Mentres a folga da recollida de lixo en Madrid enchía os titulares outro conflito laboral no mesmo sector, pero moito máis próximo a Galicia, chegaba á súa fin despois dunha mobilización moito máis prolongada no tempo. O persoal de Albada, a planta de tratamento de residuos da Coruña, deu por rematada a súa mobilización hai apenas dous días despois de 108 xornadas en folga. E non o fan por esgotamento, senón por lograr parte dos seus obxectivos: un novo convenio e a readmisión do persoal que fora despedido.
Os operarios e operarios e Albada víronse "utilizados nun conflito entre a empresa, o Consorcio das Mariñas e o Concello da Coruña" vinculado ao "desequilibrio económico da compañía". Aínda así, amosáronse dispostos a integrárense nun plan de viabilidade, sempre e cando este garantise o emprego. Tras unha dura negociación, o comité de empresa chegaba a un preacordo que foi ratificado en asemblea sen votos en contra.
O persoal conseguiu paliar o recorte previsto e a readmisión das persoas despedidas
O convenio, explican dende a CIG -sindicato maioritario do comité-, "non recolle todas as demandas do persoal" pero é "positivo", porque supón "un grandísimo avance nas agresivas posturas e nos recortes laborais e salariais pretendidos pola dirección dende o inicio do conflito" e, ademais, "garante" a readmisión das oito persoas que foran despedidas no inicio das negociacións, "que a empresa estaba a utilizar como reféns". Agora manterase todo o emprego, cando menos, até o remate do novo convenio, a finais de 2014, esxplica Xosé Manuel Vilariño, presidente do comité de empresa."
"Queda demostrado que, se hai unión e forza, as cousas conséguense"
A vía aprobada para poñerlle fin ao conflito contemplou algúns recortes, como a "caída realtivo dos salarios" pola vía da baixada dalgúns pluses e o incremento da xornada semanal de 38 horas e media a 40. Non obstante, estas cifras están "moi lonxe" do pretendido pola empresa. "Non cómpre esquecer que este achegamento se consegue" tras "unha folga indefinida na planta" e "dúas xornadas de folga no sector da limpeza da Coruña", salientan. Para os representantes do persoal "a principal lección que se tira do enorme esforzo realizado polo conxunto dos traballadores e traballadores resúmese" en que "queda demostrado que, se hai unión e forza, as cousas conséguense".