Interésalle a Industria salvar T-Solar?

Traballadores de T-Solar, ante a fábrica Dominio Público Praza Pública

Tal e como anunciaran a pasada semana, os e as traballadoras de T-Solar están centrando no Goberno galego a súa presión para buscar unha solución para a empresa de paneis fotovoltaicos. Este xoves presentaron no rexistro da Xunta un escrito no que demandan unha reunión "urxente" co conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde. Consideran que a Xunta é o máximo responsable, entre outras cousas por ser o principal acreedor da empresa, pois o Goberno galego investiu nela 65 millóns de euros dende 2007. "A Xunta, como principal acreedora, é a máxima responsable do futuro de T-Solar", sinalan os traballadores.

"A Xunta, como principal acreedora, é a máxima responsable do futuro de T-Solar", sinalan os traballadores

Porén, polo de agora, non se coñecen apenas movementos e accións destinadas a tentar manter a fábrica operativa e a salvar os seus 170 postos de traballo. O cadro de persoal denuncia esta "inacción" e demándanlle a Industria que medie coa propietaria, Isolux, e con Sunfilm, que presentou unha oferta "seria" de compra da factoría. Porén, pouco se sabe desta oferta, e por ese motivo, outra das accións dos traballadores nos últimos días dirixiuse a obter datos detallados sobre ela no Xulgado Mercantil número 3 de Pontevedra.

O tempo avanza na contra de T-Solar e os seus traballadores. O vindeiro 18 de decembro celebrarase en Vigo a asemblea de acreedores, na que se tomarán decisión fundamentais para o futuro do concurso e dos postos de traballo en perigo. 

O pasado venres os catro grupos parlamentarios aprobaron por unanimidade unha proposta conxunta para instar a Xunta a traballar para "velar" porque a prioridade na resolución do concurso de acreedores "sexa o mantemento da actividade da fábrica e dos postos de traballo", e para que o Goberno galego procure "o coñecemento directo" das ofertas de compra para a súa análise. Nesa resolución, tamén se lle esixe ao Goberno que "realice as xestións que estean nas súas mans", apoiando "un proceso empresarial solvente e viable que garanta o futuro da planta".

Os traballadores denuncian que a Xunta non se está reunindo co posible comprador, SunFields, e mesmo afirman que representantes desta empresa tentaron reunirse con representantes de Industria, e non foron recibidos

Porén, os traballadores denuncian que a Xunta non se está reunindo co posible comprador, Sunfilm, e mesmo afirman que representantes desta empresa tentaron reunirse con representantes de Industria, e non foron recibidos. 

Na sesión parlamentaria na que se aprobou por unanimidade esa resolución, os grupos da oposición criticaron con dureza a actitude do Goberno galego. O PSdeG-PSOE pediu que a Xunta leve a cabo unha investigación e accións xudiciais polo "uso fraudulento de fondos públicos" realizado por Isolux en T-Solar. Pola súa banda, AGE denunciou que o ERE so persegue "abaratar o prezo da empresa e vendela en anacos". Finalmente, o BNG afirmou que a Xunta segue unha "estratexia premeditada" para levar a empresa ao peche, a través dun "ERE fraudulento". 

Traballadores de T-Solar, ante a fábrica Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.