O persoal de Freiremar concéntrase para denunciar as "irregularidades" da empresa

Protesta das traballadoras de Freiremar © CIG

As traballadoras e traballadores de Freiremar, despedidos pola empresa hai unhas semanas, continúan coas súas mobilizacións en demanda da anulación do ERE de extinción presentado pola empresa e dos soldos e indemnizacións que lles adebeda. Este mércores concentraranse diante do Marco de seis a nova da tarde, buscando “visibilizar socialmente” o conflito, mentres agardan por respostas por parte da compañia e do conselleiro de Industria, con quen hai semanas solicitaron unha entrevista para analizar a situación creada, pola que 101 dos 114 empregados en Vigo foron despedidos. 

O cadro de persoal leva semanas esixindo a anulación do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) e que se inicie unha nova tramitación, e tamén a readmisión dos traballadores despedidos até que non remate o proceso. O secretario nacional da FGAMT-CIG, Xosé Fernández Piñeiro, explicou que o expediente adoece de “vicios” na súa tramitación, xa que a dirección "limitou a información sobre a situación económica da empresa" e negociou “con mala fe” porque se se negou a “estudar alternativas”.

A pesar de que a empresa alegou non ter "liquidez" como xustificación para non pagar as nóminas pendentes e indemnizacións, persoal e sindicatos denunciaron que nas últimas semanas, no proceso de desmantelamento da factoría, retirou da planta mercadorías por valor de máis de tres millóns de euros co apoio da policía, que evitou que os traballadores puidesen deter esta operación.

A sensación xeral é de "escurantismo" e de falta de información en todo o proceso. O caso de Freiremar, cuarta empresa pesqueira de España, non é moi distinto ao de Pescanova, sobre todo no que se refire á complexidade de sociedades e filiais do grupo, que está dificultando o proceso e as vías de impugnación dos despedimentos abertas polas traballadoras e traballadores. O grupo está compostos por Freiremar, Elaborados Freiremar Vigo, Elaborados Freiremar, Freiremar Comercial e Centropesca, con actividade local, pero tamén por Ocean Eleven Trading (con sede en Panamá), Comercial D'Argoni (Cuba), Sopecasen (Senegal), Cephapeche (Marrocos), Quark Fishing (Malvinas), Heute Mer (Mauritania), Isla Alegranza (Uruguai), Freiwin (Malvinas), Kicomar (Angola) ou Isla Graciosa LTD (Sudáfrica), entre outras moitas empresas, máis de medio cento.

Segundo a CIG, Freiremar utiliza estas sociedades para “desviar beneficios” dunhas a outras: “Foron trasladando beneficios ás empresas que lles conviñan e deixando outras na bancarrota, que foron as que despois executaron os despedimentos"

Segundo a CIG, Freiremar utiliza estas sociedades para “desviar beneficios” dunhas a outras: “Foron trasladando beneficios ás empresas que lles conviñan e deixando outras na bancarrota, que foron as que despois executaron os despedimentos”. A CIG está a preparar un contrainforme económico que defenderá a viabilidade da empresa. Segundo o sindicato, os centros de Freiremar en Vigo tiñan boas perspectivas de traballo pero cando a situación económica empeorou hai meses "a empresa non tomou medidas para evitar futuros despedimentos porque o que pretende é desmantelar as plantas de traballo para salvagardar unha única parte da súa actividade, a flota pesqueira”. A pesar desta suposta situación de crise e falta de liquidez, o director do IGAPE, con quen se reuniu unha representación dos traballadores, sinalou que o IGAPE non ten prevista actuación ningunha porque desde a empresa non se puxeron en contacto coa administración en ningún momento.

Protesta de traballadoras de Freiremar © CIG
O persoal de Freiremar tamén realizou concentracións ante o SMAC de Vigo © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.