A Comisión Europea pon ao descuberto as mentiras do Goberno sobre o dique flotante

Dique flotante CC-BY Fabio Durieux Lopes

"O dique flotante está sendo sometido a consulta coa UE". Afirmouno o pasado 19 de febreiro o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, no Congreso dos Deputados, preguntado pola socialista Paloma Rodríguez, nunha intervención na que o ministro afirmou igualmente que "pronto virán novos contratos" e no que lle pediu ao PSOE que "recoñecese" que o Goberno estaba conseguindo "carga de traballo" para os estaleiros. As "consultas coa EU" das que falaba Montoro referíanse a unha consulta realizada o pasado mes de xullo a través dunha carta informal, que o Executivo de Rajoy sempre elevou a xestión formal, e ante a que a UE requiriu información complementaria o pasado 28 de novembro.

O Goberno español aínda non enviou esa documentación, que a Comisión Europea agarda dende novembro para adoptar unha decisión sobre o dique flotante

Porén, como vén de ser revelado polo comisario da Competencia, Joaquín Almunia, nunha resposta a unha pregunta formulada polo eurodeputado socialista Antolín Sánchez Presedo, o Goberno español aínda non enviou esa documentación, que a Comisión Europea agarda e esixe para adoptar unha decisión sobre o dique flotante que reclaman os estaleiros e os traballadores do naval na ría de Ferrol e determinar se é complatible co veto imposto á construción naval. É dicir, hai máis de tres meses que o Goberno central bloquea esa información, vital para o futuro do proxecto. A información ausente refírese ao financiamento do proxecto e o nivel de rendibilidade para Navantia, a estrutura xurídica do proxecto de construción, unha cuantificación pormenorizada dos fondos públicos necesarios e a información financeira (real e previsións) de Navantia para os anos 2012, 2013 e 2014.

Para os socialistas galegos, "por fin demostrouse o que levamos advertindo meses: que o Goberno do PP de Rajoy mente sobre a consulta do dique flotante á UE para ocultar a súa falta de vontade política para construílo”. Para Beatriz Sestayo e Paloma Rodríguez, esta revelación confirma “a desidia, a falta de interese e a falsidade do Goberno con este asunto”.

Para o PSdeG, o Goberno "escúdase na UE para non construír o dique. As respostas da Comisión Europea demostran que o Goberno mente descaradamente"

Para o PSdeG, o Goberno "escúdase na UE para non construír o dique. As respostas da Comisión Europea demostran que o Goberno mente descaradamente, que argumentou que Bruxelas non permite a construción do dique pero o Goberno nin preguntara, logo fixeron consulta pero informal, e agora dilatan o asunto sen achegar a información que a Comisión Europea solicitou a España para poder seguir tendo unha coartada”.

E engaden: “mentres tanto, Feijóo, que en campaña electoral se presentou como garante do dique, tamén mente no Parlamento de Galicia e segue en silencio respecto a Madrid, cómplice mudo dun enredo do Goberno que está a provocar o afundimento do sector naval e de Ferrolterra”. Conclúen que "o Goberno debe presentar a pertinente documentación na Comisión Europea, debe explicar na UE que o dique non supón nova construción senón ampliación de instalacións e, sobre todo, debe facelo xa. Nada llo impide máis que a súa falta de vontade de investir nunha infraestrutura que é absolutamente necesaria”.

Xa o pasado mes de marzo, hai case un ano, o comisario Almunia revelou que as autoridades españolas non realizaran a proposta formal e agora, novamente, volve contradicir oficialmente as palabras do Ministerio

A SEPI comprometeuse en marzo de 2013 cos representantes dos traballadores de Navantia e dos alcaldes da comarca a realizar esta petición formal á UE sobre o proxecto, unha petición que foi explicada mesmo no Congreso polo propio presidente da SEPI, Ramón Aguirre. Durante meses o Goberno central defendeu que a petición xa fóra realizada, e que polo tanto o bloqueo da posibilidade de que Navantia puidese construír na ría de Ferrol un dique flotante dependía unicamente da UE. Porén, a versión ofrecidade sempre dende a Comisión europea é ben distinta. Xa o pasado mes de marzo, hai case un ano, o comisario Almunia revelou que as autoridades españolas non realizaran a proposta formal e agora, novamente, volve contradicir oficialmente as palabras do Ministerio, ao que hai máis de tres meses que lle requiriu unha documentación que o Goberno, por un ou outro motivo, non envía. Agora, de novo a pelota está no tellado do Executivo de Rajoy.

Dique flotante CC-BY Fabio Durieux Lopes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.