A Xunta merca por 28.000 euros un plan de aeroportos mentres Fomento elabora outro

Aeroporto de Lavacolla © Aena Aeropuertos

O pasado 21 de maio a Axencia Turismo de Galicia iniciaba os trámites para contratar, por un máximo de 30.000 euros, a elaboración dun "plan estratéxico do sistema aeroportuario de Galicia". Esta operación do organismo turístico do Goberno galego, con dependencia orgánica directa do presidente, producíase poucas horas antes de que se reunise en Compostela o Comité de Coordinación Aeroportuaria, un órgano auspiciado polo Ministerio de Fomento de cuxa primeira xuntanza saíu, preciscamente, o acordo de "realizar un plan estratéxico para os tres aeroportos" de Galicia. Mentres o Goberno de España traballa neste proxecto a Xunta vén de axudicar o seu, rebaixando en menos de 3.000 euros o importe de licitación, isto é, o prezo que estaba disposta a pagar como máximo.

A esta contratación, tramitada por procedemento negociado sen publicidade, foron convidadas cinco empresas. Finalmente, a "admitida" foi a única presentada. A súa autora é Airia Ingeniería y Servicios, unha empresa con sede en Madrid que asume o encargo por 22.900 euros máis IVE, isto é, 27.817,90 euros. O propio Goberno galego deu a noticia desta contratación mediante un comunicado dirixido á prensa, se ben nese texto o departamento que dirixe Nava Castro obviou os cartos públicos que irán destinados á sufragar o estudo.

Turismo pídelle á consultoría que lle "describa" a xestión de AENA nos aeroportos e lle dea "detalles" da oferta actual de voos

Así, Turismo explica a decisión que xa adiantara Praza Pública como un plan para "garantir a viabilidade do sistema aeroportuario de Galicia a base dunha operación coordinada dos aeroportos de Lavacolla, Alvedro e Peinador". "O traballo terá un enfoque global e considerará a todos os aeroportos que utilizan os cidadáns e as empresas de Galicia", explica, antes de engadir que o plan tamén "definirá as liñas da xestión aeroportuaria a curto e medio prazo" e "detallará novas rutas, xestión das mesmas, os aeroportos dende o que debe operar cada ruta e estratexias promocionais que busquen a eficiencia", así como "a conectividade actual dos tres aeropotos galegos no tocante ás infraestruturas e aos servizos de transporte público, valorando o custe dos mesmos".

Feijóo defendeu a contratación do plan porque a Xunta precisa "formarse" e "informarse"

Na súa comunicación o Executivo autonómico pasa tamén por alto que o Ministerio de Fomento está a elaborar o seu propio estudo, coa conseguinte achega de fondos públicos. Turismo incide así na liña iniciada por Alberto Núñez Feijóo, que o pasado maio xa defendía a contratación do plan argumentando que a Xunta precisa "formarse" e "informarse" sobre os aeroportos. "Parece razoble que se alguén forma parte dunha comisión leve formación especializada ao respecto", sinalaba.

Non obstante, naquela declaración ante a prensa Feijóo xa realizaba brevemente parte do diagnóstico polo que Turismo pagará case 30.000 euros. Mentres a axencia pública lle pide á consultora que lle "describa" a xestión de AENA nos aeroportos do país con "detalles" sobre a oferta actual de voos o titular da Xunta xa ten claro que a situación actual das terminais é "consecuencia de tres cuestións", a saber:  "a reestruturación profunda que está sufrindo Iberia despois da alianza con British [Airways], a creba de Spanair e o feito de que Ryanair sexa a compañía que máis viaxeiros move en tráfico doméstico". "Esas tres circunstancias están producindo unha diminución da competitividade", conclúe.

Aeroporto de Lavacolla © Aena Aeropuertos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.