Dous meses de peche en T-Solar: a empresa non dialoga, a Xunta non se move

O persoal de T-Solar, promovida por Isolux Corsán, nunha manifestación contra o seu peche Dominio Público Praza Pública

O pasado 2 de xullo os traballadores e traballadoras da fábrica de paneis fotovoltaicos T-Solar iniciaron un peche na empresa ourensá, que emprega 170 persoas, para evitar o seu desmantelamento despois da entrada da empresa en concurso de acredores. Dous meses de peche e, de momento, sen solución á vista, ante a falta de diálogo por parte da empresa e a negativa da Xunta a mediar no conflito, a pesar de que o Goberno galego investiu dende 2007 65 millóns de euros en T-Solar, uns cartos que non evitan os plans de peche da empresa. T-Solar, actualmente en procedemento concursal, presentou o pasado mes de abril un expediente de regulación de emprego. 

Os traballadores buscan evitar, sobre todo, o desmantelamento da planta de gases que é o núcleo da fábrica, xa que no caso de pechar sería moi difícil que aparecese un comprador que garantise os postos de traballo, segundo denuncia a CUT: "tardaríanse meses en volver poñer en funcionamento a planta e ese gasto non están dispostos a asumilo os compradores". As instalacións da planta de gases son propiedade da empresa alemá Linde, que as arrenda por unha contía mensual a T-Solar. O persoal denuncia que "T-Solar deixou de abonar as cantidades do arrendo e mantivo unha pasividade absoluta mentres comezaron as obras do seu desmantelamento por parte da propietaria". 

Non parece ser un problema de falta de cartos. Os traballadores denuncian, por exemplo, que a empresa matriz, Isolux Corsán, aumentou recentemente a súa participación en T-Solar dun 60% a un 88%, mercándolle 4 millones de euros a Novagalicia Banco. Ou que poucas semanas antes de anunciar o ERE a empresa investiu uns 500.000 euros en automatizar unha liña de traballo. O persoal advirte de que "a empresa quere quedar coas subvecións" e alerta dos plans de deslocalización a outros países, como Sudáfrica.

Os traballadores critican a Luís Pérez Gil, administrador concursal, a quen acusan de "sacar a maior tallada deste negocio, vendendo peza a peza a factoría"

O comité de empresa denuncia que "a idea do Administrador Concursal e do Administrador Isolux (propietaria da factoría) é clara, teñen uns obxectivos moi ben definidos: sen planta de gases, T-Solar nunca volverá producir. Sen planta de gases non haberá ofertas de compra a medio prazo, e o festín da venda da fábrica peza a peza será unha realidade para eles". E sinala sobre todo a Luís Pérez Gil, administrador concursal, a quen acusan de "sacar a maior tallada deste negocio, vendendo peza a peza a factoría". Os traballadores denuncian a este respecto que o administrador concursal fora empregado de Isolux (máxima accionista da fábrica), e sinalan a súa parcialidade, asumindo que defenderá os intereses da matriz. Tamén criticaron o feito de que a súa empresa, Génova 3 Concursalistas, se crease apenas dous meses antes de que estoupase a crisr de T-Solar.

Os traballadores salientan que hai "unha oferta firme de compra que permitiría soster a fábrica a producir, por parte de Sunfilm, co mantemento dos postos de emprego, e outras dúas potenciais na mesma dirección, unha delas a piques de formalizarse"

Os traballadores salientan que hai "unha oferta firme de compra que permitiría soster a fábrica a producir, por parte de Sunfilm, co mantemento dos postos de emprego, e outras dúas potenciais na mesma dirección, unha delas a piques de formalizarse". E sinalan que "é o cadro de persoal quen está a buscar activamente alternativas de viabilidade". 

 

Dous meses de apoios e protestas

Polo camiño, o persoal de T-Solar buscou dar a coñecer as orixes e a importancia social desta situación, e recolleu o apoio das principais forzas da oposición, PSdeG, AGE e BNG e de boa parte da sociedade ourensá. Mesmo se celebraron dous partidos, un de fútbol e outro de balonmán, en beneficio dos traballadores. A pesar de que o peche contaba, nun principio, coa aprobación dos responsables da empresa, unha vintena de traballadores e mesmo a deputada do BNG Tereixa Paz foron citadas polo xuíz en relación con este encerro e terán que declarar nos xulgados es te 4 de setembro.

“A Xunta non pode mirar cara outro lado, senón que ten que involucrarse no futuro desta empresa, que é punteira e competitiva. Non pode mirar cara outro lado diante da desaparición do tecido industrial”

Esta mesma semana Alternativa Galega de Esquerda reiterou o seu apoio ás reivindicacións dos traballadores de T-Solar e a súa demanda ao Goberno galego para que interveña no conflito, xusto cando se cumprían 60 días de encerro.

De igual xeito, Xavier Vence, Francisco Jorquera, e Tereixa Paz, fixéronlles este venres unha visita, denunciando que o administrador concursal “está absolutamente vendido aos intereses de Isolux”. Vence reclamou tamén o "compromiso" da Xunta: “A Xunta non pode mirar cara outro lado, senón que ten que involucrarse no futuro desta empresa, que é punteira e competitiva. Non pode mirar cara outro lado diante da desaparición do tecido industrial”. O BNG denunciou tamén que parte dos problemas das empresas que centran a súa produción nas enerxías renovables están nunha situación de desmantelamento debido ao “parón destas renovables imposto polo PP”.

Os traballadores e traballadoras de T-Solar levan pechados na empresa dende xullo Dominio Público Praza Pública
O persoal de T-Solar, promovida por Isolux Corsán, nunha manifestación contra o seu peche Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.