia a CIG, os últimos traballadores encargados da supervisión e control das subvencións recibiron instrucións no pasado mes de xaneiro do subdirector xeral de Apoio á Contratación nas que "prioriza localizar os cumpridores antes que destapar os incumpridores para así evitar perder parte dos fondos comunitarios". Todo, despois de advertir da importancia de xustificar as subvencións ante Europa.

A consellería "prioriza localizar os cumpridores" para pedir subvencións "antes que destapar os incumpridores"

"Por último hai que ter en conta que o feito de que se leve a cabo esta revisión dos expedientes é independente de que, no caso de que o destinatario da axuda non cumpra cos requisitos esixidos en cada convocatoria, se lle inicie ou non o correspondente procedemento de reintegro da axuda percibida. É dicir, neste momento realízase o seguimento co fin de seleccionar todos aqueles expedientes que cumpren as obrigas e imputalos ao Programa Operativo Integrado de Galizia 2007-2013 como gasto elixible", destaca o texto.

Para a CIG, a política da Xunta é clara: "Tratan de criminalizar os parados por recibir axudas mentres lles retiran os servizos de orientación e fixan barra libre ás empresas para que fagan o uso que consideren dos fondos que reciben para o fomento do emprego".

A conselleira de Traballo, Beatriz Mato, con Feijóo ao fondo © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.