Os datos desmontan as principais previsións do Plan Estratéxico de Feijóo

Vista do acto de presentación do plan © Ana Varela

En xuño de 2010, apenas un ano despois de chegar ao Goberno, a Xunta convocou un acto dos que o PP lle censuraba ao bipartito. O gabinete de Feijóo citou no Palacio de Congresos de Galicia ao Executivo en pleno, ademais de a un bo número de altos cargos e representantes de múltiples ámbitos sociais, políticos e económicos. O evento, para o que se deseñou e construíu un escenario específico, era a presentación do Plan Estratéxico 2010-2014: Horizonte 2020, un documento que a Xunta lle presentou ao Parlamento aínda que este non participou na súa elaboración e que ía servir, en palabras de Feijóo, para "levar a cabo a segunda modernización de Galicia", situando a primeira nos Gobernos de Manuel Fraga.

O plan, explicou Feijóo naquel acto, "fixa métodos e metas a curto, medio e longo prazo". "Convócanos en 2010, cítanos continuamente para avialiarnos, examínanos en 2014 e emprázanos ata 2020", continou. Case catro anos despois daquela cita no Palacio de Congresos e moi cerca dese "exame" o Goberno xa prepara un novo plan estratéxico, segundo confirmou o propio presidente ao remate do Consello da Xunta do pasado xoves. O seu gabinete disponse a "preparar a Galicia do 2020" nun momento no que, á luz dos datos, aínda fica camiño por percorrer para acadar os obxectivos fixados no primeiro plan.

Ademais de múltiples metas dificilmente medibles, tales como converter Galicia nunha "cidade única" ou lograr o "crecemento intelixente", o plan inclúe tamén indicadores moi concretos cuxa evolución é posible avaliar de maneira obxectiva. Se ben non existe información actualizada de todos eles, os últimos datos dispoñibles amosan unha situación que aínda está notablemente afastada da prevista por Feijóo no seu segundo ano de goberno, a comezar polos que o plan engloba baixo o epígrafe de "crecemento".

A Xunta prevía acadar o 95% do PIB per cápita medio na UE en 2014, pero a finais de 2013 estaba no 86,70%

Segundo o o plan no ano 2014 Galicia estar xa moi próxima á converxencia co resto da Unión Europea no que atinxe ao seu produto interior bruto per cápita. Nomeadamente, en 2010 o país acadaba o 90% da media comunitaria neste indicador e a Xunta prevía que en 2014 estaría xa no 95% para, en 2014, chegar ao 100%. Segundo Eurostat, a oficina estatística da Unión, en decembro de 2013 a cifra nin sequera era a mesma de 2010, senón que baixara ata o 86,70%. Algo semellante acontece coa poboación empregada de entre 20 e 64 anos. O Goberno aspiraba a que superase o 65% neste 2014 pero, segundo o IGE, no terceiro trimestre de 2013 estaba no 57,89%, tamén por baixo do punto de partida.

Os datos tampouco acompañan ao ser comparados coas previsións do plan nun dos ámbitos nos que a Xunta pon máis énfase: a internacionalización da economía. Nomeadamente, o plan refírese ao "grao de apertura da economía", indicador que se obtén sumando as exportacións e as importacións e divíndoas entre o PIB. Segundo o Goberno, en 2010 esta taxa estaba no 125% e en 2014 ía acadar o 135%. Se realizamos esta operación cos últimos datos dispoñibles, correspondentes a 2012, o indicador fica no 111%. Non obstante, outros xeitos máis ortodoxos de medilo déixano no 56%.

Coñecemento e sostibilidade

O investimento en I+D caeu ata 0,88% e o Goberno fixou a meta no 1,5% para este ano

Outro dos ámbitos nos que o Plan Estratéxico puña o seu acento é o "coñecemento", dende o sistema educativo ata a I+D. Así, a Xunta medía daquela un fracaso escolar do 26% e agardaba poñelo por baixo do 20% en 2014, co "horizonte" de mingualo ata menos do 10% en 2020. O IGE detecta actualmente un 22,30%, menor que o de 2010 pero maior do previsto. Maior desequilibrio existe no dato que mide o que, segundo a Xunta, debe actuar como panca do desenvolvemento futuro, a innovación e o desenvolvemento. O Goberno prevía que o investimento en I+D, tanto público como privado, ía superar o 1,5% en 2014 fronte ao 1% de 2010. Segundo o IGE, estes investimentos caeron sistematicament nestes anos e xa están no 0,88%. Algo mellor se comportaron as patentes rexistradas, se ben a Xunta prevía 200 e ao remate de 2013 eran 185.

No que atinxe á sostibilidade, indicador centrado esencialmente na enerxía, os últimos datos dispoñibles non permiten realizar unha avaliación real do 2014, toda vez que o Inega só ofrece información actualizada con data de 2011. Neste sentido é posible intuír que nesa altura os números ían na dirección correcta, xa que por exemplo a Xunta prevía que o consumo eléctrico de fontes renovables chegase ao 95% en 2014 e en tan só un ano pasara do 61,30% ao 70,30%. Do mesmo xeito, a previsión de produción de renovables sobre o consumo total chegaba en 2011 ao 18,60%, cando a meta para 2014. Así e todo, a nova regulamentación das renovables decidida polo Goberno central precisamente en 2011 puido mudar radicalmente o escenario futuro.

  2010 Previsión 2014 Previsión 2020 Último dato Fonte
CRECEMENTO
PIB per cápita Galicia Vs. da media UE-27 90% 95% 100% 86,70% Eurostat
Poboación empregada entre 20 e 64 anos 63,00% >65% >75% 57,89% IGE
Grao de apertura da economía 125% 135% 145% 111% Propia
COÑECEMENTO
Fracaso escolar 26% <20% <10% 22,30% IGE
Investimento en I+D 1,00% >1,5% >3% 0,88% IGE
Patentes rexistradas 176 200 280 185 INE
SOSTIBILIDADE
Consumo eléctrico de fontes renovables 61,30% 95,00% 100,00% 70,30% Inega
Produción enerxías renovables sobre consumo total 13,80% 20,00% 30,00% 18,60% Inega

 

Feijóo presenta o plan en xuño de 2010 © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.