A finais de 2008 a crise económica aínda non azoutaba Galicia con toda a súa virulencia. Eran aínda os tempos da "desaceleración transitoria" e do "plus de resistencia" ante unhas dificultades que, en todo caso, poderían paliarse se na Xunta mudaba o Goberno. Unhas 156.000 persoas estaban anotadas nas oficinas de emprego de Galicia, 100.000 menos que na actualidade, e a EPA reflectía que 112.000 galegos e galegas estaban á procura de traballo, agora hai 150.000 máis. Este é o contexto no que Galicia asistía a unha verdadeira eclosión do sector dos grandes centros comerciais, un fenómeno que a cidade da Coruña viviu con especial intensidade. En outubro dese ano abría as súas portas Dolce Vita, o mesmo que as pechará definitivamente a finais deste mes.
No acto de inauguración do centro o daquela alcalde da cidade, Javier Losada, amosaba a apertura do centro como unha mostra da "aposta da iniciativa privada pola nosa cidade", os centros comerciais elixían A Coruña porque "somos unha cidade forte, líder, capaz", por iso "seguimos captando investimentos", aseguraba. O discurso do rexedor socialista naquel acto, no que non faltaron os bailes ou a bendición dun crego, estaba enmarcado na política non só do Goberno local, senón tamén da Xunta, tanto cos seus responsables no momento, PSdeG e BNG, como con Fraga. Nos meses seguintes na cidade cortábase tamén a cinta inaugural do centro comercial Espacio Coruña e, acto seguido, do enorme Marineda City, con Ikea como locomotora e situado a apenas un quilómetro de Dolce Vita.
Tras o peche de Dolce Vita o país contará con 42 centros comerciais con máis de 900.000 metros cadrados
Cinco anos despois o panorama é ben diferente. O Concello coruñés, agora co PP á fronte, admite que a cidade ten un exceso de oferta de grandes superficies comerciais. O grupo inmobiliario Chamartín, propietario de Dolce Vita, semella dar por perdido o proxecto que presuntamente ía converter o seu edificio nun enorme centro de ocio nocturno, con hordas de festeiros chegados de toda parte. Así, o centro comercial e as poucas tendas que lle quedan botará o ferrollo e Galicia terá 62.000 metros cadrados menos de centro comercial, o que implica que queda cun total de 935.000 repartidos en 42 centros ou, o que é o mesmo, un metro de centro comercial para, practicamente, cada tres habitantes.
Expansión dos grandes e peches dos pequenos
O peche de Dolce Vita é o primeiro dun gran centro comercial en Galicia e o terceiro do Estado. Parte da oposición municipal coruñesa, BNG e Esquerda Unida, amósano como síntoma dunha política comercial e urbanística errada e, no caso de EU, propón reciclalo. Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) que a Xunta dá por bos, dende 2009 e ata comezos de 2013 -último dato dispoñible- botaron o ferrollo 4.668 comercios en Galicia. Mentres Dolce Vita ou Marineda botaban a andar en 2009 deixaban de funcionar 2.299 comercios, en 2010, 1.420, en 2011 foron 631 e en 2012, 318. Se a estes datos se lle suman os de 2008 o balance é de 5.487 peches. Así e todo, o sector do pequeno comercio aínda supón o 13% do PIB galego, segundo a Consellería de Economía e Industria, e mantén máis de 100.000 postos de traballo.
Durante a expansión das grandes superficies pecharon máis de 5.000 pequenos comercios
Malia estes datos e malia criticar intensamente que o bipartito permitise a apertura masiva de centros comerciais -crítica que chegou a xurdir tamén no seo das forzas que o sustentaban- o PP vén rexeitando sistematicamente todas as iniciativas que se lle poñen sobre a mesa para gravalos tributariamente con máis intensidade e apoiar con eses recursos o pequeno comercio. Nos debates de orzamentos, no pleno de política xeral e en dúas ocasións máis en plenos ordinarios os conservadores tombaron iniciativas de AGE e do BNG para, por exemplo, cobrarlles ás promotoras destes centros uns 30 euros por metro cadrado de superficie de venda.
O PP censura que o bipartito permitise a apertura de tantos centros, pero rexeita impoñerlles novos impostos
A xuízo dos populares "non é o momento de implantar este imposto", porque en plena crise "son mías beneficiosas as ferramentas que inciten a consumir" e "non este tipo de medidas, que disuaden o consumo". A través da súa deputada Cristina Romero gravar estas grandes superficies resulta "desproporcionado", igual que impoñerlles uns horarios de peche máis rigorosos. En caso de que se tomasen algunhas destas decisións poderíase producir "a desaparición dalgún centro comercial", auguraba o pasado xuño. Os novos impostos non chegaron pero o peche, si.