O pasado luns constituiuse en Compostela o Comité de Coordinación Aeroportuaria, un organismo auspiciado polo Ministerio de Fomento encamiñado a "establecer as liñas de traballo para unha correcta promoción" dos aeroportos de Lavacolla, Alvedro e Peinador. Tras esa xuntanza, na que participaron representantes das administracións estatal, autonómica e local, o conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, valorou "de xeito moi positivo" a xuntanza e asegurou que a Xunta, "no ámbito das súas competencias", tomará "decisións" ao respecto cando Aena culmine "a realización dun plan estratéxico para os tres aeroportos", acordada tamén no propio encontro. Esa mesma mañá o Goberno galego iniciara os trámites para contratar a elaboración de, precisamente, un "plan estratéxico do sistema aeroportuario de Galicia".
Quen se dispón a encargar ese estudo non é a consellería de Hernández, senón a Axencia Turismo de Galicia, o organismo que, dirixido por Nava Castro, ten dependencia orgánica directa do presidente da Xunta. O ente, de recente creación, reserva 30.000 euros para, por un procedemento negociado sen publicidade -non se publica nos boletíns oficiais e as empresas "só poderán presentarse con invitación previa"-pedir a redacción dun documento que dea sustento á afirmación presidencial "un único aeroporto con tres terminais", segundo figura na "xustificación" incluída no prego de condicións. Trátase, abonda, de pasar "do actual modelo de competencia entre as tres terminais a outro de colaboración, no que se aproveiten" as súas "especificidades" e as "sinerxias existentes".
O contrato será adxudicado por un procedemento negociado sen publicidade mentres o Estado elabora tamén un plan estratéxico
Con esta filosofía de fondo, as empresas convidadas teñen ata este venres para presentar ofertas nas que debullen como realizarían unha "análise da situación do transporte aéreo en Galicia e na rexión norte de Portugal" previa a propoñer "as accións que é preciso desenvolver para conseguir un sistema aeroportuario de Galicia máis eficiente e competitivo", un plan que "garanta a viabilidade" dun sistema baseado "nunha operación coordinada dos aeroportos de Alvedro, Lavacolla e Peinador".
As peticións da Xunta á empresa
Para todo isto, Turismo reclama unhas "prestacións" que teñen moito de descritivo. A empresa adxudicataria terá que "describir brevemente o modelo de xestión que leva a cabo Aena nos tres aeroportos", identificando "todos os custos que asume unha compañía aérea ao operar en cada un", así como dende a terminal do Porto. Tamén terá que "detallar a oferta actual de voos dende as tres terminais de Galicia, analizando a viabilidade de cada un (...) dende o punto de vista da demanda real". "Tamén -continúa- se detallará a oferta que actualmente se realiza dende o aeroporto Sá Carneiro". "Na análise determinaranse as áreas de influencai dos aeroportos e os seus solapamentos", sinala.
Turismo pídelle ao contratista que lle realice unha "descrición" da xestión de AENA nos tres aeroportos e "detalle a oferta actual de voos"
No mesmo prego de condicións a Xunta reclama que a compañía contratista lle realice "unha análise dos acordos establecidos" polas diferentes administracións coas compañías aéreas, "especialmente" as de baixo custe, e que faga o propio "coa conexión actual dos tres aeroportos de Galicia" e do aeródromo portuense "a nivel de infraestruturas terrestres" e "a nivel de servizos de transporte público", estes últimos "contemplando o custo que supón o seu uso para os usuarios do aeroporto".
O "marco normativo e a súa previsible evolución", "exemplos de boas prácticas noutros países sobre situacións simlares ás que se producen co sistema aeroportuario de Galicia", a "demanta potencial de voos que debería conseguirse para Galicia" e, por último, a "definición dos elementos da estratexia aeroportuaria de Galicia" son outros dos aspectos que a Xunta pide incluír nun estudo co que pretende poder "explicar a situación actual dos aeroportos de Galicia" e "definir as liñas mestras que definan a xestión que debe realizarse sobre estes aeroportos a curto e medio prazo", aspectos que, non obstante, non son competencia do Goberno galego e que, previsiblemente, tamén estarán incluídos no plan estratéxico que vai elaborar AENA.