8 de cada 10 empregos perdidos no último ano corresponden a menores de 35 anos

Traballador da construción nun tellado en Vigo CC-BY-NC-SA CIG

"Hai uns datos de paro que non son reais. Están maquillados por un proceso de redución da poboación activa: Diminúe o número de persoas que buscan traballo", destaca o economista Manuel Lago, un dos responsables do informe O emprego en caída libre, o desemprego nun nivel insoportable, realizado por CC.OO., que analiza os datos da EPA en Galicia correspondentes ao primeiro trimestre do ano. A enquisa amosaba un incremento de dez mil persoas na cifra total de desempregados, até acadar 287.400. Porén, ese mal dato é moito peor se temos en conta que no primeiro trimestre hai 27.500 empregos menos que hai tres meses e que no último ano se perderon en Galicia máis de 52.000 postos de traballo. A cifra eleva até 216.000 os empregos perdidos dende o terceiro trimestre de 2008.

A secretaria de Emprego de CCOO, Maica Bouza, lembra que a Xunta conta con competencias abondas para actuar en moitos dos impostos e incrementar os ingresos da Administración. Na súa opinión, o contexto actual precisa unha aposta nos servizos públicos e na protección social, así como investimentos en sectores básicos do noso tecido produtivo que se atopan en crise.

No último ano perdéronse en Galicia máis de 52.000 postos de traballo. A cifra eleva até 216.000 os empregos perdidos dende o terceiro trimestre de 2008

"O primeiro trimestre é o peor dende o ano 2010. Daquela, non é certo que se estea freando a destrución do emprego: é exactamente o contrario", destaca o informe de CC.OO., que incide en que son os menores de 35 anos os que máis están sufrindo a crise: "marchan a Londres e outros lugares, volven estudar ou volven para a casa dos pais, e outro grupo sinxelamente deixa de buscar emprego porque non ten esperanza de atopalo", salienta Lago. Dos 52.100 empregos perdidos no último ano 39.400 corresponden aos menores de 35 anos.

"O primeiro trimestre é o peor dende o ano 2010. Daquela, non é certo que se estea freando a destrución do emprego: é exactamente o contrario", destaca o informe

A taxa de paro das persoas que teñen entre 16 e 19 anos alcanza no primeiro trimestre de 2013 "un valor irracional": o 68%. Practicamente ningún mozo ou moza menor de 19 anos que queira traballar en Galicia pode facelo e todos os colectivos de menos de 34 anos están por riba da taxa media de paro. Os que teñen ata 24 anos, o 48%; os de 25 a 29, o 32,5% e os de ata 34 anos, o 25%. O informe destaca que a crise do emprego "é especialmente dura coa xente nova, o que a desanima a buscar emprego, a estudar ou mesmo a integrarse nunha sociedade que non lles dá case a oportunidade de traballar nin de ter unha vida independente".

Dos 52.100 empregos perdidos no último ano 39.400 corresponden aos menores de 35 anos

Tamén destaca que agora, ademais da mocidade, "os ocupados de máis idade empezan a pagar os axustes". No último ano reduciuse en case 13.000 o número de persoas maiores de 45 anos ocupadas. E conclúe que "a crise expulsa a xuventude do emprego, o que está detrás das insoportables taxas de paro que sofre e da emigración forzada a outros países. Doutra banda, bota fóra do mercado de traballo os maiores de 45 anos, creando un colectivo de parados de longa duración e idade avanzada que vai ter enormes dificultades para volver traballar mesmo cando remate a recesión".

 

Os efectos da reforma laboral

No ano 2012, o axuste do emprego concéntrase fundamentalmente no colectivo asalariado, que perde 49.500 empregos dos 52.100 perdidos en total. Por un lado, as dificultades de atopar emprego están levando, cada vez máis, a que as persoas se autoempreguen, aínda que o seu proxecto só sexa de supervivencia persoal. Para CC.OO. a outra razón "e sen dúbida a máis relevante" é que a reforma laboral de Rajoy de febreiro de 2012 "está a causar estragos entre o colectivo asalariado. Os datos reais demostran que o que dicía o Goberno para xustificar a súa reforma imposta era falso: a reforma non está servindo para atenuar os efectos da crise, senón todo o contrario. Ao facilitar e abaratar o despedimento, as empresas úsano máis ca nunca". 

A reforma está provocando que os problema da recesión se concentren nas persoas asalariadas ao facilitar a abaratar o despido", conclúe Manuel Lago

Na fase inicial da crise, as empresas reduciron os seus cadros de persoal non renovando os contratos temporais. Pero a partir da reforma de 2010 e, sobre todo, a de 2012 despídese tanto fixos coma temporais. E os últimos doce meses destruíuse sobre todo emprego indefinido, isto é, postos de traballo ocupados por persoas asalariadas con contrato fixo. "A reforma, xa que logo, non serviu para dar máis estabilidade aos traballadores e traballadoras eventuais, senón que volveu máis precarios os fixos. Esta EPA é a primeira que amosa datos do ano completo dende a posta en marcha da reforma laboral. A reforma está provocando que os problema da recesión se concentren nas persoas asalariadas ao facilitar a abaratar o despido", conclúe Manuel Lago.

 

Destrución de emprego público

O axuste afecta a todas as administracións, entes e empresas que configuran o sector público, aínda que é especialmente grave na Xunta de Galicia con 19.300 dos 27.500 empregos perdidos

Na fase inicial da crise, o emprego público mantívose estable; compensaba parcialmente a destrución de emprego privado, contribuíndo así ao mantemento da demanda interna. Porén, a partir da chegada do PP ao Goberno central a estratexia da austeridade extrema, os recortes e a deterioración dos servizos públicos tiveron como resultado unha intensa destrución de emprego público. Nun ano destruíronse 27.500 empregos públicos en Galicia, isto é, o 14 % dos que había. "Un axuste brutal, dunha dimensión descoñecida na nosa historia democrática, ata o punto que no último ano o sector público destruíu máis emprego que o privado, o 14 % fronte ao 3 %", destaca CC.OO. O axuste afecta a todas as administracións, entes e empresas que configuran o sector público, aínda que é especialmente grave na Xunta de Galicia con 19.300 dos 27.500 empregos perdidos

 

As mulleres comezan a perder máis emprego

En 2013, as mulleres ocupadas a tempo parcial xa son o 23,1 % do emprego total, mentres que en 2007, antes da crise, estaba no 17 %. Trátase, pois, dun proceso de deterioración das condicións laborais, en especial das mulleres

Na fase inicial, a crise destruíu sobre todo emprego masculino, porque golpeaba fundamentalmente a construción e sectores da industria moi masculinizados. Porén, a propagación da crise ao sector dos servizos, e especialmente aos servizos públicos neste último ano, despraza o peso do axuste cara ás mulleres. Un dos indicadores máis evidentes da deterioración do mercado laboral en Galicia é o aumento do emprego a tempo parcial, especialmente entre as mulleres. Como reflicten todos os estudos dispoñibles, o traballo a tempo parcial non é unha opción voluntaria ou desexada na inmensa maioría dos casos, senón algo imposto polo empregador e aceptado polo empregado ante a falta doutras opcións.

En 2013, as mulleres ocupadas a tempo parcial xa son o 23,1 % do emprego total, mentres que en 2007, antes da crise, estaba no 17 %. Trátase, pois, dun proceso de deterioración das condicións laborais, en especial das mulleres, que teñen que aceptar traballo con xornada e salario parcial ante a imposibilidade de atopalo a tempo e salario completo. Só o 6 % dos homes están ocupados en xornada reducida.

 

Paro de longa duración

No primeiro trimestre de 2013 hai 160.000 persoas que levan en paro máis dun ano e 92.700 persoas que levan en paro máis de dous anos

No primeiro trimestre de 2013 hai 160.000 persoas que levan en paro máis dun ano e 92.700 persoas que levan en paro máis de dous anos, "unha situación moi angustiosa para quen a sofre, porque a partir dese tempo esgótanse as prestacións por desemprego, deixando sen protección as persoas. Pero, ademais, o paro de moi longa duración multiplica as dificultades de volver a incorporarse ao mercado laboral activo", destácase dende CC.OO. No primeiro trimestre do ano 2012, os fogares en que todos os seus membros están en paro son 93.000, "unha cifra moi preocupante e que, ademais, non deixa de medrar. Hai un ano estaban nesta situación 82.800 fogares, polo que nestes doce meses creceron un 12 %".

 

Primeiro a industria, agora os servizos

O que comezou como unha crise na construción, continuou como unha crise industrial e xa é unha crise xeneralizada porque os servizos, públicos e privados, están perdendo emprego

Na crise destruíuse todo o emprego que se creara na máis intensa e longa fase expansiva da economía galega, iniciada en 1994 e que se estendeu durante catorce anos. O número de ocupados queda, outra vez, por debaixo do millón de persoas. Isto non sucedía dende o ano 2000. A destrución de emprego esténdese ao conxunto de sectores económicos. O que comezou como unha crise na construción, continuou como unha crise industrial e xa é unha crise xeneralizada porque os servizos, públicos e privados, están perdendo emprego.

É preocupante a perda de postos de traballo nos servizos: 14.200 no trimestre e un total de 18.300 no último ano. Pero o máis preocupante é a perda de ocupación na industria. Nos últimos tres meses perdéronse outros 4.600 postos de traballo industriais. No último ano desapareceron 15.800 empregos, un 9% dos que había e que, sumados aos dos anos anteriores, disparan ata os 67.000 os postos de traballo destruídos na industria dende que no ano 2008 a crise comezara a golpear o emprego en Galicia.

 

Traballadores, nunha manifestación en Ferrol CC-BY-NC-ND Xoán Porto
Manifestación de traballadores públicos, ás portas do Parlamento CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.