A un día de que o FROB abra o proceso de ofertas vinculantes para a poxa de Novagalicia Banco (NCG), as opinións sobre as mellores opcións para a entidade galega son tan diferentes como encontradas. Hai, segundo apuntan todas as fontes, catro bancos interesados (BBVA, CaixaBank, Santander e o venezolano Banesco), así como varios fondos de investimento, entre os que se inclúen Anchorage, WL Ross, JC Flowers e Guggenheim. Entre a oposición e a postura da Xunta ou a patronal hai cada vez máis distancia. Da "claudicación" que critican PSdeG e BNG á moderación do discurso por parte da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), quen xa non ve na "galeguidade" ou en manter os centros de decisión no país unha condición "excluínte".
A patronal galega está disposta a que se venda Novagalicia a un gran banco aínda que iso implique que o centro de decisión marche do país
Será agora cando o FROB convidará os interesados a que realicen ofertas vinculantes para logo definir as condicións da poxa. Entre a oposición política, a Xunta e os axentes económicos as diferenzas sobre o que mellor convén o esvaecido sistema financeiro galego son evidentes. Tanto como que a patronal galega xa non pon como condición esencial manter a "galeguidade" da entidade, senón que a oferta elixida sexa "a mellor" aínda que isto implique que os centros de decisión marchen máis aló do Padornelo. "Queremos o mellor proxecto investidor e punto", di o presidente, Fernández Alvariño, que aclara tamén agora que o importante é que o banco "estea implantado en Galicia".
Pola contra, o BNG insiste en buscar unha "solución galega" e a "apertura dun proceso de diálogo" entre a Xunta e o Estado no que participen todas as forzas políticas, así como NCG. O obxectivo da fronte nacionalista é "paralizar" a venda e agardar até 2017 para poder así garantir así o mantemento do emprego e a obra social en Galicia, así como a devolución íntegra dos aforros atrapados polas preferentes.
BNG e PSdeG insisten en "paralizar" a venda até 2017 para gañar tempo e o Bloque estuda impulsar "a retirada masiva de fondos" se non se detén o proceso
O Bloque incluso está disposto a deixar a un lado, polo momento, a súa aposta por unha banca pública se iso consegue "manter Novagalicia como independente". O BNG está disposto a todo para exercer a presión para a que pide a axuda da sociedade e, de non parar o proceso de venda, estudará a retirada de fondo masiva por parte de cidadáns e institucións para que Galicia mande unha mensaxe "aos navegantes piratas que se achegan a NCG". "Quen compre debe saber que os galegos non imos facilitar as cousas para entregar o 40% do aforro do país", dixo Xavier Vence, voceiro da formación, que insistiu en medidas de presión que "dificulten o negocio" dos interesados.
A idea é a "retirada masiva de fondos de particulares, depósitos das institucións, concellos" e incluso das universidades e da Xunta. "Non van ser recibidos cos brazos abertos; os galegos queremos unha entidade radicada en Galicia", engadiu. Por iso, o BNG optaría, chegado o caso, pola opción menos mala: a dun fondo de investimento para NCG que evite a absorción da entidade por parte dun banco. Esta posibilidade, segundo Vence, suporía "unha certa prórroga de inco anos" para poder preparar "unha solución mellor" e ter "marxe de manobra". O risco, tal e como recoñecen tamén, existe, xa que estes fondos son "especulativos" e só teñen a intención "dunha gran negocio e un pelotazo". Que se rebaixe a dimensión da entidade, se pechen oficinas e se reduzan actividades non tan rendibles son tres dos riscos.
Pola súa banda, o PSdeG tamén opta pola "paralización" do proceso de venda e pídelle a Feijóo que sexa quen logre esta suspensión, tras preguntarse "cal é a razón das présas" por vender a entidade sen esgotar o prazo dado por Bruxelas. Ademais, Méndez Romeu, voceiro do grupo socialista, acusou o presidente da Xunta de "claudicar" e de defender unha estratexia "non concordante cos intereses de Galicia".
O PPdeG cre que o momento actual é "bo" para vender Novagalicia Banco
No entanto, o PPdeG cre que o momento elixido para vender Novagalicia Banco "é bo". "A posibilidade de que manteña a súa personalidade xurídica e a capacidade de actuación desde Galicia como entidade independente está viva, cousa que non se pode dicir das outras", dixo o voceiro popular, Pedro Puy, ante as posibilidades de que a entidade sexa "pechada". "Polo tanto, se agora é posible vendela e hai opcións de que se manteña como entidade independente, cremos que é un bo momento", insistiu, tras rexeitar as propostas de PSdeG e BNG para que se paralice o proceso de venda.
A patronal, pola súa banda, matiza o seu discurso e pasa de exixir o mantemento do centro de decisión de NCG en Galicia a aclarar que iso xa non é "excluínte". "O que pretendemos é que o banco sexa mercado polo mellor dos proxectos", di. Aínda que iso implique que acabe en mans dun gran banco de fóra de Galicia, coas consecuencias que diso se derivarían.