O PP veta un imposto para os centros comerciais porque "non é o momento"

Interior dun centro comercial compostelán © As Cancelas

"Non quere dicir que esteamos en contra", pero "non é o momento de implantar este imposto autonómico". Menos de catro meses despois de tombar a iniciativa coa que AGE pretendía instaurar en Galicia un tributo sobre as grandes superficies comerciais e empregar os cartos recadados á promoción do pequeno comercio, o PP volveu ter este martes a oportunidade de incorporar ao ordenamento xurídico galego un imposto destas características. Foi a instancias do BNG, que a través dunha proposición de lei apostaba por gravar os establecementos cunha superficie de compra superior a 2.500 metros cadrados. Novamente, a maioría absoluta conservadora fixo descarrilar a iniciativa.

A voceira do Bloque, Montse Prado, argumentou a súa iniciativa coa necesidade de poñerlle couto a un sistema comercial que, di, "supuxo cambios estruturais profundos" no país "en detrimento do pequeno comercio", con "importantes cambios na ordenación urbana" e tamén "nas relacións humanas, que non é cuestión menor". As grandes áreas trouxeron consigo "desprazamento masivo de vehículos", máis desprazamentos para o abastecemento da poboación, "importantes impactos" e máis necesidade de infraestruturas. Ademais, censura, cambios lexislativos como "a liberalización de horarios" ou a suba do IVE "favorecen descaradamente" estes centros. Do mesmo xeito, abonda, recentes decisións do Tribunal Constitucional a respecto destes tributos noutras autonomías deixan o PP "sen escusas".

O Bloque propoñía cobrarlles 30 euros por metro cadrado aos centros de máis de 2.500 metros de espazo de venda

Despois de que o PSdeG e AGE manifestasen o seu apoio á iniciativa accedeu á tribuna a popular Cristina Romero que, tras unha das recorrentes mencións ao goberno de Zapatero, pasou a expoñer os porqués do seu rexeitamento a un tributo que o BNG propuña que fose de 30 euros por metro cadrado ao, o que suporía máis de 29 millóns de euros anuais para as arcas públicas galegas -Galicia ten, segundo os últimos datos dispoñibles, 997.538 metros cadrados de grandes superficies, os que suman corenta e tres centros comerciais-. Para a representante do partido da dereita na actual conxuntura económica "son máis beneficiosas ferramentas que inciten a consumir" e non "este tipo de medidas" que "disuaden o consumo".

"Non podemos encher Galicia de grandes superficies e despois pretender que pechen e teñan horario", argumentou o PP"

Como fixera no debate de febreiro Romero atribúe o crecemento exponencial das grandes superficies en Galicia aos "anos do BNG" na Consellería de Industria (2005-2009). Naquel tempo "proliferaron as grandes superficies" e "agora escandalízanse de que adaptemos a lei de horarios comerciais". "Non podemos encher Galicia de grandes superficies e despois pretender que pechen e teñan un horario", sentenza a parlamentaria, para quen cómpre ter en conta que "o remedio" -o novo imposto- podería ser peor "cá enfermidade" -a crise do pequeno comercio-. O gravame proposto polo Bloque é "desproporcionado" para o PP, ata o punto de chegar a "comprometer a viabilidade" e mesmo poder provocar a "desaparición dalgún centro comercial".

Por estas e algunha outra razón os populares rexeitan aplicar este imposto malia, segundo as súas propias verbas, non estar "en contra". "Non lles parece casualidade que os seus argumentos sexan os mesmos que os da patronal das grandes superficies comerciais?", cuestionou a nacionalista Montse Prado. Na súa opinión, as "dúbidas" de legalidade expresadas polo PP "non teñen razón de ser". "Ás veces -conclúe- os que defenden os intereses dos amos fano mellor que os propios amos", lamenta.

Romero e Prado, durante o debate da iniciativa CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.