A terceira emigración galega: marchan os máis novos e mellor formados

Aeroporto de Lavacolla © Aena Aeropuertos

Este martes coñecemos os datos de desemprego correspondentes ao mes de novembro. Relativamente bos no conxunto de España, non tanto en Galicia, onde volve subir. Porén, ao igual que noutras ocasións cómpre afondar un chisco nos números para ver que aínda que o total de galegos e galegas inscritos nas oficinas de emprego se mantén estable (en máximos, iso si) no último ano, non deixa de reducirse o número de afiliados e afiliadas á seguridade social, 18.500 persoas menos nos últimos doce meses. É dicir, o paro non sobe porque cada vez son máis os que deixan de buscar emprego, ben por desesperación, ben porque marchan a outros lugares do Estado ou fóra de España.

O mercado de traballo en Galicia non funciona como debería e expulsa fóra os traballadores. Dende 2008 perdéronse máis de 215 mil empregos en Galicia, 50 mil só no último ano e, destes, oito de cada dez correspondían a menores de 35 anos. Son estes datos os que explican que entre 2003 e 2010 máis de 315 mil galegos e galegas marchasen traballar a outras comunidades autónomas, e que a metade deles fosen menores de 30 anos, segundo pon de manifesto un estudo de Fernando González Laxe, Federico Martín Bermúdez e Federico Martín Palmero, profesores da UDC, publicado no último número da Revista Galega de Economía.

Dende 2008 perdéronse máis de 215 mil empregos en Galicia, 50 mil só no último ano e, destes, oito de cada dez correspondían a menores de 35 anos

En Deficiencias estruturais, emigración interrexional e fuga de cerebros, alertan desta realidade númerica, achan patróns e procuran as causas, nunha economía galega incapaz de reter no país os máis novos e mellor formados, no que denominan "a terceira emigración galega". O estudo destaca que "ese fluxo migratorio está formado en xeral por persoas particularmente novas, cada vez máis cualificadas, e que emigran non xa a Europa e América, senón na súa maioría ao resto de España", e subliña que "este fenómeno, aínda que percibido socialmente, está pouco estudado e cuantificado".

"Este fenómeno, coñecido como brain drain (fuga de cerebros), debilita o potencial produtivo da rexión de orixe dos emigrantes"

O estudo conclúe que "a precariedade contractual dos titulados, o seu escaso estímulo salarial, a ausencia de emprego de calidade e a propia estrutura empresarial galega quedan constatadas como causas da expulsión desta man de obra cualificada cara a outras rexións. Este fenómeno, coñecido como brain drain (fuga de cerebros), debilita o potencial produtivo da rexión de orixe dos emigrantes". Os autores, así mesmo, reflexionan que "aínda que a mobilidade do factor traballo teña aspectos positivos nesta etapa de globalización económica, as consecuencias sobre as áreas exportadoras de man de obra -especialmente a altamente cualificada- son indicadores claros de ineficiencias nos seus sistemas produtivos interiores". E engaden que esta fuga se fin de milleiros de mozos e mozas "vén agravar aínda máis" o problema da perda e o envellecemento da poboación, incrementando as "perspectivas nada prometedoras para a sustentabilidad da economía galega".

 

315 mil galegos e galegas, a metade menores de 30

Un 46,7% dos que marcharon fóra ten menos de 29 anos e outro 39% ten entre 30 e 44 anos

O traballo só analizou os datos até o ano 2010, polo que deixa fóra tres anos máis de crise económica que se cadra poderían reflectir un panorama mesmo máis negativo. Entre eses anos foron contratados fóra de Galicia 315.155 galegos e entraron a traballar no país 186.469, o que determina un saldo neto de expulsión de man de obra de 128.686 persoas. Porén, o máis salientable son as características cualitativas desta emigración: un 46,7% dos que marcharon fóra ten menos de 29 anos e outro 39% ten entre 30 e 44 anos. O 70% son homes, pero a emigración feminina concéntrase nas idade máis novas (o 61% delas tiña menos de 29 anos) e entre as persoas máis formadas (entre os licenciados que marchan, máis da metade son mulleres).

E, por último, trátase dunha emigración cun nivel de formación moi elevado: o 12% ten estudos superiores, o que fai un total de 40 mil licenciados e licenciadas galegas que abandonaron o país entre 2003 e 2010, ao redor da metade dos egresados das universidades galegas nese tempo (uns dez mil por ano). Ademais, preto dun 60% dos contratados fóra de Galicia presentaba "un grao de cualificación representativo", cunha formación profesional especializada.

Esta emigración dirixiuse, sobre todo, a Madrid (22,40%), seguida de Cataluña (12,11%) e Canarias (10,2%). Se nos fixamos unicamente nos licenciados, Madrd destaca aínda máis como destino, cun 39% do total, seguido de Cataluña, cun 12%.

 

As causas

Preto dun 60% dos contratados fóra de Galicia presentaba "un grao de cualificación representativo", con formación universitaria ou cunha formación profesional especializada

O traballo analiza tamén as causas deste fenómeno, que cre atopar na debilidade da economía galega, a súa escasa capacidade para xerar emprego, sobre todo emprego de calidade. Destaca, por exemplo, que os salarios na Comunidade de Madrid son até un 40% máis altos que en Galicia, ou que no noso país o 61% das empresas non teñen asalariado ningún (fronte a unha media do 40% no conxunto do Estado). Lembra tamén que en Galicia as xornadas laborais de máis de 50 horas son sempre superiores que no Estado español, chegando a acadar no ano 2005 un 17,7% do total.

Galicia vén contando historicamente cunha taxa de paro cualificado (o dos licenciados) moi superior á media española, e sobre todo moi superior á das rexións, como Madrid, onde se dirixen os fluxos migratorios galegos

Sinala igualmente que Galicia vén contando historicamente cunha taxa de paro cualificado (o dos licenciados) moi superior á media española, e sobre todo moi superior á das rexións, como Madrid, onde se dirixen os fluxos migratorios galegos. En 2005 o 10,6% dos licenciados universitarios estaba en paro (fronte á media española do 6,76%), uns datos que en 2010 case se igualaron por mor da crise (11,4% e 11,2%). Lembra tamén que segundo as estatísticas das última década o salario medio dos licenciados galegos se situaba entre os 800 e os 1000 euros mensuais, moi por debaixo da media do Estado. Finalmente, a partir de datos da ACSUG de 2010, subliña que só 4 de cada dez licenciados galegos atopan traballo ao rematar os seus estudos, mentres que o 33% continúa estudando e outro 30% prepara oposicións

Aeroporto de Lavacolla © Aena Aeropuertos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.