"Cuca ten que abrir en Vilaxoán, ten que acatar a sentenza como todo o mundo, ou que?"

Concentración das traballadoras de Cuca ante a factoría © CCOO

"Un 25 de novembro ía todo perfecto en Vilaxoán, en Cuca. E un 25 de decembro anúncianos que pecha, non era normal". Falamos con María Jose Rey, presidenta do comité de empresa, que recoñece a súa alegría ante unha sentenza do TSXG que confirma outros autos e fallos anteriores e que lles dá a razón nas súas reivindicacións: "a verdade era esa: que a fábrica a fechou non porque dera perdas, nin porque fora mal", di.

Efectivamente, a sentenza do TSXG confirma todos os puntos do fallo emitido hai dez meses polo xulgado número 2 do Social de Pontevedra, anula o ERE (que afectou a 69 persoas) e o traslado da empresa ao Grove, e insta a reanudar a produción na súa localización orixnal. O texto desestima os argumentos presentados polo grupo Garavilla, propietario da conserveira, entre eles o da produtividade, e obriga, ademais, á reposición das anteriores condicións de traballo a todas as empregadas, e ao pago dos salarios ás que viron suspendido o seu contrato.

Garavilla ten dez días para recorrer, pero o persoal pídelle que acate xa a decisión. "Nós imos esixir que se nos abra Vilaxoán, imos agardar estes dez días e despois comezaremos a organizarnos, a facer concentracións e o que faga falla" -salienta María Jose Rey- "Despois de que temos a razón, e de que levamos un ano loitando, temos que esixilo. Porque ten que abrir, ten que acatar a sentenza como todo o mundo. Ou que?".

"Eu chego ás tres e media da tarde a casa, outras compañeiras ás catro, e levantámonos ás tres da mañá. Non é ningunha broma"

Dende hai meses as traballadoras da planta de Cuca en Vilaxoán teñen que desprazarse todos os días a traballar ao Grove, o que lles xera un claro prexuízo e gastos engadidos: "hai aínda un anaco que acabo de comer [son as cinco e media da tarde cando falamos con ela]. Eu chego ás tres e media da tarde a casa, outras compañeiras ás catro, e levantámonos ás tres da mañá. Non é ningunha broma".

 

Un ano de loita

A fábrica, con 82 anos de historia, está metida nas súas vidas e nas de toda a vila

A meirande parte das traballadoras (apenas hai cinco homes en todo o persoal) levan varias décadas traballando na empresa, entre 30 e 40 anos. Hai meses, nunha entrevista en Pontevedra Viva sinalaban que "veunos aquí a regra e veunos aquí a menopausia" e destacaban que "era máis a nosa casa que a propia. Eu entrei aos 13 anos, ela aos 14, ela aos 15..., antes era o que había, para a poboación feminina sempre foi unha saída, a necesidade facía que empezaramos a traballar pronto e os homes ían ao mar e nós a Cuca". A fábrica, con 82 anos de historia, está metida nas súas vidas e nas de toda a vila, e todos os veciños apoiáronas, acudindo ás mobilizacións convocadas, asinando manifestos ou levándolles comida.

O pasado 5 de xaneiro fixo un ano do inicio do ERE que permitíu o peche da fábrica de Vilaxoán e o traslado da plantilla á nave industrial do grupo Garavilla no Grove. A pesar de que o xulgado do social lles deu a razón ás traballadoras case de inmediato, a empresa recorreu ante o TSXG, deixando a situación en suspenso, o que lle permitiu seguir adiante co seu plan de desmantelamento da factoría. Para evitalo, as traballadoras alugaron unha caseta de obra e instalárona ás portas da fábrica, para manter alí unha garda con quendas de mañá, tarde e noite. Dende alí vixiaban que o propietario non retirase a maquinaria da planta, para levala ao Grove.

O desmantelamento chegou en abril, grazas a unha polémica intervención policial. Os antidisturbios "plantificaron a furgoneta ante o caseto onde estaban, impedíndolles saír"

Pero o desmantelamento chegou en abril, grazas a unha polémica intervención policial. Os antidisturbios "plantificaron a furgoneta ante o caseto onde estaban, impedíndolles saír", segundo chegou a denunciar AGE no Parlamento, e mesmo utilizaron inhibidores de frecuencias para que non funcionasen os teléfonos móbiles. A policía mesmo obrigou "os veciños das proximidades a que se metesen dentro das súas casas" mentres, ao tempo, "protexía os camións" que realizaban "o saqueo da maquinaria". "Parecen os gángsters de Chicago, coa Policía ao servizo das mafias", concluíu Beiras. A empresa continou desmantalendo a fábrica mesmo despois de que sentenzas xudiciais lle desen a razón ás traballadoras.

A policía actuaba e a Xunta miraba cara a outro lado, desentendéndose do conflito. A Conselleira de Pesca adiou durante moito tempo a xuntanza que as traballadoras lle esixiron reiteradamente, e estas mulleres manifestáronse de forma moi ruidosa ante o propio Núñez Feijoo nunha visita que o presidente da Xunta realizou a Vilagarcía o 1 de marzo.

Francisco Vilar, de CC.OO., denunciou os plans de Garavilla, grupo propietario de Cuca, para externalizar a producción da conserveira a terceros países

O persoal denunciou, igualmente, que a pesar de que a empresa lles asegurou que no Grove continuarían realizando a produción artesanal da marca Cuca, a realidade, segundo CC.OO., é que as traballadoras foron inseridas no proceso de produción de conserva industrializada doutra marca da empresa. Francisco Vilar, de Comisións, denunciou a este respecto os plans de Garavilla, grupo propietario de Cuca, para externalizar a producción da conserveira a terceros países, sinalando que as traballadoras de Vilaxoán se dedicaban no Gorve á limpieza de atún para Isabel. “Está clara a estratexia da empresa, que non apostou nunca por Cuca", denunciaba Vilar.

Concentración das traballadoras de Cuca ante a factoría © CCOO
A fábrica de Cuca, en Vilaxoán CC-BY-SA Pontevedra Viva

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.