A administración concursal da fábrica ourensá de fotovoltaicas T-Solar vén de presentar no Xulgado do Mercantil de Vigo o plano de liquidación da empresa, estruturado en catro fases. A primeira delas é a venda da unidade produtiva no seu conxunto po 3,7 millóns de euros, a segunda correspóndese coa oferta de compra ás administracións públicas. A terceira e cuarta fase están destinadas respectivamente á opción optativa pola unidade no seu conxunto ou despezada sen prezo de saída e á liquidación mediante empresa intermediaria.
A Asemblea de Traballadores e Traballadoras de T-Solar consideran insuficiente este plano, "posto que non garante os 170 postos de traballo estruturais da actual factoría, nin tan só unha cifra e evita darlle unha prioridade absoluta á subrogación, no caso de que a empresa continúe activa, das traballadoras e traballadores afectados polo ERE", dando lugar “a un escenario demasiado aberto que non nos dá seguridade ningunha na posibilidade da nosa reincorporación” o que se entenden ademais como “unha xogada sucia por parte da Administración Concursal, dirixida a desafiar ás traballadoras e traballadores que levamos xa meses en loita polo emprego, unha loita que parece incomodar ao Concursal”.
“Entendemos como un dos éxitos da nosa actividade sindical que os prezos de saída non se disparen, e se aproximen ás cantidades que poden chegar a ofertas as posibles interesadas"
Valoran positivamente algúns aspectos do plano, con todo. Consideran “razoábeis” os prezos de saída da poxa: “entendemos como un dos éxitos da nosa actividade sindical que os prezos de saída non se disparen, e se aproximen ás cantidades que poden chegar a ofertas as posibles interesadas, con todo non son a nosa máxima preocupación, pois calquera acordo de compra terá que ser intermediado pola Xunta".
“Nesta fase final, a Xunta debe conseguir que a fábrica se venda na primeira fase. Se non, terá que asumir a súa responsabilidade e facerse cargo da fábrica na segunda fase, cando lle sexa ofrecida”
Neste senso, reclaman que o Goberno galego "deberá reparar o dano que leva xerado no cadro de persoal e na cidadanía a súa xestión irresponsable dos fondos públicos, que foi a que nos levou a esta situación”. Afirman que “a día de hoxe, as traballadoras e traballadores están a ser o balón de osíxeno que sustenta a viabilidade de T-Solar, pero iso acabouse. Hai de dar pasos. A Xunta ten que dar pasos definitivos que ou se dan agora ou non se darán nunca". Denuncian que "foi a súa nefasta política industrial a que nos trouxo ata aquí, e as súas relacións de amiguismo con Isolux, que nos estafou a todas e todos” e subliñan que “nesta fase final, a Xunta debe conseguir que a fábrica se venda na primeira fase. Se non, terá que asumir a súa responsabilidade e facerse cargo da fábrica na segunda fase, cando lle sexa ofrecida”. Conclúen que “non quedan máis opcións, ou iso ou a miseria. E non permitiremos que nos leven xa máis polo camiño da miseria ás 170 familias”.