A Deputación de Lugo rescinde o contrato cunha empresa que baixou os soldos

José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación © Deputación de Lugo

Alcor é unha empresa de seguridade, con sede en Monforte de Lemos, que en marzo comezou a emprestar servizos de vixilancia no Museo Provincial e no Pazo dos Deportes. Cando se fixo con este contrato, comprometeuse a manter as condicións laborais dos traballadores subrrogados da empresa de seguridade privada que a precedera neses dous centros da Deputación. Porén, non foi así, e procedeu a reducir os seus salarios, amparándose na reforma laboral. En outubro a Deputación de Lugo iniciou os trámites para rescindir o contrato desta empresa, un proceso que vén de completarse.

Segundo o organismo provincial, a adxudicataria aproveitou a reforma laboral aprobada polo PP para rebaixar os salarios dos traballadores, infrinxindo, deste xeito, o prego de condicións do contrato coa Deputación

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo acordou remitirlle o expediente aberto á empresa de seguridade ao Consello Consultivo de Galicia, que emitirá dictame no prazo máximo dun mes, para poder, finalmente, resolver o contrato. Segundo o organismo provincial, a adxudicataria aproveitou a reforma laboral aprobada polo Partido Popular para rebaixar os salarios dos traballadores, infrinxindo, deste xeito, o prego de condicións do contrato coa Deputación, que se basea no convenio estatal deste sector, recollendo as cláusulas sociais da contratación pública establecidas pola Organización Internacional do Traballo, nas que xa se definen as retribucións do persoal. 

A Deputación garántelle o emprego ao persoal afectado, xa que o prego de condicións do contrato para a prestación deste servizo estableceu a obriga de que a adxudicataria asuma o persoal 

Os e as traballadoras de Alcor levan meses demandándolle á Xunta de Galicia que tome a mesma decisión adoptada pola Deputación de Lugo e rescinda os contratos que mantén coa empresa, que conta con 800 empregados en toda España. Porén, o Goberno galego non semella que vai seguir o mesmo camiño.

José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.