Son milleiros e teñen "atrapada" unha parte ou mesmo todos os seus aforros. En total, investiron uns 1.200 millóns de euros, segundo datos da Asociación de Usuarios de Bancos e Caixas, que agora non poden recuperar. Algúns sabían o que mercaban pero outros séntense simplemente "estafados". As persoas afectadas polas participacións preferentes das antigas caixas galegas levan meses esixindo a devolución dos seus cartos e este venres volvérono facer, primeiro cunha manifestación polas rúas de Santiago e despois con outra reivindicación imprevista: nos tres autobuses cos que chegaran á capital galega trasladáronse á parroquia compostelá de San Marcos e alí irromperon na sede central da Compañía de Radio Televisión de Galicia. A súa intención, facerlle chegar directamente á cidadanía a "estafa" da que, din, son vítimas, a través do Telexornal que se emitía neses intres.
O perfil do en torno a cento e medio de persoas que percorreron os corredores da sede da TVG non se corresponde coa do vandalismo ou a tan manida fórmula dos "antisistema". Había mozos, xubilados e persoas de mediana idade que, despois da manifestación que os levou ata a sede central da antiga Caixa Galicia en Santiago e ata as inmediacións do Parlamento, desexaban protestar directamente pola cobertura que o seu conflito recibe dos medios públicos. "Roubáronnos os aforros", resumen.
O tumulto no interior do edificio, a intención de entrar no plató -perfectamente audible para os espectadores que seguían o informativo- e o, en verbas de fontes presenciais, "lanzamento de fariña" deu lugar a momentos de tensión que se agudizaron coa chegada de ata cinco vehículos da Policía Nacional a San Marcos. Os afectados polas preferentes non chegaron ao plató pero si ata as entrañas da Galega, ata a propia redacción. Con todo, semella que non lograron o seu obxectivo: chegar tamén con amplitude á pantalla da televisión pública.
"Comprensión" dos persoal da CRTVG e apoio do BNG
A ocupación das instalacións de San Marcos deu lugar reacción ás poucas horas por parte do persoal dos medios públicos galegos, e non precisamente negativa. Ben ao contrario, o Comité Interempresas da CRTVG "comprende as motivacións dos manifestantes" e a súa "indignación pola liña informativa da TVG neste conflito". A protesta, explican, non é máis ca unha consecuencia da "manipulación informativa" dunha dirección "máis empeñada en ocultar todo o que a actualidade ten de conflitivo que en darlle á cidadanía galega a información veraz e plural á que ten dereito".
Neste sentido, os traballadores ven no acontecido este venres "o último" episodio "dunha longa serie de manipulacións realizadas pola dirección dos servizos informativos da TVG", a "penúltima das cales puideron ver todos os galegos e galegas nos telexornais que este xoves informaron da xornada de folga xeral". "Todo parecido entre a realidade (milleiros de persoas nas rúas manifestándose de xeito pacífico) e o que emitiron a TVG e a RG é pura coincidencia; xa que só se exaltaron os escasos incidentes que se produciron mentres se minimizou a participación nas manifestacións coa ocultación das imaxes das mesmas", censuran. Por este motivo, o Comité esixe que a liña dos informativos mude cara aos "criterios profesionais" e reclaman a dimisión da directora dos mesmos, Pilar Bermúdez, "que ademais de ser unha das responsables directas da manipulación, chegou a ameazar a algúns redactores, aos que acusou no medio da redacción de 'redirixir aos manifestantes ata o seu despacho", subliñan.
Nunha liña semellante, o BNG explicaba, a través dun comunicado, que "comparte a crecente indignación que senten amplos sectores da sociedade galega ante a manipulación informativa da TVG por parte do Goberno do PP". Os nacionalistas ven "evidente" que os medios públicos tentan "minimizar" a "estafa" das preferentes "e as súas consecuencias", nunha liña semellante á información "verdadeiramente escandalosa sobre a folga xeral", "todo isto ao servizo da estratexia política dun PP que comeza perder os nervios ante a crecente contestación social fronte ás súas políticas.