Os traballadores da FNAC da Coruña lideran as mobilizacións do persoal da tenda en toda España

Imaxe empregada polas traballadoras da FNAC nas súas mobilizacións © FNAC sigue en lucha

Pode que haxa quen pense que a loita de clases non se pode dar nos grandes centros comerciais ou en tendas dedicadas ás novas tecnoloxías e símbolo da postmodernidade. Haberá quen identifique os seus traballadores, novos e non sindicados na súa maior parte, cunha masa dócil, pouco propicia para folgas laboriais e protestas. Pero haberá quen pense que é precisamente neste tipo de establecementos e con este tipo de traballadores: novos, formados e cunhas condicións contractuais absolutamente precarias, onde se van librar os grandes conflitos laborais nos países desenvolvido. Algo así está a pasar na FNAC da Coruña. 

Os seus traballadores e traballadoras van comezar este sábado 22 unha serie de mobilizacións, en protesta polo despedimento dunha compañeira, que cubría unha excedencia doutra traballadora, e polas súas precarias condicións laborais, con redución de salario e aumento de xornada no último ano. Farán folga todos os sábados e o conflito pode estenderse polas tendas de toda España, xusto cando a piques de renegociarse o acordo laboral ao que se chegara hai xusto un ano. De momento, a tenda de Murcia xa se uniu á protesta, e as de Madrid, Barcelona, Bilbao, Zaragoza e Valencia poderían decidilo nos vindeiros días. Ademais da folga en si, haberá concertos e outras actividade culturais ás portas das tendas, para alimentar unha caixa de resistencia que lles permita manter a mobilización todo o tempo que sexa necesario.

Farán folga todos os sábados e o conflito pode estenderse polas tendas de toda España, xusto cando a piques de renegociarse o acordo laboral ao que se chegara hai xusto un ano

Nun comunicado difundido hai uns días as e os traballadores da FNAC da Coruña din está "fartos de ver como os beneficios da súa empresa crecen cada ano, mentres aumenta a precariedade laboral e minguan os salarios". Afirman que son tratados "como artículos de usar e tirar, como lixo" e din "estar fartos" de que "o traballador a tempo completo" sexa "unha especie en extinción" e con soldos que non superan os 900 euros; a meirande parte do cadro de persoal, denuncian, está contratado "a media xornada por debaixo do límite da pobreza", cuns horarios moi variables que lles dificultan moito o poder compatibilizalo con algún outro emprego estable. Ademais, critican a falta de "conciliación familiar" e os "horarios abusivos".

Neste comunicado tamén sinalan que a empresa "expreme a reforma laboral ao límite mentres ingresa millóns". O certo é que nos últimos anos as tendas da FNAC da Península Ibérica (a empresa non ofrece datos desagregados de España e Portugal) reduciron o seu nivel de ingresos, por mor da crise, e en 2013 ingresaron 654,4 millóns de euros, un 4,2% menos que no 2012. Porén, os directivos da empresa anunciaron recentemente que esta tendencia negativa xa se invertera no último trimestre do 2013. De feito, o grupo francés obtivo en todo o mundo 15 millóns de euros de beneficio, fronte aos 142 millóns de euros de perdas do ano anterior. Ademais, recentemente, o director de FNAC España, Marcos Ruão, anunciou que o grupo continuaría coa súa expansión coa apertura dun novo formato de tendas máis pequenas.

O pasado ano foron despedidas ao redor de 200 persoas e a empresa ameazou con recortar os salarios noutro 15%. A mobilización do cadro de persoal forzou a empresa a renunciar a estas medidas

Os e as traballadoras denuncian que a dirección de FNAC "veu utilizando os sucesivos Convenios Colectivos de Grandes Almacenes para ir empobrecéndonos paso a paso". Primeiro, os soldos foron conxelados, despois os salarios foron recortados, e as xoradas laborais eleváronse até en 28 horas semanais, cobrando o mesmo. Tamén se eliminaron outros complementos, coma o pago extraordinario por domingos e festivos, e suprimiuse a cobertura dos tres primeiros días de baixa. Ademais, sinalan, "o actual cadro de persoal recortado ao límite soporta unha carga de traballo que atenta a diario contra a nosa saúde" e "foméntase unha política constante e aterradora de presións para que os clientes se fagan socios e contraten seguros". Os e as traballadoras denuncian finalmente que estes acordos foron negociados entre a patronal do sector e dous sindicatos "dos cales un non existe na nosa empresa e o outro é minoritario".

O pasado ano foron despedidas ao redor de 200 persoas e a empresa ameazou con recortar os salarios noutro 15%, retirando ademais o seguro médico. A mobilización do cadro de persoal e unha ameaza de folga forzou a empresa a renunciar a estas medidas.

Imaxe empregada polas traballadoras da FNAC nas súas mobilizacións © FNAC sigue en lucha
Os e as traballadoras repartes estas octavillas Dominio Público Praza Pública
Tenda da FNAC na Coruña © trecepoemas.blogaliza.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.