Alcoa recibirá 850.000 euros da Xunta en pleno ERE

Traballadores de Alcoa explicando a súa protesta © Juan Luis Rúa

Un total de 847.000 euros. Serán os fondos públicos que a multinacional metalúrxica Alcoa recibirá para financiar o 55% da gasificación da súa planta da Coruña en virtude do acordo adoptado polo Consello da Xunta deste xoves. Esta achega concretarase na sinatura dun convenio entre a Consellería de Economía e Industria e a empresa e estará cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional por ter como obxectivo a "mellora ambiental e de eficiencia enerxética da factoría". Non é este o primeiro investimento que a Xunta realiza para facilitar o labor en Galicia dunha empresa cun valor de 10.820,99 millóns de euros, pero desta volta prodúcese nunha conxuntura que non é menor: a axuda pública chegará en pleno Expediente de Regulación de Emprego (ERE) para 157 traballadores, que se verán afectados pola medida en diferentes momentos do período comprendido entre abril e xullo.

A aprobación deste convenio, anunciada polo propio presidente da Xunta ao remate da reunión semanal do Goberno, chega na mesma semana en que os traballadores galegos de Alcoa reanudaban as súas protestas pola situación "crítica" da factoría coruñesa que os fai temer seriamente polo futuro dos seus postos de traballo. A causa, explican, é a falta dun contrato de enerxía "competitivo" e este problema semella que non se paliará en absoluto con esta operación da Xunta. Non en van, mentres que as causas aludidas pola empresa para presentar o ERE pasan polos prezos "pouco competitivos" da enerxía eléctrica, o convenio con Industria virá substituír o consumo de fueloil polo de gas natural, con incuestionables beneficios ecolóxicos -deixaranse de emitir 3.100 toneladas de dióxido de carbono á atmosfera cada ano- pero sen repercusión ningunha nas causas que poñen en risco os postos de traballo.

Mentres que o presidente do comité de empresa, Nazario Arias, ve o persoal da factoría coruñesa nunha "loita" que "só acaba de comezar" e que só rematará "cando o contrato de enerxía sexa unha realidade", Alberto Núñez Feijóo obviaba o conflito laboral ante os medios para centrarse unicamente na "aposta" da Xunta "polo incremento da competitividade" de Alcoa. "Seguiremos apoiando unha empresa que é importante en Galicia" e que agora, afirma, terá "unha mellora importante" nos seus procesos produtivos". Será neste escenario no que continúen unhas protestas que non se producen só en Galicia, senón tamén na factoría de Alcoa en Aviles así como na de Sardeña, onde un traballador vén de iniciar unha folga de fame.

Feijóo, con material impreso dun Consello © Ana Varela
Traballadores de Alcoa explicando a súa protesta © Juan Luis Rúa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.